Mostrando entradas con la etiqueta animación á lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta animación á lectura. Mostrar todas las entradas

30 oct 2026

LECTURAS ÁS ESCURAS

O 29 e  30 de outubro realizouse a actividade “Ler ás escuras”, unha proposta de lectura moi especial e diferente.

O alumnado leu contos co axuda de lanternas. A luz iluminaba as páxinas e facía que cada historia parecese máis misteriosa e emocionante.

As lanternas creaban formas, recunchos escuros e pequenos momentos de sorpresa que facían a lectura máis divertida. Cada conto abriu a porta a novos personaxes, lugares e aventuras facendo que a lectura se vivise dun xeito máis intenso.

O alumnado participou con moita ilusión. Houbo atención, curiosidade, algún susto e tamén momentos de emoción grazas aos contos e ao ambiente creado. 

Ler ás escuras foi unha experiencia única, emocionante e divertida, que nos lembrou que os libros poden levarnos moi lonxe… mesmo ás escuras!!!

28 oct 2026

EXPOSICIÓN TEMÁTICA DE SAMAÍN

Este Samaín, a biblioteca convértese nun lugar onde a maxia se agocha entre as páxinas e o misterio aparece en cada recuncho. As pantasmas saen dos seus escondedoiros, as meigas preparan os seus feitizos, os monstros contan historias e os libros convídannos a vivir aventuras inesquecibles.

Na exposición de lecturas de Samaín atoparedes unha selección de libros terroríficos e misteriosos. Historias capaces de arrepiarvos e sorprendervos.

Atrévete a abrir un libro e descubrir o que se agocha no seu interior. Quizais atopes un castelo encantado, unha criatura fantástica, un enigma imposible de resolver ou unha aventura chea de perigos. Só precisas deixar voar a imaxinación e prepararte para entrar nun mundo de sombras, lendas e emocións.

Vive un Samaín moi especial entre pantasmas, monstros, meigas e libros cheos de maxia!


A nosa Guía de recomendacións para este samaín:

Guía de Lecturas Samaín 2026 de Biblioteca Seis do Nadal

27 oct 2026

TEMPO DE LECTURA ÁS ESCURAS

Os días 29 e 30 de outubro celebraremos o Tempo de Lectura ás escuras!. Unha experiencia máxica para descubrir historias nun ambiente cheo de misterio, emoción e imaxinación.

Na penumbra, cada libro será un tesouro escondido e cada historia, unha aventura por vivir.

Para participar nesta viaxe lectora será necesario traer unha lanterna, a luz que guiará cada páxina e axudará a descubrir segredos entre as sombras. Pasarémolo de medooo…lendooo!!!!

26 oct 2026

SEMANA DO SAMAÍN

Durante a semana do 26 ao 30 de outubro celebraremos o Samaín cunha programación chea de actividades pensadas para desfrutar, aprender e compartir as nosas tradicións.

Ao longo destes días, a escola encherase de maxia, misterio e creatividade. Haberá lecturas de contos de medo, exposicións de cabazas decoradas, sesións de contacontos, proxeccións de cine… entre outras propostas para vivir esta celebración dun xeito especial.

As historias, as lendas e os personaxes fantásticos acompañaranos durante toda a semana. Poderemos descubrir relatos arrepiantes, coñecer mellor as tradicións do Samaín e deixar voar a imaxinación a través dos libros, das imaxes e das creacións do alumnado.

25 oct 2026

"A BIBLIOTECA GALÁCTICA" DE TANXARINA

O xoves 22 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas co espectáculo “A biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica” de Tanxarina Compañía de Títeres e o dramaturgo Carlos Labraña.

Esta adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é unha defensa á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía.


A obra convídanos a descubrir o valor das historias e a coñecer algúns dos referentes máis importantes da literatura galega. Entre os seus personaxes atopamos o Lobo Namorado, da escritora Fina Casalderrey; Toribio, do escritor de Carlos Casares; e O Espantallo Amigo, personaxe creado por Xosé Neira Vilas.

A historia sitúanos na Biblioteca Galáctica, onde Ataulfo, o rato bibliotecario, descobre que os personaxes dos libros infantís están en perigo. Xunto con Ramón Lamote e Sara, deberá enfrontarse ao malvado profesor Smith e á súa IA Fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa influencia.

Este espectáculo, nacido do traballo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o seu 75 aniversario no ano 2025, recibiu o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo de Títeres, Obxectos e Formas Animadas.

Moitísimas grazas a Tanxarina por este espectáculo marabilloso que nos encantou e por lembrarnos que os libros son auténticas portas a outros mundos, que nos permiten soñar, aprender, imaxinar e vivir mil aventuras sen saír do mesmo lugar. Porque cada libro agocha un universo por descubrir!

23 oct 2026

MOCHILAS VIAXEIRAS

Unha nova aventura da Mochila Viaxeira está a piques de comezar! As historias xa están preparadas para percorrer as rúas do noso barrio, chegar ás vosas casas e encher de maxia, ilusión e momentos compartidos cada fogar. Son 19 mochilas que inician a súa viaxe!!!

Coia será o escenario desta fermosa viaxe, e cada familia, a protagonista dunha aventura na que os libros nos axudarán a soñar, descubrir e gozar xuntos. Porque un barrio tamén medra a través das historias que compartimos!

Dentro de cada mochila atoparedes

-Unha carta explicando o seu funcionamento e un listado do material.

-O Caderno Viaxeiro, o noso diario de aventuras. Queremos que o enchades de palabras, debuxos, cores, opinións e suxestións.

-Coia a través de Broli: Escolle o teu recuncho favorito de Coia e sácalle unha foto usando a Broli como marco.

Para que esta viaxe por Coia sexa todo un éxito, precisamos da colaboración de todas as familias.

Lembrade, a puntualidade é fundamental para que a mochila poida continuar a súa viaxe. Tratemos os libros e todos os materiais con agarimo, coma auténticos tesouros.

Busquemos un anaquiño de tempo para ler xuntos, mirar as ilustracións, contar historias e deixar voar a imaxinación.

22 oct 2026

EXPOSICIÓN DE NOVIDADES

Durante esta semana, a biblioteca acolle a Exposición de Novidades, unha mostra cos últimos libros incorporados ao fondo. Unha selección pensada para descubrir historias e espertar curiosidade desde a primeira páxina.

A exposición reúne títulos para diferentes gustos, intereses e idades: narrativa, álbum ilustrado, poesía, divulgación, aventuras e libros relacionados co PDI deste curso, o barrio. Cada libro chega coa ilusión de atopar novas mans, novas miradas e novas lecturas compartidas.

20 oct 2026

XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA ADULTAS

O Club de Lectura de adultas “Ás seis no Seis” reuniuse o luns 19 de outubro para dar comezo, con moita ilusión, ás lecturas deste primeiro trimestre.

Foi unha tarde para reencontrarse, conversar e compartir o pracer de ler xuntas. Entre recomendacións, opinións e ganas de descubrir novas historias, presentáronse os libros que acompañarán o club nas vindeiras semanas.



Coincidindo coa celebración do Día das Escritoras, tamén se gozou da lectura dos diferentes textos seleccionados por Bibliotecas Escolares para esta data tan especial. As palabras das autoras axudaron a seguir creando un espazo de encontro, reflexión e afecto arredor da literatura.

Así, entre libros e conversas, “Ás seis no Seis” segue medrando como unha comunidade lectora na que cada persoa achega a súa voz, as súas emocións e o seu amor polas historias.

19 oct 2026

SEMANA DA BIBLIOTECA

Do 19 ao 23 de outubro, a biblioteca convértese nun espazo para compartir lecturas, descubrir novas historias, ampliar coñecementos, compartir ideas e deixar voar a imaxinación. A biblioteca promove a cultura, favorece a convivencia e fortalece os lazos da comunidade. Un lugar para aprender, participar e medrar xuntos.

O martes, 20 de outubro teremos un Obradoiro de Radio da man de Damián Alonso. Pola mañá estará dirixido ao alumnado e pola tarde ao profesorado. Será unha oportunidade para aprender, expresarnos e dar voz ás historias e ás persoas do noso barrio.

Ao longo de toda a semana cada clase recollerá a súa Mochila Viaxeira, que levará libros e aventuras para compartir. Porque cando unha historia viaxa de casa en casa, tamén viaxa a imaxinación e medra a comunidade.

O xoves, 22 de outubro, recibiremos a Tanxarina, que presentará o espectáculo: “A biblioteca galáctica contra a IA fantástica”. Unha proposta para reflexionar, xuntos e xuntas, sobre o uso da tecnoloxía e sobre a importancia de coidar os libros, a lectura e a imaxinación.

Ademais… Poderedes visitar a nosa Exposición de Novidades e descubrir os últimos libros chegados á biblioteca para ler, recomendar e compartir.

A biblioteca é un espazo do barrio, aberto á participación, ao encontro e á creación de comunidade.

18 oct 2026

DÍA DAS ESCRITORAS 2026

O DÍA DAS ESCRITORAS é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, asociación  para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración da Asociación Colexial de Escritoras e Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO)e o Instituto de Mulleres. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. 

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 16 de outubro. A XI Edición celébrase este ano 2026 o 19 de outubro baixo o lema


"AS AMIGAS COMO FORMA DE LIBERDADE"

Este ano o obxectivo é celebrar o centenario do Lyceum Club Feminino, institución que serviu de soporte para a participación das mulleres na vida intelectual, artística e pública desde o ano 1926. Mulleres da talla de María de Maeztu, Clara Campoamor, Victoria Kent, Zenobia Camprubí ou María Lejárraga foron algunhas das súas fundadoras e colaboradoras.

A undécima edición poñerá o foco nas redes de apoio, complicidade e creación compartida que fixeron posible o desenvolvemento de moitas escritoras e intelectuais e que continúan sendo fundamentais para o avance da igualdade.

Collendo como fío condutor o lema desde ano, desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares presentamos unha escolma de textos de formatos e autoras diversas que trataron as alianzas femininas desde distintas perspectivas, desde a amizade íntima ás redes de apoio e creación colectiva. Na escolma ten un lugar destacado Begoña Caamaño, non só como figura á que neste 2026 se lle dedican as Letras Galegas senón tamén porque ela, como autora e co seu compromiso persoal, foi casa e amiga, referente e tecido matricial das súas amigas, das amigas das amigas e das amigas que están por vir.

ESCOLMA DE TEXTOS EN GALEGO

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

12 oct 2026

CLUB DE LECTURA DE 5º

O martes 6 de outubro celebrouse a primeira xuntanza do Club de Lectura de 5º. Nesta sesión inicial explicamos como vai funcionar o club, lemos as normas e entregamos a cada participante a súa carpeta co primeiro libro que imos ler.

E que mellor maneira de comezar esta aventura literaria que cunha historia chea de misterio? Co Samaín á volta da esquina, a obra escollida para inaugurar o noso club é “Formigas. Misión Samaín”, de Pere Tobaruela, un libro que nos achega a unha das celebracións máis misteriosas do outono.

Nesta historia, as Formig4s son protagonistas dunha misión especial relacionada co Samaín. A través das súas aventuras, mergullámonos nunha trama chea de sorpresas, descubriremos os misterios que agocha o relato e acompañaremos os personaxes nos retos e nas situacións que teñen que afrontar.

Nas vindeiras reunións, compartiremos as nosas impresións sobre a historia, comentaremos os momentos que máis nos gustaron e falaremos dos personaxes, das súas aventuras e de todo aquilo que nos faga pensar, imaxinar e soñar.

Queremos fomentar o gusto pola lectura e descubrir que os libros son portas abertas a mundos sorprendentes, a vivir novas experiencias e a espertar a nosa imaxinación.

A aventura xa comezou! Agora só queda abrir o libro e... deixarse levar!!!

14 sept 2026

CLUBS DE LECTURA

Se che gustan os libros, as historias e descubrir novas aventuras, o Club de Lectura é para ti.

Neste espazo poderás compartir as túas lecturas, falar sobre os teus personaxes favoritos, recomendar libros e coñecer novas historias xunto cos teus compañeiros e compañeiras.


Se estás en 5º ou 6º de Educación Primaria e queres participar nesta experiencia, agardámoste o martes 15 de setembro durante o recreo.


Nese encontro explicaremos como funciona o Club, que actividades realizaremos e como podes formar parte del. Anímate a participar e a compartir connosco o pracer de ler!

19 jun 2026

GUÍA DE LECTURAS VERÁN 2026

O sol ergue o seu pano dourado e o verán comeza a súa función máis esperada. As rúas énchense de risas, os días fanse longos e o aire trae arrecendo a aventura. É tempo de deixar voar a imaxinación, de facer malabares co tempo libre e de descubrir novas historias que fagan sorrir, soñar e aprender. 

Presentamos a nosa Guía de Lecturas de Verán, unha selección de títulos cheos de fantasía, emoción e aprendizaxe, pensada para acompañar cada momento destas vacacións. 

Cada libro é unha viaxe diferente, unha porta aberta a novas emocións e descubrimentos. Que esta guía sexa o mapa que conduza a momentos inesquecibles de lectura e descanso. 

Bo verán e felices lecturas!

Guía de lecturas verán 2026 de Biblioteca Seis do Nadal

17 jun 2026

DESPEDIDA DOS CLUBS DE LECTURA

Chegamos ao final dunha nova edición dos Clubs de Lectura, unha experiencia que, unha vez máis, deixounos grandes momentos para recordar. Ao longo do curso, o alumnado participante compartiu lecturas, descubriu novas historias e gozou de encontros nos que os libros foron os verdadeiros protagonistas.

Cada páxina lida abriu a porta a aventuras, emocións e reflexións que enriqueceron esta viaxe lectora. Grazas á curiosidade, ao compromiso e á participación de todos e todas, os Clubs de Lectura convertéronse nun espazo de encontro, diálogo e aprendizaxe.

Para celebrar o remate desta actividade, organizamos unha pequena merenda de convivencia e fixemos entrega dos diplomas e agasallos cos que quixemos agradecer a implicación do alumnado.

Queremos dedicar unha especial despedida ao alumnado de 6º, que inicia unha nova etapa. Levade convosco o hábito lector, a curiosidade por descubrir novas historias e o pracer de seguir aprendendo a través dos libros.

Grazas a todos e todas por formar parte desta aventura. Agora toca descansar, gozar do verán e seguir atopando nos libros novos lugares aos que viaxar.

16 jun 2026

PECHE DO CLUB DE LECTURA DE ADULTAS

O martes 16 de xuño celebramos o peche a un novo curso do noso Club de Lectura "Ás seis no Seis", nun encontro cheo de emocións, lembranzas e bos momentos compartidos.

Foi unha tarde para mirar atrás e lembrar todo o vivido ao longo destes meses: libros que nos emocionaron, historias que nos fixeron pensar, personaxes que quedaron connosco e conversas que enriqueceron cada encontro. Un ano máis, a lectura converteuse na mellor escusa para compartir experiencias, descubrir novas perspectivas e fortalecer os lazos de amizade entre as integrantes do club.

Durante o encontro fixemos balance da nosa andaina lectora. Coincidimos en que este foi un curso cheo de descubrimentos literarios, de autoras e de historias que nos fixeron viaxar, rir e reflexionar. 

Con ilusión e curiosidade, xa deixamos preparada a selección de lecturas para o primeiro trimestre do curso 26-27. Escolléronse títulos variados, con propostas que prometen emoción, reflexión e moita conversa. O espírito lector segue vivo e con ganas de seguir explorando novos mundos. 

A celebración rematou coa tradicional merenda, un momento distendido no que as risas, as anécdotas e a boa compañía foron as verdadeiras protagonistas. Tamén fixemos entrega de diplomas e pequenos agasallos como mostra de agradecemento pola implicación, a participación e o entusiasmo que cada unha achega ao club.

Grazas a todas por facer de “Ás seis no Seis” moito máis ca un club de lectura: un espazo de encontro, diálogo, aprendizaxe e amizade. Desexámosvos un feliz verán, cheo de boas lecturas, novos descubrimentos e historias inesquecibles.

10 jun 2026

CONTACONTOS E TEATRO EN INGLÉS

O xoves 4 de xuño o alumnado gozou dunha xornada moi especial en inglés da man de Ariadna Santana, actriz, cómica e cantante. A artista encheu o centro de risas, música e aprendizaxe a través do teatro e dos contos. 

Para o alumnado de Primaria, Ariadna representou a obra "The Magic Tree", unha historia chea de maxia, amizade e aventuras que fixo voar a imaxinación de todos. A través do xogo escénico e da participación activa, o inglés converteuse nunha ferramenta viva e divertida. 


Os máis pequenos e pequenas de Educación Infantil viaxaron con ela nun percorrido titulado "The Lollipop Trip", un contacontos cheo de cores, ritmo e emocións. Cancións, xestos e palabras en inglés mesturáronse para crear unha experiencia sensorial e educativa.

8 jun 2026

AS FAMILIAS CONTAN

Durante os meses de abril e maio, as familias do Seis participaron activamente na Hora de Ler, achegándose ás aulas e biblioteca para compartir contos co alumnado. Pais, nais, avós e avoas convertéronse en contadores e contadoras de historias, facendo desa hora unha aventura chea de emcoiósn, palabras e imaxinación compartida. 

Cada visita transformou a aula e a biblioteca nun pequeno escenario onde os libros cobraban vida. Houbo contos clásicos, relatos inventados, historias de risa e de soños. O alumnado escoitou, participou e descubriu que ler tamén é un acto de encontro e afecto.

Esta iniciativa, promovida pola biblioteca escolar, reforzou o vínculo entre escola e familia, e fixo da lectura un espazo común de aprendizaxe e pracer. A Hora de Ler converteuse así nun tempo máxico onde as voces das familias fixeron vibrar as páxinas dos libros. 

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos  moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no vindeiro curso!