24 mar 2026

CINEMA: MULLERES ARTISTAS DO CIRCO

A actividade "Cinema na Biblio" do mes de marzo estivo dedicada ás mulleres artistas do circo. Exploramos a evolución do papel da muller no mundo circense, dende ser consideradas obxectos de admiración ata ser recoñecidas e admiradas polas súas habilidades excepcionais e a súa contribución artística. 

Proxectamos unha escolma do espectáculo "Amaluna", do prestixioso Circo do Sol (Cirque du Soleil), unha produción estreada en 2012 que rende un sentido homenaxe á forza e á feminidade das mulleres. Esta proxección foi pensada para un público de todas as idades, dende os máis pequenos ata os maiores. 


Dirixido por Diane Paulus, "Amaluna" narra unha cativadora historia de amor e equilibrio que se desenvolve nunha misteriosa illa gobernada por deusas. Un elemento distintivo é que o elenco está composto nun 70% por mulleres, subliñando o talento feminino no mundo do circo.

A trama de Amaluna inspírase libremente en "A tempestade" de Skhakespeare e nos mitos da Grecia Antiga, creando unha atmósfera máxica e evocadora. A música, interpretada por unha banda sonora composta exclusivamente por mulleres, engade unha capa adicional de beleza e poder á experiencia circense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario