Mostrando entradas con la etiqueta Poesía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Poesía. Mostrar todas las entradas

11 may 2026

O GRAN CIRCO DOS POEMAS DE 5º

Tras a lectura do libro "O gran circo das palabras" de Eva Mejuto, o alumnado de 5º de Primaria decidiu dar continuidade ás aventuras de Rufo a través da creación literaria. 

Cada neno e nena elaborou o seu propio poema, poñendo en xogo a imaxinación, o gusto polas palabras e a expresión das emocións. Unha vez rematadas as creacións, dedicaron un tempo a ilustralas e ensaiar a lectura en voz alta, co obxectivo de preparar a súa posta en escena.

O proxecto culminou cun encontro moi especial: a visita aos seus afillados e afilladas, cos que compartiron os seus poemas nun ambiente cheo de tenrura, emoción e complicidade. Foi un momento de aprendizaxe compartida, no que a palabra converteuse en ponte entre idades.

A xornada completouse cun pequeno obradoiro de papiroflexia, engadindo un compoñente creativo e manual a esta experiencia tan significativa.


Unha proposta na que a poesía, o circo e a convivencia uníronse para crear momentos inesquecibles dentro e fóra da aula. 

30 mar 2026

BIBLIOLAB: QUE FAN AS MULLERES NO CIRCO?

Na Bibliolab de marzo, mergullámonos no fascinante mundo do circo, explorando a contribución das mulleres e descubrindo a súa historia, curiosidades e a diversidade de talentos que o fan tan especial. Investigamos, creamos e xogamos, aprendendo sobre arte, ciencia e tecnoloxía. Celebramos a maxia do circo en todas as súas formas!

Destacamos a labor de mulleres empresarias no mundo do circo, como as do Circo Raluy Legacy, unha familia dedicada ao circo durante xeracións. Un exemplo de tradición, innovación e liderado feminino. Damos renda solta á nosa creatividade creando a carpa do circo con papiroflexia, utilizando materiais como folios, xornais ou revistas.

Con Katie Brumbach, a famosa muller forzuda de 1900 de familia circense e que rematou traballando como levantadora de pesas. Traballamos as unidades de peso con materiais dunha cesta. Formulamos hipóteses, ordenamos de maior a menor peso e comprobamos co peso na balanza dixital. Unha forma práctica de aprender sobre magnitudes e medidas.

Atilina Segura, unha mestra na arte do funambulismo, realizaba un salto mortal cara atrás en arame. Lemos poesía e creamos un poema sobre o circo que transmiten a beleza e a emoción da corda floxa. Unha actividade que fomenta a expresión artística e a creatividade literaria.

Con Pepa Plana, traballamos a arte do clown en feminino. Xogamos coa expresión: completamos un modelo con materiais, mirámonos no espello e debuxámonos co nariz de pallaso. Unha maneira divertida de explorar as nosas emocións e a nosa imaxinación.

Rosa Mathilda Ritcher (Zazel), a primeira muller bala humana. Construímos un canón con cartón e globo e unha catapulta con Lego. Experimentamos coa física e a enxeñería dun xeito lúdico.

Coa incrible contorsionista, Julia Gunthel reproducimos posturas nun boneco e en nós mesmos, creando retos imposibles. Exploramos os límites do noso corpo e a nosa flexibilidade. Descubrimos a importancia do coidado do corpo para os artistas circenses.

Elaboramos o noso xornal do circo do Seis con curiosidades e noticias.

En robótica, escollemos unha imaxe ou palabra relacionada co circo e programamos o tale-bot para desprazarse ata ela.

27 feb 2026

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Ao longo da semana do 23 ao 27 de febreiro preparamos diversas actividades pensadas para que o alumnado coñecese a figura de Rosalía de Castro a través de diversas formas de expresión artística e creativa: programa de radio, retratos, lecturas, marcapáxinas…

O 23 de febreiro, a biblioteca abriu as súas portas a unha visita moi especial. Rosalía, coma saída dun libro antigo, apareceu para compartir a súa vida e obra cos nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria.

Con voz doce, Rosalía contounos esas historias que tanto amaba e que inmortalizou nos seus versos. A súa narración estivo arroupada por melodías e poemas recitados que resaltaron a esencia da nosa identidade e a beleza da nosa lingua.


O venres 27 de febreiro, como peche das actividades, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tivo a oportunidade de gozar da interpretación de "Maio longo" de Rosalía de Castro a cargo das "Cantareiras do Seis". Foi un momento emotivo e especial que conectou a música coa poesía.


Ligazón ao vídeo da actuación:


https://drive.google.com/file/d/1sbqSv8Rm1NRXbxXQ0GHM_xql4_I7mRQO/view?usp=drivesdk

26 feb 2026

ROSALÍA NA RADIO DO SEIS

Cada 23 de febreiro, a alma de Galicia florece en cada verso, en cada lembranza da nosa Rosalía de Castro. 

A clase de 4ºA, preparou un programa para honrar a Rosalía. Unha viaxe a través da súa vida e obra, descubrindo a súa paixón, o seu compromiso e a súa inmensa sensibilidade.

Desfrutádeo!

22 feb 2026

LIBROS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

Para celebrar o Día de Rosalía, organizamos unha exposición de libros que reúne títulos que permiten coñecer mellor a vida, o pensamento e o significado da súa poesía.

A través destas lecturas, descubrimos unha poeta comprometida coa súa terra, coa lingua galega e coa dignidade das persoas. Rosalía escribiu sobre a emigración, a soidade, o amor, a inxustiza, pero tamén sobre a esperanza e a beleza que habitan nas cousas sinxelas.

Que cada páxina lida sexa unha homenaxe a Rosalía!!!

Lecturas Día de Rosalía de Castro de Biblioteca Seis do Nadal

19 feb 2026

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Para achegarnos á vida e obra de Rosalía de Castro podedes consultar os seguintes recursos. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO

Páxina web con toda a información sobre Rosalía de Castro, biografía, obras, imaxes... 

CASA DE ROSALÍA

Recursos educativos para diferentes niveis educativos

ROSCO SOBRE ROSALÍA

UNIDADE DIDÁCTICA: ROSALÍA DE CASTRO-ARASAAC 

Breve historia de Rosalía en pictogramas


UNIDADE DIDÁCTICA 

DÍA DE ROSALÍA 2026

Material didáctico elaborado por docentes de varios centros

MUSICANDO A ROSALÍA

Do Ceip Juan Fernández Latorre (A Coruña)

MINILIBRO SOBRE A VIDA DE ROSALÍA 

"amestracris"

18 feb 2026

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2026

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2026 Eva Vega é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2026 é:

"Mais eles tamén perdidos"

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

“Mais socede nesta vida

 que os que ten culpa na levan.”

Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a  intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:

"Sin amar cal é negra esta vida

E perde o sol o seu brilo."

FONTE: AELG

8 abr 2025

POESÍA E SÍNDROME DE DOWN NA RADIO DO SEIS

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

A clase de 3ºA preparou un programa para conmemorar o Día da poesía e visibilizar o Día Mundial do Síndrome de Down.

Desfrutade desta nova entrega!!!

24 feb 2025

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Para a celebración do Día de Rosalía realizamos diversas actividades que nos permitiron coñecer a nosa grande escritora: lecturas, minilibros, retratos, marcapáxinas, programa de Radio...

A obra de Rosalía conforma a exposición bibliográfica que podemos atopar no vestíbulo e coa que poidemos achegarnos a súa figura.

No Recital do venres 21 de febreiro, na Hora de Ler,  Rosalía estivo moi presente nos versos do voluntariado da biblioteca, que recitaron unha selección de poemas rosalianos acompañados da zanfona e da guitarra e, a música, na voz dos nenos e nenas de 2º e 6º de Primaria que deleitaron aos presentes co ritmo de: “No bico un cantar",  "Alborada" e "Maio Longo”. Todo o alumnado do centro desfrutou desta fermosa actividade.


23 feb 2025

ROSALÍA DE CASTRO NA RADIO DO SEIS

Rosalía de Castro é a protagonista deste novo programa da Radio do Seis.

A clase de 4ºB preparou un programa con información e poemas sobre a vida e obra da nosa ilustre poetisa co gallo da sua celebración o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro.

Desfrutádeo!!!

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!!!

17 feb 2025

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Recursos para achegar ao alumnado á vida e obra de Rosalía de Castro. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO


UNIDADE DIDÁCTICA ROSALÍA 2025


MINILIBRO SOBRE A VIDA DE ROSALÍA "amestracris"

POEMA MUSICADO: “Adiós, ríos, adiós, fontes”

En lingua de signos

En pictogramas

ROSALÍA MARIQUIÑA DE MERCEDES ORBANEJA

Descargable na seguinte ligazón


16 feb 2025

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2025

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2025 Marga Do Val é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2025 é:

Saúde e Terra!

"Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros... Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas..."

FONTE:AELG

13 ene 2025

POEMARIO "MAR DE MAZÁ"

Na clase de 6º de Edº Infantil B, continúan traballando e investigando sobre os océanos. Nesta ocasión, escolleron un poemario “Mar de mazá” de Elvira Ribeiro, Ed. Galaxia, para iniciarse no recitado e na escoita da rima.

O primeiro poema que aprenderon foi “O convite”. Ilustraron a portada do poemario dándolle forma de mazá.

Foron á radio e gravaron o poema. Podedes escoitalo no seguinte podcast. Parabéns polo voso traballo!!!

15 may 2024

LUÍSA VILLALTA E O TEATRO DE SOMBRAS

Con motivo das Letras Galegas o alumnado de 5º de Primaria realizaron a representación dos poemas, “Música reservada” "Antiquísima" da escritora polifacética Luísa Villalta mediante o teatro de sombras, homenaxeada deste ano.

Para a creación do teatro o alumnado tivo que analizar o poema para poder convertelo en imaxes a representar, realizar as marionetas e finalmente facer a representación da cal podedes desfrutar nos seguintes vídeos.



16 abr 2024

HAIKUS E CIANOTIPIA

Para celebrar o 21 de marzo, Día da Poesía, na aula de 1ºA  aprenderon que son os Haikus, un tipo de poesía xaponesa que normalmente ten como temática a natureza e crearon un por parellas.

Dado que ese día tamén foi o Día das árbores, fixeron composicións con elementos naturais que atoparon polo patio sobre unha cianotipia.

A través desta técnica poideron ver como o sol pode “imprimir” en negativo os obxectos. Logo, tras un “baño” revelaron a súa cianotipia.