30 abr 2026

ABRIL DE CINE E LIBROS

Durante o mes de abril, para celebrar o Día do Libro, o noso Cine da Biblio encheuse de aventuras, risas e moita imaxinación. Este ano, o protagonista foi o noso ilustre escritor Miguel de Cervantes e a súa obra máis coñecida: “El Quijote”.

Os nenos e nenas máis pequenos gozaron coa proxección dos “Lunnis de leyenda”, que lles amosaron quen foi Cervantes e quen era ese cabaleiro soñador chamado Don Quijote de La Mancha. Entre cancións e contos, descubriron que ler tamén é unha forma de viaxar e de soñar esperto.

Os maiores mergulláronse nun capítulo da serie “Don Quijote de La Mancha”, onde se narra a famosa aventura do barco encantado. A emoción foi en aumento ata o final, cando todos se preguntaron: onde estaba o barco encantado? A resposta, como ben aprendeu Don Quijote, estaba na imaxinación.

Estas sesións de cine deixáronnos unha gran ensinanza: a imaxinación é o mellor barco para viaxar por mares de historias. E, como Don Quijote, tamén nós podemos soñar con aventuras imposibles cada vez que abrimos un libro.

29 abr 2026

VISITA DE IAGO LÓPEZ

O venres 24 de abril recibimos a visita de Iago López, que compartiu co alumnado de 1º de Primaria unha fermosa animación á lectura arredor do seu libro A pequena osa quere xogar”.

Durante a sesión, as nenas e nenos participaron de maneira activa, riron, desfrutaron e pasárono en grande mentres descubrían a historia desta pequena osa tan especial. 

A protagonista do conto enfróntase aos prexuicios do bosque para demostrar que o xénero non determina nin as nosas habilidades nin os nosos gustos. Un relato cheo de sensibilidade que nos convida a ser valentes, auténticos e a seguir os nosos desexos.

Unha mañá chea de emocións, aprendizaxes e moita ilusión pola lectura. Grazas, Iago, pola túa visita e por inspirar ao noso alumnado!

28 abr 2026

XVIII XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

Mañá 29 de abril, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de Clubs de Lectura, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Esta XVIII Xornada dos Clubs de Lectura reunirá a arredor de 600 persoas, entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado. 

Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2026, que desta vez recaeu no escritor Manuel Rivas por ser o autor galego máis lido nos clubs de lectura no curso 2024/2025.

Comezará a xornada cunha conversa virtual co autor premiado, continuaremos coa intervención do mediador e coordinador do Premio Mandarache Alberto Soler, disfrutaremos dunha conversa arredor doutros clubs de lectura en librarías e bibliotecas públicas e unha charla sobre clubs de lectura fácil. Pola tarde teremos sesións simultáneas coa experiencia de nove centros integrados no programa e a presentación da plataforma M8 por ler. O peche da xornada dará voz ás persoas que participan nos clubs de lectura. 

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

27 abr 2026

PEDRO FEIJOO NO CLUB DE LECTURA

O 22 de abril o Club de Lectura “Ás seis no Seis” do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal e o Club de Lectura de Adult@s do IES Alexandre Bóveda compartiron unha xornada inesquecible coa visita do escritor Pedro Feijoo. O autor achegouse para conversar arredor da súa novela “Onde nacen as bestas”, un relato intenso que non deixa indiferente a ninguén.

En “Onde nacen as bestas”, Pedro Feijoo mergúllanos nunha historia chea de tensión, misterio e simbolismo. A través dun contexto rural e de personaxes complexos, o autor convida a reflexionar sobre os límites entre o humano e o salvaxe, entre a razón e os instintos máis primarios. Ispirada na lenda do lobishome de Allariz, Romasanta, a novela combina realidade e mito cunha forza narrativa que atrapa dende as primeiras páxinas.

Para acoller o encontro, o espazo decorouse para a ocasión cunha careta de lobo e elementos de costura, símbolos que evocan o universo da novela e a personalidade dos seus protagonistas. 

Pedro Feijoo, destacou a importancia de investigación e documentación exhaustiva no seu proceso creativo. Contou que viviu durante un tempo en Rebordechao, para coñecer de preto o territorio e as persoas que inspiraron a súa historia.

Durante a conversa, compartiu anécdotas, reflexións e curiosidades abordando diferentes aspectos presentes na novela, como os incendios forestais, a crítica social e o papel da memoria colectiva na construcción das identidades.

A xornada rematou cun toque doce e entrañable: a tradicional bica branca de “A Casa das Bicas” de Soutelo Verde, que puxo sabor a unha tarde chea de emoción e complicidade.

O encontro con Pedro Feijoo foi unha oportunidade para dialogar sobre literatura, identidade e memoria. Moitas grazas, Pedro, por compartir connosco esta viaxe literaria.

26 abr 2026

O GRAN CIRCO DOS LIBROS

O Día do Libro celebrouse cunha función moi especial: O Gran Circo dos Libros. A nosa tradicional actividade de Madriñas e Padriños Lectores encheuse de maxia, cor e fantasía, transformando o patio nun auténtico espectáculo literario.

Baixo unha carpa imaxinaria, os libros convertéronse en auténticos artistas: malabaristas das palabras, equilibristas das emocións e magos das historias. Os máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) asumiron o papel de padriños e madriñas lectoras, mentres que os máis pequenos/as (Infantil, 1º e 2º de Primaria) foron o público entusiasta, disposto a deixarse levar pola maxia da lectura.

Para completar o espectáculo, os nenos e nenas máis pequenos prepararon fermosos marcapáxinas circenses, cheos de cor, que agasallaron aos seus padriños e madriñas.

A xornada deixounos momentos inesquecibles: historias compartidas, sorrisos cómplices e moita emoción. Cada lectura foi unha función única, un número cheo de maxia e amizade. 

Ler é un espectáculo marabilloso!!!

25 abr 2026

O DÍA DO LIBRO NA RADIO DO SEIS

O alumnado de 5º de Educación Infantil A e 2ºA de Educación Primaria elaborou un podcast moi especial para celebrar o Día do Libro.

Nesta ocasión, uníronse para compartir unha historia chea de imaxinación e aprendizaxe: “A escada vermella”. Neste relato, as nenas e nenos contan a historia dunha escada que non serve só para subir, senón tamén para soñar. A través das súas voces, o conto cobra vida e convídanos a descubrir como cada chanzo pode levar a novos mundos, aventuras e emocións.

O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro, unha data que lembra a importancia da lectura, da palabra escrita e da creatividade.

No noso centro, esta celebración é unha oportunidade para compartir historias, descubrir novos contos e dar protagonismo ás voces do alumnado. Desfrutádeo!!!


24 abr 2026

VISITA DE PABLO NOGUEIRA

O martes 21 de abril recibimos a visita do escritor Pablo Nogueira, que conversou co alumnado de 3ºA sobre o seu libro “Ringo. Memorias dun coello fedello”.


Durante o encontro, Pablo explicounos que decidiu escribir sobre o circo porque lle lembraba á súa infancia, canto lle fascinaba ese mundo cheo de maxia e posibilidades infinitas. 

 

Nesta obra, Pablo preséntanos a historia de Ringo un coello que traballa cun mago no circo. A aventura aborda temas como a diversidade, a amizade, a empatía, a inclusión e a igualdade, a través dos personaxes do Circo Fantabuloso, que rompen cos estereotipos e transmiten valores positivos.


Ao longo da sesión houbo tempo para formular preguntas e compartir curiosidades que xurdiron durante a lectura. Pablo tamén nos comentou o número de libros que leva escritos e as súas temáticas. 


O alumnado aproveitou a ocasión para amosarlle os traballos que elaboraron a partir da lectura do libro, o que fixo a conversa aínda máis especial.


O encontro rematou cun momento moi especial: Pablo asinou os exemplares do alumnado, deixando en cada un deles unha fermosa dedicatoria.


Moitas grazas, Pablo, por compartir o teu tempo connosco e facernos vivir unha xornada tan agradable e inspiradora.


23 abr 2026

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2026

Hoxe 23 de abril, celebramos o Día Mundial do Libro e do Dereito de AutorÉ unha ocasión especial recoñecida pola UNESCO para homenaxear a importancia dos libros e dos dereitos de autor. 

Para conmemorar esta data, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional editou un cartel especial.

Acudiuse a unha persoa referente da literatura galega, neste caso á Doutora en Xornalismo, escritora e xestora cultural EVA MEJUTO, recoñecida polo lectorado infantil e xuvenil galego co Premio de Clubs de Lectura 2021.

Un fermoso agasallo para as bibliotecas escolares de Galicia que convida a celebrar o libro e a lectura:

Postal Día do Libro 2026

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

21 abr 2026

IX MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS

A biblioteca organiza durante este mes de abril o IX Mercado Solidario de Libros usados, unha actividade que forma parte do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

O obxectivo principal deste mercado é dar unha segunda vida aos libros procedentes do expurgo da biblioteca, promovendo ao mesmo tempo valores de responsabilidade e solidariedade entre o alumnado. Trátase dunha excelente oportunidade para compartir, axudar e contribuír a un mundo máis xusto.

          -Datas: Do 21 de abril ao 8 de maio

       -Lugar: Vestíbulo do centro

O alumnado poderá levar un libro a cambio de achegar alimentos non perecedoiros (fariña, azucre, pastas, conservas...). Deste xeito, cada intercambio convértese nun xesto solidario.

A actividade está organizada polo voluntariado da biblioteca durante os recreos, de 11,30h a 12,00h.

Todos os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo, contribuíndo así a apoiar ás persoas que máis o necesitan.

Grazas pola vosa colaboración nesta iniciativa solidaria!!

20 abr 2026

OBRADOIRO CREATIVO: "TODAS Á PISTA"

O alumnado de 5º de Primaria participou nun obradoiro creativo enmarcado nas actividades impulsadas polo programa Biblioteca Creativa.

O obradoiro, titulado “Todas á pista: escultura en arame”, foi conducido por Electra Menéndez (creadora do proxecto Pedras de Papel). Nel, o alumnado tivo a oportunidade de reinterpretar algunhas das esculturas cinéticas de Alexander Calder, inspiradas no seu coñecido circo.

A través desta proposta, achegáronse ao mundo da arte desde unha perspectiva lúdica e participativa, experimentando coa creación de pequenas esculturas en arame. 

Durante o proceso, exploraron a través do xogo cos materiais, os equilibrios e o movemento, elementos clave na obra de Calder.

A actividade permitiu traballar a creatividade, a expresión artística e a capacidade de experimentar sen medo ao erro, ao tempo que descubriron novas formas de entender a arte contemporánea.

Unha experiencia diferente, na que a arte e o circo volveron encontrarse para converter a aula nun espazo de creación, imaxinación e descubrimento.

19 abr 2026

VISITAS NO CLUB DE LECTURA DE ADULTAS

Este mes de abril, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” celebra dúas citas moi especiais. Dúas xornadas para conversar, compartir impresións e gozar da literatura en boa compañía.

O primeiro encontro, o 22 de abril, contará coa presenza do escritor Pedro Feijoo, para falar sobre a súa novela “Onde nacen as bestas”. Unha historia de violencia ancestral, silencios familiares e identidades ocultas ambientada en Galicia. Será unha oportunidade para afondar nesta obra e intercambiar reflexións co autor.

Uns días despois, o 27 de abril, recibiremos a Olaia Sendón, quen compartirá coas lectoras impresións sobre o seu libro “A casa grande”, unha obra que mergulla nas relacións familiares, a memoria e os segredos que habitan nas casas e nas persoas.

O Club de Lectura continúa a consolidarse como un espazo de diálogo, aprendizaxe e amizade arredor dos libros. Dúas citas importantes para seguir facendo comunidade a través da lectura.

18 abr 2026

O DÍA DO CIRCO NA RADIO DO SEIS

A clase de 5ºA estivo traballando con moita ilusión para preparar un novo programa da nosa Radio do Seis. Nesta ocasión, o tema non podía ser outro que o Día do Circo, enmarcado no PDI deste curso.

Os micrófonos convértense en trapecios, as palabras fan malabares e as voces danzan coma auténticos artistas baixo a gran carpa da imaxinación.

Un programa con información e música sobre o mundo do circo. Unha nova aventura radiofónica que enche de cor e alegría os micrófonos do Seis. Desfrutádeo!

17 abr 2026

DÍA MUNDIAL DO CIRCO CON ATÍPICO

Con motivo da celebración do Día Mundial do Circo, os días 14 e 16 de abril o noso centro recibiu unha nova visita de Claudio, de Atípico Circo, que nos convidou a mergullarnos nun universo cheo de fantasía, equilibrio e risas. 

Durante estas dúas xornadas, todo o alumnado tivo a oportunidade de divertirse, experimentar e aprender descubrindo o apaixonante mundo do circo.

O ximnasio transformouse nun gran espazo de xogos e aprendizaxe, organizado en diferentes estacións polas que foron rotando os nenos e nenas. En cada unha delas, puideron probar distintas disciplinas circenses, desenvolvendo habilidaddes e compartindo momentos cheos de ilusión.

Entre as propostas destacaron os malabares, con panos, pelotas, mazas, aros, pratos chineses...e tamén o equilibrismo, con zancos, barril, bola de equilibrio e paus de madeira. Cada actividade convidaba a poñer en práctica a concentración, o equilibrio e a coordinación, sempre nun ambiente lúdico e colaborativo.

Foron dúas xornadas cheas de creatividade, esforzo e cooperación, nas que se traballaron aspectos como a atención, a cordinación óculo-manual e o traballo en equipo. 


Unha experiencia enriquecedora que fixo posible achegar o espírito do circo ao noso centro, enchendo de sorrisos e emoción cada recuncho e lembrándonos que todos e todas levamos un pequeno artista no corazón.