Mostrando entradas con la etiqueta Mes das Letras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Mes das Letras. Mostrar todas las entradas

3 jun 2026

CINEMA NA BIBLIO

Durante o mes de maio, a nosa biblioteca encheuse de imaxes, risas e emocións coa celebración dun ciclo de cine en galego. Foi unha oportuidade para gozar do audiovisual na nosa lingua e redescubrir pequenas xoias que gardan os arquivos do Xabarín Club. 

Os nenos e nenas de Infantil e primeiros cursos de Primaria mergulláronse nas aventuras dun osiño entrañable: "As aventuras de Paddington". Nesta historia, o señor Gruber agasállalle a Paddington unha caixa de maxia para que aprenda os segredos dos grandes magos. Entre risas e ilusións, o público máis novo gozou dunha sesión chea de fantasía e amizade.

O alumnado de cursos superiores tivo a oportunidade de descubrir unha serie rodada en Galicia: "Os argonautas". A protagonista, Alba, chega á vila de Rodas  para pasar o verán coa tía Helena. O que semellaba un tempo aburrido e solitario convértese nunha aventura chea de misterio, amizade e descubrimentos. A rapazada quedou tan intrigada que prometeu seguir a historia para saber que acontecera ese verán insquecible.

1 jun 2026

BIBLIOLAB: BEGOÑA CAAMAÑO

Durante o mes de maio, a Bibliolab centrou as súas actividades en dúas temáticas: o pensamento computacional e a celebración das Letras Galegas, dedicado a Begoña Caamaño. A través de xogos e creacións, o alumnado mergullouse no universo literario e tecnolóxico, combinando imaxinación e aprendizaxe.

Coas tarxetas de imaxes relacionadas coa vida e obra de Begoña Caamaño, realizouse un xogo de buscar parellas.

Cada participante decorou marcapáxinas de Begoña Caamaño e tamén se utilizou o lapis 3D para crear outros. 

Empregando unha  lupa vermella descubrimos o texto oculto en diferentes tarxetas. Despois, cubriuse unha ficha de investigación con toda a información atopada.

Inspirándose nas novelas de Begoña Caamaño, o alumnado escolleu un taboleiro temático e, cos dados de historias, inventou contos para narrar oralmente aos compañeiros e compañeiras. 

En Primaria, as historias foron programadas con Scratch online ou Scratch Jr, transformando a narración en animacións interactivas.

Nas obras de Begoña Caamaño mestúranse espazos reais e fantásticos. Para explorar este aspecto, realizouse un xogo de circuitos eléctricos: con cables, uníase cada imaxe co seu nome. Se a luz se acendía, significaba que a resposta era correcta. Ademais, completouse unha sopa de letras con termos e lugares das súa novelas. 

As heroínas das historias de Begoña tamén tiveron o seu espazo nos xogos de taboleiro:

-Xogo tipo parchís: as personaxes movíanse polo taboleiro seguindo as frechas, empregando o dado numérico, ata chegar á meta da súa cor.

-Xogo de pensamento computacional: unha versión avanzada do parchís, na que se traballaron os bucles e condicións, aplicando conceptos básicos de programación.

Na obra “Circe ou o pracer azul”, Begoña inspirouse en personaxes da mitoloxía grega. Nesta historia Penélope, a raíña de Ítaca, e Circe, a deusa e raíña de Eea, intercambian cartas nas que comparten os seus segredos, aventuras e ameazas que sofren os seus territorios. Tiramos o dado, colocamos as pezas e programamos o CODING SET para conseguir coller a todos os personaxes.

Na obra “Morgana en Esmelle”, Begoña inspirouse nas lendas da Idade Media coñecidas como materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. O alumnado escolleu un dos tres xogos propostos nas tarxetas e programou ao Tale-bot, guiando a Morgana e os cabaleiros de Artur polas súas misións. 

31 may 2026

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS

Celebramos o Mes das Letras Galegas cunha programación chea de música, cor e palabras. As actividades foron organizadas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Música, que uniron esforzos para homenaxear a autora escollida este ano: Begoña Caamaño.

Durante o mes, o alumnado participou en diferentes propostas creativas. Pintouse a bandeira galega, realizáronse investigacións sobre a vida e obra de Begoña Caamaño, elaboráronse debuxos inspirados nos seus libros, programas de radio…

Un dos momentos máis especiais foi a visita da cantante Uxía Senlle, coa que o alumnado tivo a oportunidade de cantar “Begoñísima”, unha peza que encheu o centro de emoción e orgullo pola lingua e pola cultura galega.

Como colofón, todas as aulas participaron na creación dun mural colectivo inspirado no libro "Begoñísima", de Andrea Nunes, da editorial Cuarto de Inverno. Cada grupo elaborou diferentes elementos da obra, que se uniron nun gran traballo común. O resultado foi unha composición chea de simbolismo, creatividade e espírito de comunidade.

O Mes das Letras Galegas foi unha celebración compartida, un espazo para descubrir, cantar e crear en galego, mantendo viva a palabra e o legado de Begoña Caamaño.

29 may 2026

ANIMACIÓN LECTORA CON PACO NOGUEIRAS

O alumnado de Educación Infantil gozou dunha fantástica animación lectora con Paco Nogueiras.

Coma sempre, Paco chegou coa súa inseparable maleta chea de contos e música, disposto a encher a biblioteca de risas, ritmo e imaxinación. Acompañado do seu acordeón e ukelele, fixo soar  historias tan fermosas como "Flores, Unha eiruga moi larpeira, Non é unha caixa é unha cidade e A banda que ninguén coñece". 

Cada conto converteuse nun pequeno espectáculo onde as  palabras, as rimas e as cancións se mesturaron para crear un ambiente máxico e cheo de alegría. O alumnado participou con entusiamo, cantando, movéndose e deixando voar a súa fantasía.

Grazas a Paco Nogueiras e á Editorial Kalandraka por facer posible esta experiencia e por seguir sementando o amor polos libros e pola lectura!

28 may 2026

VISÍTANOS UXÍA SENLLE

O martes 26 de maio recibimos no noso centro a Uxía Senlle, que nos presentou temas do seu proxecto "Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño". Este libro-disco é unha homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, figura das Letras Galegas 2026.

Definido pola propia autora como "unha carta íntima de amizade, memoria e gratitude", o proxecto combina música e literatura para reivindicar a memoria, a amizade e a liberdade das mulleres. 

Durante a actuación, Uxía estivo acompañada pola súa irmá Ana Senlle, e tamén participaron as Cantareiras do Seis, que puxeron voz e emoción a esta celebración tan especial.

O momento máis emocionante chegou cando todo o alumnado e profesorado presentes no ximnasio unimos as nosas voces para cantar "Begoñísima", enchendo o espazo de música, lembranza e alegría compartida. 

Foi unha xornada inesquecible na que celebramos a palabra, a música e a memoria de Begoña Caamaño, unha muller indómita que segue a inspirar ás novas xeracións.

26 may 2026

INFANTIL NA RADIO DO SEIS

Queremos compartir convosco un traballo moi especial que realizou a clase de 3 anos B con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Os nosos pequenos e pequenas prepararon un programa de radio dedicado a homenaxear a Begoña Caamaño.

Ao longo deste programa, descubriremos a vida da escritora e xornalista viguesa, e desfrutaremos da música de Uxía, que acompaña esta fermosa homenaxe.

Agardamos que o desfrutedes!!!

25 may 2026

XABIER DOMÍNGUEZ CO CLUB DE LECTURA DE 5º

O Club de Lectura de 5º de Primaria celebrou un encontro co escritor Xabier Domínguez, autor do libro "Maxia de pedra". A actividade foi unha oportunidade para conversar sobre unha historia chea de maxia, intriga e acción, que nos transporta á Galicia castrexa e á época da romanización. 

Durante o encontro, o alumnado presentou os traballos realizados sobre os petroglifos, un dos elementos centrais da obra, e formulou numerosas preguntas ao autor. Xabier respondeu moi amablemente, compartindo curiosidades sobre o proceso de creación e sobre os personaxes. Contounos que o nome da protagonista, Anxela, é tamén o da súa filla, e confesou que, se tivese que escribir de novo a historia, faría algúns cambios para darlle outro enfoque.

A conversa permitiu afondar nos temas principais da novela: a relación entre pai e filla, a importancia da arqueoloxía para coñecer o noso pasado histórico, a posta en valor do patrimonio cultural e natural galego e o coidado do medio ambiente como responsabilidade colectiva.


O autor explicou tamén que escolleu un gato con tres colas porque é a figura que mellor representa o misterio e a fantasía, símbolo da maxia que impregna toda a historia.

“Maxia de pedra” é unha obra cun enfoque didáctico e pedagóxico, que achega ao alumnado á prehistoria e á romanización en Galicia dun xeito ameno e atractivo. 

A través da lectura e da conversa co autor, o Club de Lectura puido descubrir como a literatura pode ser unha ponte entre a imaxinación e o coñecemento do noso patrimonio arqueolóxico e medioambiental.

23 may 2026

O GRAN CIRCO DAS PALABRAS

O martes 19 de maio, Eva Mejuto compartiu co alumnado de 2º de Primaria unha sesión arredor do seu libro "O gran Circo das Palabras".

Durante o encontro, Eva explicou que a inspiración para escribir esta historia naceu da súa preocupación polo trato que reciben os animais nalgúns circos. Por iso decidiu crear un circo diferente, un espazo cheo de liberdade e creatividade, onde os animais puidesen facer o que máis lles apaixona: contar contos, bailar, tocar instrumentos, ler ou actuar. Un circo máxico, artístico e poético!

As ilustracións de Fernando Martín deron vida a este universo cheo de cor e movemento, convertendo cada páxina nun pequeno espectáculo visual.

O alumnado aceptou o reto que aparece ao final do libro: inventar o seu propio conto para representar. Cada grupo inventou unha parte da historia, fixo as súas ilustracións e presentoullas a Eva, que quedou encantada coa creatividade e o entusiasmo de todos e todas. Ademais, elaboraron un knolling literario, escollendo obxectos que simbolizaban o espírito do libro e organizándoos con moito coidado.

Eva rematou asinando os exemplares dos libros, deixando un recordo cheo de ilusión, imaxinación e amor pola lectura.

22 may 2026

ENCONTRO LITERARIO CON ABRIL CAMINO

O mércores 20 de maio, os Clubs de Lectura do Ceip Plurilingüe Seis do Nadal e do IES Alexandre Bóveda reuníronse para compartir unha xornada literaria con Abril Camino, autora de “Mulleres que viven xuntas”, obra gañadora do XLII Premio Xerais de Novela 2025.

A novela lévanos á Galicia do franquismo para achegarnos ás vidas de Isabel e Chus, dúas mulleres obrigadas a vivir o seu amor nun tempo de silencios, medos e renuncias. É unha historia que rende homenaxe a todas esas vidas ocultas que durante moito tempo non tiveron voz na literatura nin na sociedade. 

Durante o encontro, Abril compartiu con nós como xurdiu a idea de escribir este libro: a partir dunha conversa coa súa nai sobre aquelas mulleres solteiras que vivían con outra muller e que, sen decilo abertamente, compartían vida e afectos.

A autora contou que quería escribir unha historia breve, polo que hai pouca descripción dos personaxes deixándoa á imaxinación do lector/lectora. Tamén explicou que o personaxe de Chus foi medrando ata converterse na verdadeira voz da memoria. Tiña claro que Isabel debía emigrar a Londres, unha cidade aberta e cosmopolita nos anos sesenta, símbolo de liberdade que en Galicia lles era negada.

Falouse dos grandes temas que atravesan a novela: a memoria histórica, a represión social, a emigración e a necesidade de vivir con autenticidade.

Abril explicou como o relato alterna dous tempos narrativos para reconstruír os cincuenta anos de vida compartida entre Chus e Isabel. O pasado aparece narrado en terceira persoa, ofrecendo unha viaxe polos antecedentes familiares, a marcha de Isabel a Londres e o nacemento da relación entre ambas. O presente, en cambio, está contado en primeira persoa por Chus, nos momentos previos ao enterro de Isabel, converténdose nun espazo de dor, nostalxia e lembranza.

Grazas, Abril, por este encontro onde a literatura, a memoria e as emocións déronse a man!

21 may 2026

VISITA DE EVA MEJUTO

O alumnado de 4ºB esperaba con moita ilusión a chegada de Eva Mejuto, autora do libro "Queco e Kika". O martes 19 de maio foi un día moi especial, pois por fin puideron  coñecela en persoa e conversar con ela sobre o seu traballo.

Durante a entrevista, Eva compartiu con gran entusiasmo  a súa inspiración para crear a historia, explicou o seu proceso creativo e contou como é o traballo editorial que se agocha detrás de cada libro. Compartiu, tamén anécdotas divertidas e adiantou algunas pistas sobre os proxectos que está a preparar, o que espertou moita interese entre o alumnado.

“Queco e Kika" é unha historia chea de humor e de amor, na que se exploran valores tan importantes como a diversidade afectivo-sexual, a empatía, a familia escollida, o coidados dos animais, a aceptación das diferenzas e a tolerancia. Estes temas inspiraron ao grupo para crear fermosas ilustracións cheas de cor, imaxinación e sentimento. 

Con todas esas creacións elaboraron un mural de benvida para recibir a autora, que quedou marabillada co resultado. Ademais, Eva recibiu os debuxos como agasallo, un detalle que a fixo sorrir con emoción.

O encontro rematou cun momento moi especial: a sinatura dos exemplares do libro, deixando un recordo inesquecible dunha visita chea de emoción e aprendizaxe .

19 may 2026

ROTEIRO LITERARIO CON PEDRO FEIJOO

O luns 18 de maio, os Clubs de Lectura do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal e do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao compartimos unha xornada moi especial co escritor Pedro Feijoo, autor do libro “Pequena historia de Vigo”, que condensa séculos de historia da cidade en formato cómic. Guiados polas súas palabras emprendemos un roteiro literario polos recunchos máis emblemáticos e cheos de memoria da nosa cidade. 

O percorrido comezou nas ruínas do Castelo de San Sebastián, situadas xusto detrás da torre do Concello. Desde alí puidemos gozar das vistas da cidade, imaxinando como sería aquel Vigo antigo que o libro nos axuda a reconstruír.

A seguinte parada foi o Banco dos Contos, que non serviu para narrar historias. Alí, segundo nos contou Pedro, os comerciantes sentaban para facer as contas das vendas dos seus produtos.

Paseamos pola cidade vella, reparando nos edificios e construcións que agochan segredos e historias. 

Na Porta do Sol detivémonos diante do edificio construido por Pacewicz, buscando na súa fachada a data de construción: 1902. Alí tamén coñecemos un detalle sorprendente: as marcas dos impactos da Guerra Civil que aínda se conservan na pedra. Un recordo  visible dun tempo escuro que nos convida a reflexionar sobre a memoria.

Na praza da Constitución, xogamos a atopar un reloxo de sol agochado entre os edificios, e na praza da Colexiata, Pedro aproveitou para falarnos da Oliveira, símbolo da cidade e testemuña silenciosa da súa historia.

O roteiro continuou ata a casa onde estaba a imprentade Juan  Compañel, que non é a que ten a placa visible, senón outra vivenda próxima. Alí atopamos unha indicación coa cita de Pedro Feijoo sobre o momento no que se imprimiu "Cantares Gallegos", o 17 de maio de 1863. Nesa mesma casa viviu Rosalía de Castro durante un tempo da súa estancia en Vigo, un feito que nos encheu de orgullo e emoción.

Ao rematar o percorrido, Pedro Feijoo lembrounos que está nas nosas mans contar todo o que vimos para que non se perda, e que as novas xeracións temos a responsabilidade de conservar a nosa memoria.

Foi un día cheo de aprendizaxe, historia e literatura, na que descubrimos que Vigo agocha relatos en cada recuncho. Grazas a Pedro por facernos mirar Vigo con outros ollos e por compartir connosco a súa paixón pola cidade.