30 nov 2025

BIBLIOLAB: CIENCIA

Durante o mes de novembro, a BiblioLab centrou as súa programación na ciencia. As actividades e experimentos  tiñan por obxectivo espertar a curiosidade e aprender de forma divertida.

UN MUNDO AGOCHADO AOS TEUS OLLOS

O mundo que nos rodea é moito máis complexo e fascinante do que podemos ver a simple vista. Cunha ferramenta tan poderosa como o microscopio, ábrense as portas a un universo agochado, cheo de formas, cores e estruturas inimaxinables.

EXPERIMENTO: AUGA QUE CAMIÑA

Engadimos unhas gotas de colorantes ós vasos con auga, colocamos tiras de papel absorbente entre os vasos valeiros e cheos. Observamos como ao cabo de varios minutos mestúranse as cores formando outras novas!

EXPERIMENTO:LÍQUIDO NON NEWTONIANO

Mesturamos maicena e auga ata conseguir a textura máxica. Este tipo de mestura chámase fluído non newtoniano, porque non se comporta como un líquido normal. Cambia segundo como a toques: con forza faise sólida, e con suavidade volve ser líquida. É como maxia da ciencia!

ROBÓTICA

Vocabulario e pensamento computacional co escornabot.

MULLERES NA CIENCIA

Memory para xogar e aprender en equipo!

EXPERIMENTANDO COA SAL E A PEMENTA

Neste sinxelo experimento, exploraremos dous fascinantes conceptos científicos: A tensión superficial da auga e a electricidade estática. Usaremos ingredientes que temos na casa: sal e pementa!

BURBULLAS QUE NON ESTOUPAN E LIBROS SOBRE CIENCIA

Sopramos, facemos pompas e tentamos que rebote empregando luvas.

O HOME BALA VOADOR: CIENCIA E CIRCO EN ACCIÓN

Aprendemos sobre a forza do aire e a reacción: O aire sae cara atrás e empurra o globo (co home bala) cara adiante. Isto é acción e reacción, o mesmo principio que usan os foguetes reais.

28 nov 2025

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: HOLOGRAMAS DE ANIMAIS DE CIRCO

Ao longo do mes de novembro, o alumnado de 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro de programación moi especial, enmarcado tanto na celebración do Mes da Ciencia como no PDI O Gran Circo do Seis.

Nesta ocasión achegámonos á robótica e á programación a través de Scratch, creando pequenas animacións que logo se converteron en auténticos hologramas grazas ao uso dunha pirámide holográfica. O efecto foi sorprendente: os animais “aparecían” no aire, flotando sobre a pantalla, como se formasen parte dun espectáculo máxico.

Aproveitamos a actividade para reflexionar sobre a situación dos animais nos circos tradicionais. Falamos de que hoxe en día non está permitido o uso de animais, e coñecemos alternativas creativas e responsables: circos que empregan persoas caracterizadas, animais animatrónicos ou mesmo hologramas, como fixemos nós.

Foi unha experiencia chea de creatividade, aprendizaxe e ilusión, na que mesturamos ciencia, tecnoloxía e arte para descubrir novas formas de facer circo… sen necesidade de animais reais.

27 nov 2025

A RADIO DO SEIS: CIENCIA E 25N

Xa está aquí o terceiro programa da Radio do Seis!

Nesta nova entrega, a clase de 3ºB preparou un programa moi especial, cheo de ciencia e reflexión.

Novembro é o mes da ciencia, un momento perfecto para explorar, descubrir e aprender sobre o mundo que nos rodea. Ademais, achegámonos ao 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data clave para concienciar e promover a igualdade.


26 nov 2025

CULTURGAL 2025

Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, celebra a súa 18ª edición no Pazo da Cultura de Pontevedra do 28 ao 30 de novembro.

Un lugar de encontro entre os públicos e artistas, profesionais e institucións. Un espazo para poñer en contacto a creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Os expositores da Culturgal son o corazón e o motor da Feira.

O proxecto 'Perpetuando', desenvolvido dende o CIFP Imaxe e Son da Coruña, é o responsable da creación da imaxe do cartaz do Culturgal 2025, nunha actividade coordinada por Olaia Sendón, Ana Monteagudo e Elisa Vecino co alumnado do ciclo de Imaxe.

A proposta leva por título 'Cooltura' e quere representar unha cultura aberta, diversa e próxima.

Ademais dos expositores, haberá actividades como presentación de libros, espectáculos musicais, contacontos, obradoiros, teatro, cine, danza, videoxogos...

O horario será de 11,00h a 21,00h.

Ligazón ao Programa

https://cultur.gal/programa/

Máis información na páxina https://cultur.gal/

25 nov 2025

25N NO SEIS DO NADAL

Baixo o lema "Faremos maxia de verdade con amor e igualdade", o centro celebrou o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun conxunto de actividades que uniron creatividade, reflexión e compromiso.

Na biblioteca preparouse unha selección de lecturas para ler, pensar e reflexionar sobre a igualdade, o respecto e a convivencia. Libros, contos e biografías de mulleres inspiradoras encheron os andeis, convidando a descubrir historias que falan de forza, liberdade e esperanza.

Cada clase participou decorando un paraugas violeta. Empregando a cor branca e violeta, e técnicas diversas- témperas, fíos, teas-, os paraugas convertéronse en pequenas obras de arte cheas de mensaxes, símbolos e datos históricos.

O acto colectivo tivo lugar na pista de baloncesto. Vestidos cos petos violetas, o alumnado formou círculos arredor dos paraugas, que se colocaron no centro como símbolo de unión e protección. O momento culminou coa lectura do manifesto a cargo dos pregoeiros e pregoeiras do Seis, lembrando que a igualdade constrúese cada día, con palabras, con xestos e con amor. 

Unha xornada chea de emoción, cor e compromiso, na que o Seis fixo maxia de verdade: a maxia de crer nun mundo máis xusto e igualitario.

21 nov 2025

ATÍPICO CIRCO EN EDº FÍSICA

O xoves 20 de novembro recibimos a visita de Claudio de Atípico Circo. A través dunha serie de sesións lúdicas e educativas na área de Educación Física, o circo achegou a maxia e a aprendizaxe a diferentes grupos ao longo da xornada.

O obxectivo principal desta iniciativa foi o desenvolvemento de habilidades motrices fundamentais a través de actividades inspiradas no mundo do circo. 

Claudio, empregou unha metodoloxía de traballo por circuitos e rotación en estacións, fomentando así a autonomía e a aprendizaxe experimental entre o alumnado.

A proposta organizouse en dous espazos diferenciados para abordar distintas capacidades:

-Zona de Equilibrio: Esta zona centrouse en actividades que desafiaban o equilibrio, como: Pedaló, Rulo con prancha de equilibrio, Barril, Bala do mundo.

Estas probas esixían un axuste constante do centro de gravidade, potenciando a propiocepción e a seguridade postural.

-Zona de HabilidadesEsta área orientouse ao desenvolvemento da coordinación óculo-manual e a destreza, con actividades: Flowerstick, Catapulta (precisión de lanzamento), Panos de cores (iniciación a malabares), Diábolo.

Máis aló do desenvolvemento de habilidades motrices e coordinación, esta xornada tamén fomentou a autoconfianza e o desenvolvemento de valores sociais esenciais, como o respecto e a cooperación. A actividade física integrouse nun contexto lúdico e altamente motivador.

19 nov 2025

III ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA

O pasado luns 17 de novembro, o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao converteuse na pista dun circo de palabras, acollendo ao Club de Lectura do Seis do Nadal nun encontro inesquecible co mago das letras, o escritor Pere Tobaruela, autor da obra “Formigas. Misión Samaín”.

A dinámica do encontro foi enriquecedora e interactiva. Pere Tobaruela compartiu a súa traxectoria como escritor prolífico, con máis de 70 libros publicados. Revelou que clásicos como “Alicia en el País de las Maravillas” serviron de inspiración para a súa obra. Destacou a importancia de coñecer as nosas tradicións a través da narrativa e da banda deseñada, e a presenza de seres mitolóxicos nas súas historias.


Pere Tobaruela comentounos unha nova aventura das formigas na que está traballando, desta vez inmersas no mundo da intelixencia artificial. Unha historia que promete acción, misterio e moitas preguntas sobre o futuro que nos agarda!

O diálogo co autor, coma un malabarista de ideas, foi un dos momentos máis enriquecedores do encontro. Os nenos e nenas, aproveitaron para facerlle preguntas sobre a súa obra, a súa inspiración e o proceso creativo.


Tras as preguntas, asinou un exemplar para cada centro. Entregamos ao alumnado  dous agasallos feitos con moito agarimo: marcapáxinas, colgante en forma de cabaza (impresora 3D) e para Pere, unha bolsa.

Grazas Pere, por compartir a túa maxia connosco e por inspirar aos nosos nenos e nenas a soñar, a imaxinar e a amar a lectura.

18 nov 2025

"CIENCIA E CIRCO" CON ARENARIA

Os días 13 e 14 de novembro, o alumnado participou nunha experiencia moi enriquecedora coa charla “Ciencia e Circo”, impartida por María e David de Arenaria Coordinación. A través de varias sesións diámicas e interactivas, descubriron a ciencia agochada detrás do mundo do circo.

A través da experimentación práctica, o alumnado explorou os principios científicos que sustentan as habilidades dos artistas circenses. Algunhas das áreas que investigaron inclúen:

-A física do equilibrio: Como os equilibristas desafían a gravidade.

-A enerxía e o trapecio: A forza necesaria e a física do movemento.

-A elasticidade e os saltos: A ciencia detrás das acrobacias.

-A luz e a maxia: Os trucos de maxia e a ciencia da percepción.

Descubriron que conceptos como forza, enerxía, equilibrio e ritmo non son só elementos artísticos, senón tamén principios científicos fundamentais. Detrás de cada malabarista, equilibrista, acróbata ou mago, hai leis da natureza en acción. 

Estas dúas xornadas foron unha combinación perfecta de aprendizaxe e diversión. O alumnado non só ampliou os seus coñecementos científicos, senón que tamén experimentou o asombro e a emoción do mundo do circo. A experiencia axudoulles a conectar a teoría coa práctica e a ver a ciencia dunha forma máis accesible e atractiva. Grazas María e David!

17 nov 2025

EXPOSICIÓN TEMÁTICA: CIENCIA

Co gallo do Mes da Ciencia, queremos compartir unha selección de lecturas de textos de carácter científico, divulgativo así como literarios que tratan temas relacionados coa ciencia.

A ciencia é fundamental para comprender o mundo que nos rodea e fomentar a curiosidade e o pensamento crítico.

Animámosvos a explorar o fascinante mundo da ciencia a través da lectura. Estas lecturas son soamente o comezo; hai un universo de coñecemento esperando a ser descuberto. Leamos, aprendamos e celebremos a ciencia en galego!

Guía de Lecturas Ciencia de Biblioteca Seis do Nadal

16 nov 2025

MAGOSTO NA RADIO DO SEIS

O alumnado de 6º A de Primaria e 6º C de Educación Infantil embarcáronse nun emocionante proxecto de investigación sobre o Magosto. O obxectivo principal era que coñecesen de primeira man como se vive esta celebración na súa contorna máis próxima, aprendendo sobre as súas orixes, costumes e significado.

Saíron ás rúas de Coia para entrevistar aos veciños/veciñas. Durante as entrevistas realizaron preguntas para obter información sobre o Magosto. A experiencia permitiu ao alumnado conectar coa súa comunidade e valorar o patrimonio cultural do seu barrio.

No podcast, relatan as súas vivencias nas rúas de Coia, comparten as entrevistas que realizaron e explican o que aprenderon sobre o Magosto. Foi unha ferramenta para compartir o coñecemento adquirido e desenvolver habilidades de comunicación, traballo en equipo e creatividade.


Agardamos que o desfrutedes!!!