2 jun 2025

ROTEIRO LITERARIO CO CLUB DE LECTURA

O pasado 29 de maio, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” embarcouse nunha viaxe cultural e emocional a Padrón, coa intención de seguir as pegadas de Rosalía de Castro. Despois de inspirarnos coa lectura da novela gráfica “Rosalía oculta” de Paula Mayor, decidimos explorar os lugares que gardan a memoria de Rosalía.

A primeira parada foi a Casa Museo Rosalía de Castro. Este espazo garda a esencia da poeta, ofrecéndonos un recuncho onde a súa poesía e lembranzas cobran vida.

Coa axuda de Alberto, o noso guía e técnico de turismo de Padrón, visitamos o Xardín Botánico. Neste espazo verde, puidemos coñecer diversas especies de plantas e árbores, incluíndo algunhas que forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. O percorrido polo xardín foi unha oportunidade para conectar coa natureza, tal e como Rosalía facía nas súas obras.

Continuamos o noso percorrido polas rúas de Padrón, cheas de historia e cultura. Visitamos a rúa Rosalía de Castro, o Pazo do Bispo de Quito, a Casa da Rúa do Sol, onde Rosalía pasou parte da súa infancia, e outros lugares significativos como a casa do Concello e a praza de Macías. Cada parada foi unha viaxe ao pasado, revivindo momentos cruciais na vida da escritora.

O noso paseo levounos tamén ao carón do río Sar, un río que foi tanto literario como vital para Rosalía. Este camiño culminou no Paseo do Espolón, baixo a mirada da estatua de Rosalía de Castro, recitamos algúns dos seus poemas máis coñecidos. A xornada rematou coa visita á Igrexa Parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón que lle dá nome á vila.

Foi unha fermosa xornada para lembrar, chea de aprendizaxe e emoción, onde a figura de Rosalía de Castro brillou con forza, guiándonos a través da súa vida e obra nesta vila!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario