O luns 18 de maio, os Clubs de Lectura do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal e do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao compartimos unha xornada moi especial co escritor Pedro Feijoo, autor do libro “Pequena historia de Vigo”, que condensa séculos de historia da cidade en formato cómic. Guiados polas súas palabras emprendemos un roteiro literario polos recunchos máis emblemáticos e cheos de memoria da nosa cidade.
O percorrido comezou
nas ruínas do Castelo de San Sebastián, situadas xusto detrás da torre do
Concello. Desde alí puidemos gozar das vistas da cidade, imaxinando como
sería aquel Vigo antigo que o libro nos axuda a reconstruír.
A seguinte parada foi o Banco dos Contos, que non serviu para narrar historias. Alí, segundo nos contou Pedro, os comerciantes sentaban para facer as contas das vendas dos seus produtos.
Paseamos pola cidade vella, reparando nos edificios e construcións que agochan segredos e historias.
Na Porta do Sol detivémonos diante do edificio construido por Pacewicz, buscando na súa fachada a data de construción: 1902. Alí tamén coñecemos un detalle sorprendente: as marcas dos impactos da Guerra Civil que aínda se conservan na pedra. Un recordo visible dun tempo escuro que nos convida a reflexionar sobre a memoria.
Ao rematar o percorrido, Pedro Feijoo lembrounos que está nas nosas mans contar todo o que vimos para que non se perda, e que as novas xeracións temos a responsabilidade de conservar a nosa memoria.
Foi un día cheo de aprendizaxe,
historia e literatura, na que descubrimos que Vigo agocha relatos en cada
recuncho. Grazas a Pedro por facernos mirar Vigo con outros ollos e por
compartir connosco a súa paixón pola cidade.


.png)


.png)
No hay comentarios:
Publicar un comentario