8 oct 2026

BIBLIOTECA ESCOLAR, DA INFORMACIÓN AO COÑECEMENTO

O lema para as bibliotecas escolares durante o curso 2026/27 convídanos a facernos preguntas e a buscar respostas, a ser persoas curiosas que busquen e que indagen, que seleccionen e traballen coa información para crear e compartir coñecemento. 

Un camiño que comeza e remata na biblioteca escolar, na que conviven diferentes fontes e distintas estratexias de busca, na que atopamos recursos variados que nos permiten transformar a información en coñecemento, na que se integra a cultura impresa e a cultura dixital.

Nestes tempos nos que a desinformación condiciona o noso rumbo a biblioteca escolar ten a obriga de visibilizar o seu papel na formación de persoas críticas e de ofrecer á súa comunidade programas estables e sistematizados de alfabetización informacional.

Rena Ortega representa no cartaz deste curso ese camiño que ela percorre cada vez que escribe e ilustra as súas obras. Chama a traballar coa información, a mirar fóra, a percorrer o camiño do coñecemento, a facerse preguntas e buscar respostas, a interesarse polo mundo que nos rodea. 

Un camiño de aprendizaxe compartida no que a biblioteca escolar ofrece diferentes recursos que acompañaran o proceso de traballo coa información, tanto na busca como na avaliación crítica, no tratamento e no compartir o aprendido.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

5 oct 2026

RETO CREATIVO OUTUBRO

Este curso continúa a actividade dos RETOS para os recreos na biblioteca, unha proposta impulsada por Polos Creativos e Biblioteca Creativa que se iniciou o curso pasado e que segue medrando con novas ideas, materiais e aventuras.

Os retos son propostas voluntarias pensadas para que o alumnado poida participar nos recreos dun xeito lúdico e creativo.

A través desta actividade, Broli irá percorrendo o barrio e convidando a descubrir diferentes desafíos que levarán ao alumnado ata a biblioteca, un espazo no que crear, pensar, experimentar e compartir durante os recreos.

Cada reto será unha oportunidade para desenvolver a creatividade, experimentar con materiais diversos, traballo en equipo e compartir ideas e aprendizaxes.

Neste mes de outubro, chega o reto con Magsmarters no que terán que construir un helicóptero para poder ver Coia a vista de paxaro!

Un pasaporte dos retos acompañará o alumnado ao longo de todo o curso e irá completándose a medida que Broli avance polo barrio e se superen os diferentes desafíos.

Cada reto realizado permitirá continuar a ruta, sumar novas experiencias e deixar constancia da participación nesta viaxe creativa.

O alumnado que complete todos os retos ao longo do curso recibirá un agasallo no mes de xuño, como recoñecemento á súa participación, constancia, creatividade e ganas de formar parte desta aventura.