Mostrando entradas con la etiqueta Cine. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cine. Mostrar todas las entradas

5 may 2025

CINE NA BIBLIO EN ABRIL

O venres 25 de abril, con motivo do Día do Libro, a biblioteca organizou unha sesión de cine para os/as maiores. Tivemos a oportunidade de ver “Os fantásticos libros voadores do Sr. Morris Lessmore”, unha marabillosa curtametraxe animada de 2011 dirixida por William Joyce e Brandon Oldenburg. Esta obra, que foi galardoada cun premio Óscar na categoría de mellor curtametraxe animada, conta unha historia que xira en torno ao amor polos libros. Reflicte como os libros teñen a capacidade de iluminar as nosas vidas e o marabilloso que é mergullarse nas súas páxinas cheas de aventuras e coñecementos.

O luns  28 de abril, foi a quenda dos máis pequenos/pequenas. Descubriron unha forma de viaxar diferente: por mundos imaxinarios, simplemente visitando a biblioteca e adentrándose en contos de todo tipo. A curta “Lo que te conté mientras paseabas por la Biblioteca” de María Abal del Blanco, un Traballo de Fin de Máster que percorreu varios festivais de cine, mostroulles como os libros poden abrir portas a mundos novos e fascinantes.

Para completar a celebración, non podía faltar unha adaptación infantil de “Don Quijote”. Esta versión adaptada permitiu aos nenos achegarse a unha das obras máis importantes da literatura universal, facendo que se sentisen parte das aventuras do famoso cabaleiro andante e o seu fiel escudeiro.

24 mar 2025

CINE NA BIBLIO EN MARZO

Polo mes de marzo no Cine da Biblio proxectamos un ciclo de curtametraxes protagonizadas por nenas e mulleres, historias extraordinarias, cheas de imaxinación.

Así o alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria puideron desfrutar de “Soar”, a historia de Mara, unha nena de 13 anos que soña con deseñar avións. Coñeceron a Anya, unha nena orfa que vive nun orfanato en Rusia. E que trata de superarse cada día para conseguir ter a súa propia familia. E puideron facer voar a imaxinación con 3 mulleres fantásticas capaces de dominar unha onda do mar cos seus cantes e bailes ou emocionarse coa filla do queixeiro que axuda e anima ao seu pai para que non se rinda.

O alumnado de Infantil e 1º ciclo de Primaria pola súa banda descubriron a Alice con un don para debuxar e facer sorrir a quen a rodea. E a nenas cunha gran empatía dispostas a salvar animais ou revoltosas con facilidade para facer amizades sen importar a idade.

16 dic 2024

CINE DE NADAL

Neste mes de decembro tivemos novas sesións de “Cine na Biblio”. De 3º a 6º de Primaria foron o venres 13, na hora do recreo, a ver Tabby McTat, unha adaptación do conto de Julia Donaldson e Axel Scheffler, sobre un gato que perde ao seu dono antes do Nadal.

As máis pequenas e pequenos do cole, o luns 16, puideron divertirse cunha das historias do “Raposo Grande e Malo”. O filme é unha adaptación das obras de banda deseñada de Renner. Dentro deste filme proxectamos o conto “Hai que salvar o Nadal”.

28 oct 2024

CINE DE MEDO

En outubro comenzamos coas sesións de Cine na Biblio, nos recreos.

Nesta ocasión, a temática foi “cine de medo” polo Samaín.

Para o alumnado de 3º a 6º de Primaria, o venres 25 de outubro, proxectáronse "A meiga chuchona” e “Meigallos, sombras e papas de arroz”.

O luns 28 de outubro, proxectouse para o alumnado de Edº Infantil e 1º Ciclo de Primaria, "Corre, corre cabaciña" e "A bruxa regañadentes". Dous contos da colección Contos do Camiño de OQO que están na nosa biblioteca.

O alumnado acudiu coa sua entrada, que tiña un código QR para poder ver as curtas na casa.

Pasamos un pouco de medoooo...!!!

7 may 2024

CINE NA BIBLIO

No mes de abril en Cine na Biblio, proxectamos para Edº Infantil e 1º Ciclo a gañadora do Oscar en 2011 á mellor curtametraxe animada, “Os fantásticos libros voadores do Sr. Morris Lessmore” de William Joyce e Brandon Oldenburg. 

Inspirada no furacán Katrina e no Mago de Oz é unha historia de persoas que adican a súa vida aos libros e os libros devólvenlles o favor.

Posteriormente, como non podía ser doutra maneira, Joyce publicou o álbum ilustrado baseado na curtametraxe, que é un dos favoritos desde fai anos na nosa biblioteca.

Para conmemorar o 23 de abril e ao noso escritor máis ilustre, Miguel de Cervantes, para os máis maiores houbo un capítulo da serie de RTVE “Don Quixote da Mancha”.

5 abr 2024

CINE NA BIBLIO

No mes de marzo o Ciclo de Cine na Biblio centrouse na temática do Día da Muller.

O luns 18 de Marzo o alumnado de Edº Infantil e 1º Ciclo de Primaria puideron desfrutar de tres curtas:

-   “Un pequeno paso” de Bobby Pontillas sobre unha nena que soña con ser astronauta.

-  “Por sempre xamais” de Jordi García inspirada en Michéle Mouton, a primeira muller en gañar unha carreira do Campionato do Mundo de Rally.

-  Por último, proxectamos o vídeoconto de Gema Otero Gutiérrez e Juan Antonio Muñoz “Lalo, o príncipe rosa”.

O mércores 20 de marzo o alumnado de 2º e 3º Ciclo de Primaria, visionaron o documental de National Geographic “Mulleres”, sobre grandes profesionais que rompen os estereotipos tradicionais de xénero. Puideron escoitar e ver imaxes reais dos traballos de mulleres como a oceanógrafa gañadora do Príncipe de Asturias á Concordia, Sylvia Alice Earle ou a primatóloga e mensaxeira da Paz, Jane Goodall.

5 feb 2024

CINE POLA PAZ

Na última semana de xaneiro, dentro do programa de “Cine na Biblio”, proxectamos curtametraxes e videocontos coa temática do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Os e as máis pequenas puideron ver “Azulado” de Saschka Unseld, a historia dun paraugas azul nun día de chuvia que precisa dunha man amiga na perigosa cidade. E “Piper” de Alan Barillaro, un paxariño que está aprendendo a valerse por sí mesmo pero non poderá facelo sen axuda.

As e os maiores do cole pola súa banda emocionáronse con “Viento” de  Edwin Chang, unha avoa e o seu neto intentando fuxir a un mundo mellor. E recordamos “E que podo facer eu?”, un album ilustrado de José Campanari e Jesús Cisneros que se encadra dentro da serie “Contos do Camiño” e do que temos a edición impresa na nosa biblioteca para que poidan desfrutar cando queiran.

1 dic 2023

CINE DE CIENCIA NA BIBLIO

A última semana de novembro tivemos Cine de Ciencia na Biblioteca.

O  mércores 29, o alumnado de Edº Infantil e 1º ciclo de Primaria viron “Os sabios. A historia da fotografía”.

Para os máis maiores, de 3º a 6º de Primaria, o venres 1 de decembro, proxectamos unha película sobre Alexander Fleming, a quen estaba adicado este mes de  novembro, mes da ciencia nas bibliotecas escolares.

Acudiron coas súas entradas, que tiñan un código QR e así poder ver as curtas na súa casa.

1 nov 2023

SAMAÍN NO SEIS

Chegou  o Samaín ao Seis!!!

Durante esta semana estivemos traballando sobre esta temática coas seguintes actividades:

Exposición de lecturas terroríficas: de pantasmas, bruxas, cabazas, monstros...

Hora de ler ás escuras

O 30 e 31 de outubro fixemos a Hora de Ler ás escuras. Coas persianas baixadas e coas nosas lanternas desfrutamos das nosas lecturas. Pasámolo de medoooo… lendooooo!!!

Exposición de cabazas

Decoradas coa temática deste curso (fotografía, cine…). Grazas ás familias pola vosa colaboración!!!


Contacontos

A cargo do voluntariado da biblioteca. Prepararon dous contos: “Corre, corre, cabaciña” e “Os esqueletos divertidos” que contaron na Hora de Ler ás clases de Edº Infantil. Fixérono xenial!! Grazas polo voso traballo.

Contos de medo musicados

Inventados polo alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria na aula de Música. Podedes escoitalos premendo na ligazón.

https://ofiadeirodoseis.blogspot.com/2023/10/historias-de-medo-musicadas.html

Cartelería de cine

Cada clase elaborou o seu cartel cunha película de medo.

Cine de medo

Comezamos este curso coas sesións de Cine na Biblio no recreo. Nesta ocasión a temática foi cine de medo polo Samaín.

O luns 30 de outubro proxectouse para o alumnado de Infantil e 1º Ciclo de Primaria "Corre, corre cabaciña" e "Fiz, o coleccionista de medos". Dous contos da colección Contos do Camiño de OQO que están na nosa biblioteca.


Para o alumnado de 3º a 6º de Primaria, o martes proxectáronse "A bruxa regañadentes" da mesma colección e a "A historia máis espeluznante de Mickey Mouse".


O alumnado acudiu coa sua entrada, que esta vez tiña sorpresa, un código QR para poder ver as curtas na casa.
Pasamos un pouco medo... e moitas risas!!!

Robótica

Programación de Scratch para 6º con temática de Samaín (movementos básicos e incorporación de textos con saúdos).

30 may 2023

EN MAIO, CINE NA BIBLIO

O martes 30 de maio celebramos na biblioteca outra sesión de cine. Desta vez, os espectadores e espectadoras foron os máis pequenos da escola, o alumnado de Infantil.

Proxectáronse varios episodios da serie “A tropa de trapo”, desta maneira acercamos aos cativos/cativas ao mundo animal dunha maneira lúdica e colorida. Vimos como se transforma unha eiruga en bolboreta, e tamén como podemos comprender os medos dos demais e axudarlles a superalos.

Para entrar, nesta ocasión, tiñan a súa entrada de cine que lle picamos e levaron de recordo. Estiveron moi atentos amosando sen dúbida que os nosos pequenos e pequenas son grandes espectadores e espectadoras.

4 may 2023

CINE NA BIBLIOTECA

O xoves 27 de abril, co gallo do mes dos libros, proxectamos na biblioteca o principio da serie “Don Quijote de La Mancha” co fin de conmemorar o aniversario da morte do escritor Miguel de Cervantes. O obxectivo era achegar dunha maneira lúdica a súa principal obra.

Nesta ocasión, o alumnado tivo que coller entrada para acceder ao cine, esgotáronse enseguida.

7 abr 2023

CINE NA BIBLIOTECA

Neste curso comezamos co ciclo de Cine na Biblioteca, o último martes de cada mes na hora do recreo.

A primeira sesión de cine foi no mes de novembro, para Infantil, 1º e 2º de Primaria, co episodio de debuxos animados de “Érase unha vez... os inventores”, titulado Marie Curie. Encadrámalo dentro do mes da ciencia e, así os máis pequenos/as, puideron aprender sobre a vida desta gran descubridora, grazas a cal podemos hoxe facer fotografías dos nosos ósos. Foi un grande estreo e prometeron volver noutra ocasión.

A segunda sesión de Cine foi en decembro, para o 3º e 4º de Primaria, e proxectamos unha adaptación en debuxos do “Conto de Nadal” de Charles Dickens. As andainas deste rico empresario entre o pasado, o presente e o futuro. Aproveitamos para meditar nestas datas sobre o futuro que queremos e como debemos de actuar para conseguilo.

Na sesión de xaneiro de Cine, para 5º e 6º de Primaria, co gaio da entrega de premios do cine español, proxectamos o corto gañador do Óscar á mellor curtametraxe de animación no 2013. Afondamos nun mundo futurista onde todo parece distinto pero as emocións e os sentimentos seguen sendo os mesmos.

No mes de febreiro a sesión de cine adicouse aos contos infantís levados á pantalla. Proxectamos varios episodios da serie Caracois en homenaxe ao seu autor Armando Quintero Laplume polo aniversario do seu falecemento en febreiro do 2022.

En marzo continuamos cos contos levados ao cine. Nesta ocasión, trátase de “O Grúfalo” de Julia Donaldson y Axel Scheffler, para o 1º e 2º de Primaria. A súa adaptación á pantalla grande foi nominada aos Oscars en 2011, despois de que este libro fóra traducido a case 50 idiomas ao longo de todo o mundo. Unha xoia que habita na nosa biblioteca desde fai anos e que cada curso descobren novas xeracións de ollos inquedos cheos de imaxinación.

5 dic 2022

RECREOS DE CINE

Comezamos cunha nova actividade: Recreos de cine.  Agardamos que vos guste!!!

O último martes de cada mes transformaremos a nosa biblioteca nunha  pequena sala de cine para poder disfrutar de películas e cortos.

O 29 de novembro foi o alumnado de Edº infantil, 1º e 2 º de Primaria, os que o pasaron fenomenal con “Érase unha vez... Os inventores, Marie Curie”, coñecemos e aprendemos moita información sobre este gran científica co gallo do Mes da Ciencia. Foi todo un éxito!!!