12 oct 2025

A ILUSIÓN DE LER

O vindeiro venres 17 de outubro contaremos coa presenza da compañía viguesa “Magia en la Manga” que realizará un espectáculo de maxia e animación á lectura, “A ilusión de ler”. 

Acompañaremos ao mago Oscar nunha aventura máxica polo universo dos libros e comprobaremos que a verdadeira maxia está agochada nas súas páxinas, onde os personaxes cobran vida e as historias convértense en asombrosos trucos de ilusionismo.

10 oct 2025

DÍA DAS ESCRITORAS 2025

O DÍA DAS ESCRITORAS é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, asociación  para a igualdade de mulleres e homes na cultura. Ademais, contará coa colaboración da Asociación Colexial de Escritoras e Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. 

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 16 de outubro. A X Edición celébrase este ano 2025 o 13 de outubro baixo o lema

“1975: Escribide, compañeiras!”

"As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo".

Anna Caballé, comisaria de la X edición del Día de las Escritoras

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Na selección de textos en galego a transcrición dos distintos fragmentos decidiuse manter a ortografía da escrita orixinal previa ás convencións derivadas das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego de 1983. Alén de ser unha mostra da literatura do momento, é tamén un reflexo das dificultades que comportaba escribir nunha lingua que carecía dunhas normas ortográficas e morfolóxicas estables.

Vaia con esta escolma o noso agradecemento e recoñecemento a estas dez autoras, mulleres que nos anos 70 publicaron en galego, pola súa obra e o seu compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura. 

Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visibilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras25

SELECCIÓN DE TEXTOS EN GALEGO

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

5 oct 2025

MOCHILAS DE XOGOS EN FAMILIA

Co obxectivo de compartir momentos de diversión e aprendizaxe en familia continuamos coa actividade das Mochilas de Xogos iniciada o curso pasado. Unha iniciativa pensada para encher os vosos días de risas, creatividade e momentos inesquecibles.

Preparamos 7 mochilas (4 para Edº Infantil e 3 para Edº Primaria) para os diferentes niveis educativos.

Cada mochila contén dous xogos, acompañados das súas respectivas normas de uso. Ademais, para facilitar a comprensión, cada xogo inclúe instrucións detalladas e un código QR que enlaza a un vídeo explicativo.

A partir do 7 de outubro as familias interesadas poderán solicitar o préstamo dalgunha das mochilas. O prazo de préstamo será dunha semana.

Para solicitar unha mochila, envía un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com, indicando o nome do teu fillo ou filla e o curso correspondente. A asignación das mochilas realizarase por orde de solicitude e rexistrarase co número de carné da biblioteca do alumnado.

Na seguinte presentación, podedes ver con máis detalle os xogos incluidos en cada mochila.

Mochilas de xogos de Biblioteca Seis do Nadal

3 oct 2025

COMEZA A FUNCIÓN!!!

O luns 1 de outubro a Biblioteca abriu as portas da súa gran carpa!!! Ábrese o pano e comeza a función!!!

Todas as clases recibiron a invitación de Broli, a nosa mascota, que nos convida a visitala.

Na biblioteca agardávanos unha sorpresa que daba inicio ao PDI deste curso: unha carta e unha caixa que contiña diferentes elementos do circo para xogar, rir e compartir moitas aventuras circenses.

Poidemos ver a exposición de novidades, realizar os primeiros préstamos e desfrutar dos novos materiais.

A biblioteca convértese nun gran circo das palabras e das historias!!


Nos seus andeis agárdanvos milleiros de viaxes sorprendentes, aventuras cheas de acrobacias, retos de equilibrista e investigación dignas dos/das mellores ilusionistas.

Cada libro é un número distinto: uns fan rir, outros fan soñar, e algúns deixan coa boca aberta coma un gran espectáculo. Entre as súas páxinas saltan acróbatas de palabras, malabaristas de ideas e domadores de emocións. Un circo onde nós, os lectores e lectoras, somos o público entregado, disposto a deixarse sorprender e emocionar.

22 sept 2025

ARANTZA PORTABALES INAUGURA O CLUB DE LECTURA

O xoves 18 de setembro, o Club de Lectura de Adultas "Ás seis no Seis" abriu as súas portas a unha nova tempada chea de misterio e lecturas. 

A escritora Arantza Portabales acompañounos nunha tarde especial, na que nos mergullamos nas páxinas do seu último libro, ”Asasinato na casa rosa”.

Vestidas de rosa, acompañamos á inspectora Iria Santaclara e a César Araujo na intrincada tarefa de desvelar os segredos da familia Villamor. Unha viaxe a través de mentiras, intrigas e a atmosfera enigmática dunha casa que garda máis do que amosa e que atrapa ao lector/lectora desde a primeira páxina.

Arantza compartiu con nós a esencia da súa obra: a súa inspiración, o proceso de creación da novela, a historia que se esconde detrás de cada personaxe e detalles. A súa proximidade e simpatía crearon un ambiente cálido e acolledor.

A novela "Asasinato na casa rosa", cos seus capítulos curtos e a súa linguaxe fluida, invita a mergullarnos nunha trama intricada onde nada é o que parece. 


Os personaxes, tanto principais como secundarios, están construidos con gran profundidade, explorando a súa psicoloxía e as súas motivacións. A autora amosa a complexidade das relacións humanas e a capacidade que teñen as persoas para ocultar a súa verdadeira identidade.

Ademais, a ambientación xoga un papel fundamental na novela. O pobo costeiro galego, co seu ambiente misterioso e as súas paisaxes evocadoras, convértese nun personaxe máis, contribuindo a crear unha atmósfera de suspense e intriga. Esta obra é só o comezo da serie "Os crimes de Loeiro" prometendo máis misterios por resolver.


O encontro rematou coa sinatura de libros, un momento máxico de conexión entre a autora e as lectoras. Compartimos doces, froita e unha infusión de xenxibre e limón que endulzaron a xornada.


Grazas, Arantza, por unha tarde inesquecible!

18 sept 2025

BUSCAMOS AXUDANTES

A biblioteca é un espazo para soñar, para aprender, para compartir, onde cada man pode axudar, cada ollada pode descubrir e cada voz pode contar. Cada persoa que participa fai que medre e se encha de vida.

Se estás en 6º de Primaria e queres formar parte deste equipo agardámoste no recreo do luns 22 de setembro no que explicaremos o seu funcionamento.

Animádevos!!!

17 sept 2025

PROXECTO DOCUMENTAL ANUAL

Este curso o Seis convértese nun gran CIRCO abrindo as portas da nosa gran carpa mergullándonos na maxia que envolve este espectáculo.

Convidamos ás crianzas a explorar o mundo como verdadeiros/as artistas de circo: facendo malabares coas ideas, buscando equilibrio nas emocións, descubrindo a música da aprendizaxe e deixando que a súa creatividade se eleve como acrobacias no aire.

Un proxecto no que seguiremos a traballar por un futuro sostible, colaborando conxuntamente para acadar os Obxectivos ODS da Axenda 2030.

Agardamos contar coa vosa colaboración nas distintas actividades de investigación e creación propostas dende o cole!!!

15 sept 2025

A BIBLIOTECA POLAS TARDES

Co inicio das actividades extraescolares procedemos á apertura da Biblioteca polas tardes informando dos horarios, as normas e as actividades que se desenvolven.

14 sept 2025

CLUBS DE LECTURA

Voltan os Clubs de Lectura do Seis!

Se che gustan os libros e as historias, este é o teu lugar. No Club de Lectura poderás compartir lecturas, falaremos dos nosos personaxes favoritos, recomendaremos libros e descubriremos novas aventuras xuntos.

Se estás en 5º ou 6º de Primaria e queres formar parte desta experiencia, agardámoste o martes 16 de setembro no recreo. Alí explicaremos  como funciona o Club e como podes participar.