10 jun 2025

VISITA DA ZOQUEIRA ELENA FERRO

O luns 9 de xuño puxemos o peche de luxo ao noso proxecto anual de artesanía coa visita dunha convidada moi especial: a zoqueira ELENA FERRO. 

O alumnado de 4º de Primaria traballou na Unidade Didáctica “Eu son zoqueira”, e a partir de aí, xurdiron diferentes propostas creativas, plásticas e de investigación sobre este oficio.

Elena Ferro compartiu o seu inestimable saber sobre a zoquería, un oficio que aprendeu da súa familia. Explicou con detalle os diversos materiais e ferramentas que emprega na creación de zocos, e regalounos unha demostración en vivo, onde cada movemento das súas mans narraba unha historia de paixón e dedicación que contaxiou a todos/as os/as presentes.

Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi como se fan os mallós.

Non podiamos deixar que Elena marchase sen amosarlle o noso especial recanto adicado ao oficio de zoqueira, titulado “Cos meus zocos, pasiño a pasiño”. Esta exposición formou parte da nosa Feira Artesanal do Seis do Nadal e incluíu os traballos feitos pola rapazada, que Elena observou con moito interese e entusiasmo.

Grazas á colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia, tivemos a oportunidade de participar no programa “Artesanía na escola”. Este programa ten como obxectivo achegar os oficios artesanais aos máis pequenos e pequenas, fomentar o feito a man, amosar a artesanía como unha oportunidade profesional de futuro, e transmitir valores fundamentais de consumo responsable, sustentable, e respecto polo patrimonio cultural e as tradicións.

A visita de Elena Ferro foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado, inspirando futuras xeracións a valorar e preservar as nosas tradicións culturais. Moitas grazas!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario