Mostrando entradas con la etiqueta Axenda 2030. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Axenda 2030. Mostrar todas las entradas

19 jun 2025

O VOLUNTARIADO DE 6º DESPÍDESE

Estamos chegando ao final deste curso, e para o voluntariado de 6º de Primaria tamén remata unha etapa importante. Ao longo do ano, 18 colaboradores e colaboradoras dedicaron o seu tempo e esforzo en actividades de xestión e dinamización na biblioteca durante os recreos.

Os nosos voluntarios e voluntarias tiveron un papel fundamental ao realizar tarefas esenciais que axudaron ao bo funcionamento da biblioteca. 


Entre as súas funcións destacan:

-Realizar os empréstitos e devolucións de libros.

-Colocar os diferentes materiais nos andeis correspondentes.

-Organizar o espazo para diversas actividades como exposicións, encontros con autores/as e cine.

-Axudar no día a día aos usuarios e usuarias da biblioteca durante o recreo.

-Preparar contos para ler aos compañeiros/as máis pequenos/as.

-Visitar o Centro de Día Atendo e  así conectar coas persoas maiores e compartir momentos de aprendizaxe e diversión.

Queremos expresar o noso agradecemento polo traballo e dedicación que amosastes ao longo deste ano.

Desexámosvos moita sorte na nova etapa que comezades. Que esta experiencia de voluntariado vos inspire e motive para seguir participando en iniciativas que contribúan ao benestar da comunidade.

10 jun 2025

VISITA DA ZOQUEIRA ELENA FERRO

O luns 9 de xuño puxemos o peche de luxo ao noso proxecto anual de artesanía coa visita dunha convidada moi especial: a zoqueira ELENA FERRO. 

O alumnado de 4º de Primaria traballou na Unidade Didáctica “Eu son zoqueira”, e a partir de aí, xurdiron diferentes propostas creativas, plásticas e de investigación sobre este oficio.

Elena Ferro compartiu o seu inestimable saber sobre a zoquería, un oficio que aprendeu da súa familia. Explicou con detalle os diversos materiais e ferramentas que emprega na creación de zocos, e regalounos unha demostración en vivo, onde cada movemento das súas mans narraba unha historia de paixón e dedicación que contaxiou a todos/as os/as presentes.

Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi como se fan os mallós.

Non podiamos deixar que Elena marchase sen amosarlle o noso especial recanto adicado ao oficio de zoqueira, titulado “Cos meus zocos, pasiño a pasiño”. Esta exposición formou parte da nosa Feira Artesanal do Seis do Nadal e incluíu os traballos feitos pola rapazada, que Elena observou con moito interese e entusiasmo.

Grazas á colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia, tivemos a oportunidade de participar no programa “Artesanía na escola”. Este programa ten como obxectivo achegar os oficios artesanais aos máis pequenos e pequenas, fomentar o feito a man, amosar a artesanía como unha oportunidade profesional de futuro, e transmitir valores fundamentais de consumo responsable, sustentable, e respecto polo patrimonio cultural e as tradicións.

A visita de Elena Ferro foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado, inspirando futuras xeracións a valorar e preservar as nosas tradicións culturais. Moitas grazas!!!

4 jun 2025

"DÍA DO MEDIO AMBIENTE" NA RADIO DO SEIS

Neste novo programa da Radio do Seis, as clases de 1º A de Primaria e 5ºA de Edº Infantil únense para compartir consellos valiosos sobre como coidar o planeta. Ademais contan a historia de "Ra de tres ollos" para celebrar o Día Mundial do medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.

Xuntos podemos inspirar un cambio e garantir que o noso fogar, a Terra, siga sendo un lugar fermoso para vivir. 

30 may 2025

FAMILIAS LECTORAS

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no próximo curso!

No mes de maio, estas foron as últimas familias que nos visitaron para contar contos como parte da actividade "Familias Lectoras":

Diego, pai de Dario e Mateo, 4º Ed. Infantil, contounos "Esto no es una selva". Un conto para comprender a importancia de colaborar para unha boa convivencia na casa.

Helia, nai de Brais, 5º Ed. Infantil, relatounos "Barbavoa". Que sucedería se unha doce avoíña se embarcase nun navío pirata? Quizais se dedique a facer adornos de ganchillo para os canóns ou a encher o barco de plantas. Pero a doce avoíña garda un segredo que terás que ler o libro para coñecer...

Sonia, nai de Diego, 3º de Primaria, compartiu "Yo voy contigo". Unha historia sinxela que reflexa a importancia de non renunciar a ser nós mesmos para encaixar ou gustarlle a outros.

Raquel, nai de Carmen, 5º Ed. Infantil, levounos á aventura con "Daniela e as mozas piratas". Hai un novo barco pirata navegando polos mares, ¡o Barco das Pirañas Intrépidas! Están a facerse famosas, salvan a xente en perigo e conseguen fabulosos tesouros.

Loreto, nai de Teo, 2º de Primaria, relatounos "O meu piollo máis eu". O título desta obra pica e incomoda igual que os piollos cando se aloxan nas nosas cabezas. Pero adoita suceder que o incómodo tamén resulta atractivo.

Antonio, pai de Roque, 5º Ed. Infantil, falounos de "Vilapaspán", unha aldea asombrosa, curiosa e misteriosa.

Ana e Paula, nais de Simón e Guillermo, 5º de Ed. Infantil, emocionáronnos con "La ovejita que vino a cenar". Un conto cheo de valores como a amizade, a xenerosidade e a aceptación das diferenzas.

Daniel, pai de Arabia, 2º de Primaria, contounos a historia de “Superheroes da escola”, mostra aos nenos e nenas todos os segredos que deben coñecer para se converteren en auténticos superheroes no colexio. Aprenderán as principais normas que deben cumprir: traballar sempre en equipo, axudar aos demais, loitar contra as inxustizas ou dicir sempre a verdade, entre moitas outras…

Zoa, nai de Deva e Xela, 5º de Edº. Infantil, presentounos "A ovella que chocou un ovo". Un conto divertido e tenro que demostra que os grandes amigos son moito máis importantes que as grandes melenas.

Grazas a todas as familias por facer desta actividade un verdadeiro éxito! Agardamos seguir contando coa vosa participación no futuro.

19 may 2025

AS LETRAS GALEGAS NA RADIO DO SEIS

A clase de 1ºB, xunto coa de 5º Infantil B, prepararon un programa especial co fin de conmemorar o Día das Letras Galegas

Este ano está dedicada ás cantareiras,  mulleres que coas súas voces e melodías, transmiten historias e emocións que forman parte do noso patrimonio cultural. Esta homenaxe busca poñer en valor o seu legado e a súa contribución á cultura galega.

Desfrutade desta nova entrega!!!

12 may 2025

"OS MAIOS" NA RADIO DO SEIS

As clases de 2ºA e 6º de Educación Infantil A presentan unha nova entrega da Radio do Seis, onde se mergullan nunha das tradicións máis queridas e coloridas: a Festa dos Maios.

A Festa dos Maios é unha celebración que se remonta a tempos antigos, cunha profunda conexión coa agricultura. Esta festividade marca o espertar da vida vexetal e o comezo do ano agrícola. É un momento para honrar o poder rexenerador da natureza, que se manifesta coa chegada do bo tempo, os días máis longos e a floración. Tamén reforza os lazos comunitarios e nos lembra a importancia de preservar as nosas tradicións.

Desfrutade desta nova entrega!!!


8 may 2025

BIBLIOLAB: FÍOS

Durante o mes de abril, a BiblioLab centrou as súas actividades arredor do tema "Fíos". Estas actividades foron deseñadas para fomentar a creatividade e a imaxinación a través de diversas técnicas e materiais.

PULSEIRAS

Utilizamos fíos e abelorios para crear pulseiras personalizadas.

TEAR

Nun proxecto colectivo, todos e todas colaboraron para crear unha peza no tear de cartón. Empregamos diferentes lás de cores, o que resultou nunha peza vibrante e colorida que reflicte o traballo en equipo.

POMPÓNS

Seguindo as  instrucións dispoñibles a través dun código QR fixeron pompóns de cores. Esta actividade permitiu explorar a variedade de texturas e cores que se pode lograr con fíos.

DESEÑAMOS

Vestimos aos manequíns con retallos de tea empregando desta maneira materiais reciclados.

ROBÓTICA

Co Tale-Bot relacionamos os utensilios de costura cos seus nomes. Esta actividade axudou a mellorar o vocabulario e o coñecemento dos materiais de costura.

PUNTO DE CRUZ

Utilizando patróns, o alumnado aprendeu a técnica do punto de cruz ao coser nunha cartolina. Esta actividade axudou a desenvolver habilidades de concentración e precisión.

O NOSO NOME

Nun papel cuadriculado, escribimos o noso nome usando letras en punto de cruz. Esta foi unha forma creativa de personalizar os traballos e practicar a técnica.

BONECOS RECORTABLES

Vestir e colorear bonecos de papel é unha actividade creativa e divertida que fomenta a imaxinación e a destreza manual.

5 may 2025

CINE NA BIBLIO EN ABRIL

O venres 25 de abril, con motivo do Día do Libro, a biblioteca organizou unha sesión de cine para os/as maiores. Tivemos a oportunidade de ver “Os fantásticos libros voadores do Sr. Morris Lessmore”, unha marabillosa curtametraxe animada de 2011 dirixida por William Joyce e Brandon Oldenburg. Esta obra, que foi galardoada cun premio Óscar na categoría de mellor curtametraxe animada, conta unha historia que xira en torno ao amor polos libros. Reflicte como os libros teñen a capacidade de iluminar as nosas vidas e o marabilloso que é mergullarse nas súas páxinas cheas de aventuras e coñecementos.

O luns  28 de abril, foi a quenda dos máis pequenos/pequenas. Descubriron unha forma de viaxar diferente: por mundos imaxinarios, simplemente visitando a biblioteca e adentrándose en contos de todo tipo. A curta “Lo que te conté mientras paseabas por la Biblioteca” de María Abal del Blanco, un Traballo de Fin de Máster que percorreu varios festivais de cine, mostroulles como os libros poden abrir portas a mundos novos e fascinantes.

Para completar a celebración, non podía faltar unha adaptación infantil de “Don Quijote”. Esta versión adaptada permitiu aos nenos achegarse a unha das obras máis importantes da literatura universal, facendo que se sentisen parte das aventuras do famoso cabaleiro andante e o seu fiel escudeiro.

2 may 2025

VISITA DA FOODTRUCK DE GALICIA SABE AMAR

O pasado venres 25 de abril, o noso centro recibiu a visita da foodtruck da Xunta dentro da campaña GALICIA SABE AMAR. Esta iniciativa busca achegar aos máis pequenos e pequenas o valor dos productos do mar galego, promovendo unha alimentación saudable e equilibrada.

O alumnado de Educación Infantil e de 1º de Primaria tivo a oportunidade de degustar deliciosos petiscos elaborados con produtos do mar.

Esta experiencia permitiulles descubrir novos sabores e aprender a apreciar a riqueza gastronómica que as nosas rías nos ofrecen.

30 abr 2025

AS FAMILIAS CONTAN

Agradecemos a todas as familias que compartiron o seu tempo e historias con nós no mes de abril. Cada conto foi unha oportunidade para aprender, imaxinar e conectar.

Iris, nai de Xela de 4º de Educación Infantil, levounos nunha emocionante aventura co conto “Imos cazar un oso”. A través deste relato, creamos un ambiente sonoro e imaxinamos xuntos o percorrido por un campo de herba, un bosque e un río. Foi unha experiencia chea de emocións e imprevistos que nos fixo sentir parte da aventura.

Helga, nai de André e Emma de 1º de Primaria, fixo que nos divertiramos moito con dous contos que resaltaron a importancia da paciencia para acadar os nosos soños. “La oruga impaciente” e “La mariposa insegura” inspiraron á rapazada a ter perseveranza e confianza en si mesmos.

Santi, pai de Roi de 5º de Educación Infantil, compartiu con nós un conto sobre a diversidade familiar titulado “Un puñado de botones”. Aprendemos que non todas as familias son iguais, e que cada unha é única, diferente e especial. Despois da historia, os nenos e nenas participaron nunha actividade creativa onde debuxaron á súa familia usando diferentes materiais como pinturas, formas xeométricas e botóns.

Ana, tía de Nakire de 5º de Primaria, falounos sobre a inspiradora figura de "Rosa Parks". Co seu valor, dignidade e determinación, Rosa Parks axudou a moitas persoas na loita pola igualdade e os dereitos civís. A historia de Rosa foi un exemplo de coraxe e determinación para todos nós.

Olaia e Roberto, pais de Lois de 1º de Primaria, trouxéronnos o conto “Un agasallo diferente”. Este relato mostrounos como a imaxinación pode transformar o obxecto máis insignificante, como un cacho de tea, no máis marabilloso dos xoguetes. Aprendemos que con creatividade, calquera cousa pode converterse nunha fonte de diversión e nun tesouro para descubrir.


21 abr 2025

MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS

A biblioteca organiza neste mes de abril o VIII Mercado Solidario de Libros usados, unha actividade que forma parte do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

O obxectivo principal deste mercado é proporcionar unha segunda oportunidade aos libros procedentes do expurgo da biblioteca. Esta iniciativa busca fomentar actitudes de responsabilidade e solidariedade entre os estudantes, especialmente cara aos máis necesitados.

  • Datas: Do 23 de abril ao 9 de maio
  • Lugar: Vestíbulo do centro

O alumnado pode levar un libro a cambio de traer alimentos non perecedoiros (fariña, azucre, pastas...).

A actividade será organizada polo voluntariado durante os recreos, de 11,30h a 12,00h.

Todos os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo, contribuíndo así a apoiar ás persoas que máis o necesitan.

Grazas pola vosa colaboración e apoio constante nesta iniciativa solidaria!!!

20 abr 2025

MOCHILAS DE XOGOS EN FAMILIA

Este mes de abril, temos unha proposta para as familias: as Mochilas de xogos. Ten como obxectivo fomentar momentos de diversión e aprendizaxe e serán o complemento perfecto para gozar en familia.

Preparamos un total de catro mochilas, cada unha deseñada para diferentes niveis educativos:

  • Unha mochila para Educación Infantil
  • Tres mochilas para Educación Primaria

Cada mochila contén dous xogos, acompañados das súas respectivas normas de uso. Ademais, para facilitar a comprensión, cada xogo inclúe instrucións detalladas e un código QR que enlaza a un vídeo explicativo.

A partir deste mes de abril e ata finais de maio, as familias interesadas poderán solicitar o préstamo dalgunha das mochilas. O prazo máximo de préstamo será de 15 días.

Para solicitar unha mochila, envía un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com, indicando o nome do teu fillo ou filla e o curso correspondente. A asignación das mochilas realizarase por orde de solicitude e rexistrarase co número de carné da biblioteca do alumnado.

Agardamos que estas Mochilas de xogos traian momentos de diversión e aprendizaxe a todas as familias. Aproveitade esta oportunidade para compartir e explorar novos desafíos xuntos.

Na seguinte presentación, podedes ver con máis detalle os xogos incluídos en cada mochila.

 
Mochilas de xogos de Biblioteca Seis do Nadal

14 abr 2025

O DÍA MUNDIAL DO AUTISMO NA RADIO DO SEIS

A clase de 2ºB conxuntamente con 6º Infantil B prepararon un programa para conmemorar o Día Mundial da concienciación sobre o Autismo.

Desfrutade desta nova entrega!!!

8 abr 2025

POESÍA E SÍNDROME DE DOWN NA RADIO DO SEIS

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

A clase de 3ºA preparou un programa para conmemorar o Día da poesía e visibilizar o Día Mundial do Síndrome de Down.

Desfrutade desta nova entrega!!!