19 dic 2021

GUÍA DE LECTURAS DE NADAL

Todos os camiños nos levan a casa polo Nadal!

Tempo de ilusión, de ledicia, de agasallar, de bos desexos, e tamén... de lectura.

Que mellor que un libro para compartir momentos máxicos en familia cheos de emocións e sentimentos.

Esta é a nosa Guía de Lecturas cos libros que traballaremos nas aulas ao comenzo do novo ano. 

Van acompañadas de recomendacións para as familias con xogos de mesa, música, poesía e receitas para ir preparando o noso camiño.

En dous formatos: nun tríptico e, na presentación en Canva, se premedes nos libros podedes obter información sobre eles.

Colabora co comercio local e merca nas súas librarías!!!

Felices Lecturas e Bo Camiño!!!

Guía de Lecturas Nadal de Biblioteca Seis do Nadal

7 dic 2021

RETO DECEMBRO

Se a terceira etapa queres superar unha Receita terás que elaborar! 

Investiga as receitas típicas das zonas polas que pasa o teu camiño.

Envia as fotos do proceso ou a receita ao enderezo bibliotecaseisdonadal@gmail.com

2 dic 2021

AS MOCHILAS VIAXEIRAS INICIAN O SEU CAMIÑO

Hoxe iniciaron o seu camiño as Mochilas Viaxeiras.

Son un vínculo entre a  familia e a biblioteca, proporcionando a oportunidade de facer lecturas compartidas e conversas sobre os libros ademais de reforzar o labor común na formación de lectores e lectoras máis novos.

Van acompañados dunha Carta na  que se explica o seu funcionamento e o listado do material e un Caderno Viaxeiro, espazo en branco para que aportedes as vosas impresións, suxerencias, debuxos e comentarios que vos xurdan ao redor dos documentos que vos emprestamos.

    Boas Lecturas e Bo Camiño!!!!!!!!!!!

28 nov 2021

RETOS PARA O CAMIÑO

Xa iniciamos as actividades de procura documental,  os retos, vinculados ao proxecto anual.  Iremos investigando e superando as distintas etapas para chegar a nosa meta e recibir unha sorpresa.

Unha nova aventura imos comenzar!!!

Se a Santiago queres chegar

un  longo camiño  terás que percorrer.

Un reto mensual terás que resolver

e o pasaporte completar,

se a Compostela queres acadar!!!

Aquí tedes os primeiros retos!!! 

Podes enviar os traballos ou fotos ao enderezo da biblioteca: 

 bibliotecaseisdonadal@gmail.com

 BO CAMIÑO!!!

26 nov 2021

CULTURGAL 2021

Co lema "A cultura que toca", Culturgal, a feira da actividade cultural de Galicia, celébrase do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Recupera o contacto, o encontro, a conversa presencial e o directo na cultura.

O programa conta con máis de 100 actividades: música, libros, contacontos, ciencia, teatro, obradoiros,…

Ligazón ao programa

https://www.culturgal.com/static/themed/culturgal/docs/2021-programa-infantil.pdf

25 nov 2021

#25N: LECTURAS E ACTIVIDADES

Hoxe, 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da violencia contra a Muller, amosamos o noso rexeitamento ante a permanente violencia que se exerce sobre as mulleres e nenas en todo o mundo e tamén reivindicamos a necesidade de educar en igualdade e no respecto aos demais.

Exposición “Camiños de Igualdade” para ler, aprender e reflexionar sobre o tema que estiveron a disposición do profesorado para traballar nas aulas.

Pintamos as flechas co lema ”Camiñando coa muller no Seis”.

Cos nosos petos violetas saímos ao patio formando un camiño e cantamos a canción “Son muller” de MBCP (Máis Boas cas Patacas) co retrouso en lingua de signos.

24 nov 2021

TOUPICIENCIA

No Portal da Lingua Galega podedes acceder a unha Miniserie audiovisual de divulgación científica en galego dirixida á infancia, con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un.

Neles, Toupiña e outros monicreques descubrirán o mundo da ciencia a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas.

(Preme na imaxe)

A iniciativa realizada por A Xanela do Maxín e ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico de Galicia, como Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez, Xurxo Mariño ou Jorge Mira, entre outros.

14 nov 2021

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

“E temos a sorte de que esta viaxe (a científica) se poida facer dende as bibliotecas, que non só acollen libros e outros materiais, senón que tamén acollen descubrimentos e camiños de aprendizaxe, cos éxitos e tamén os fracasos da ciencia e da tecnoloxía, porque cometer erros tamén é aprender”.

Amparo Alonso Betanzos

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.

Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Amparo Alonso Betanzos, profesora, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial. 

“…a ciencia é o piar do benestar social e económico, o coñecemento xera persoas e sociedades máis libres e críticas e as bibliotecas son, en parte, as gardas dese coñecemento. Que máis necesitamos para gozalas?"

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO

PINTEREST: CIENCIA EN GALEGO


FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

11 nov 2021

INAUGURACIÓN DA NOVA BIBLIOTECA

E por fin chegou o día!!!

O martes 9,  inauguramos a nosa nova Biblioteca ”Atlas dos Soños”.

Xornada de emocións e sentimentos!!

Contamos ca presenza de diversas Autoridades, representante da Asesoría de Bibliotecas Escolares, Anpa e como Madriña  da inauguración a escritora Ledicia Costas.

O acto estivo presentado polo Voluntariado de 6º de Primaria que foron os encargados e encargadas de dirixir os nosos pasos hacia os diferentes espazos.

A nova Biblioteca está ubicada na que era a casa do conserxe e nela están os libros de literatura recreativa e de ficción, para actividades de fomento da lectura, contacontos, encontro con escritoras e escritores,... A BiblioLab, ocupa a antiga biblioteca, na que está presente a linguaxe de programación, a robótica, matemáticas, ciencias, libros informativos e de consulta,...

Na biblioteca atoparonse cun espazo cheo de historias agochadas entre as letras, pictogramas e notas musicais que agardan impacientes ser descubertas polos nenos e nenas do cole; e na BiblioLab visitaron un espazo que está esperando ser o escenario de experimentos, investigacións, construccións e creacións dos nosos e nosas futuros makers.

Inauguración Biblioteca de Biblioteca Seis do Nadal

Escoitamos a canción “A Biblioteca do Seis”. Letra de Isis e música de Gael e Isis, acompañados da mestra Sara e interpretada polo alumnado de 5ºB co retrouso en lingua de signos.

E o mércores 10, foi un día moi especial, xa que todo o cole puido visitar a biblioteca e escoitar  ao escritor e contacontos Anxo Moure co que disfrutamos de historias e bosques de contos.  

Viu na súa ciclobiblioteca e agasallounos coas súas verbas e poesía ademáis dun atrapacontos e un libro.

Grazas a todas e todos!!!

En breve o vídeo das dúas xornadas.

7 nov 2021

SAMAÍN NO SEIS

Unha mostra do que se realizou no centro polo Samaín: exposición de cabazas no exterior, selección de lecturas, contacontos e hora de ler ás escuras,...

SAMAÍN 2021 de Biblioteca Seis do Nadal

30 oct 2021

LENDO NO SAMAÍN

Para estas datas temos montada unha exposición de libros sobre bruxas, monstros, cabazas, pantasmas,.... para pasar moito medo!!!

"Moito maxín, no SAMAÍN

é hora de contar historias de medo e fuxir.

Moito maxín hai no Samaín,

é hora de contar historias de medo e botar a rir". 

("No Samaín", canción do libro-cd “Brinca Vai” de Paco Nogueiras. Ed.Kalandraka)

Lecturas no Samaín de Biblioteca Seis do Nadal do Nadal

26 oct 2021

LECTURAS ÁS ESCURAS

Os vindeiros 28 e 29 de outubro faremos a Hora de Ler ás escuras.

Non esquezas a túa lanterna, apagaremos as luces, baixaremos as persianas e... Pasarémolo de medo!!!!

25 oct 2021

PROXECTO ANUAL

Benvidos e Benvidas a un novo curso!!!

Presentámosvos a Broli, a nosa mascota da biblioteca.

Vai comenzar unha aventura, percorrerá o camiño ata Compostela, no que vivirá grandes aventuras, contará historias, investigará,...

“Os Camiños do Seis”proxecto documental anual de centro que xirará en torno ao Camiño de Santiago, achegarémonos a súa historia, símbolos,…con diferentes rutas polas que discurrirán as nosas andainas, a inclusión, a sostenibilidade, a igualdade,…

Agárdannos moitas novidades e sorpresas!!!

Estade moi atentas e atentos!!! 

Preparade mochila, botas, bastón,… iniciamos o camiño!!!

24 oct 2021

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 

 

A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2021. 

"A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos."

As bibliotecas escolares galegas son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir”.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 

Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia, A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA, quere poñer o foco na palabra e na oralidade.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

17 oct 2021

DÍA DAS ESCRITORAS 2021

O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VI Edición celébrase este ano 2021  o 18 de outubro baixo o lema "Ler as idades da vida"

Marifé Santiago Bolaños, é a comisaria esta VI Edición do Día das Escritoras 2021"Os libros escríbense só para unha lectora, a que os fai estar de novo cando os le. Por iso, a escritura vai dando conta das idades da vida e permítenos elixirnos, recuperarnos e soñarnos entre as páxinas dos libros. Dos libros que lemos, dos que leremos. Dos que se escribiron para nós, aínda que non os atoparamos aínda."

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visibilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 

SELECCIÓN DE TEXTOS DE ESCRITORAS GALEGAS

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

3 oct 2021

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA é o lema que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade propón ás Bibliotecas Escolares Galegas para este curso 2021/2022, quere poñer o foco na palabra e na oralidade.

A imaxe que interpreta este lema proposto para este curso é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero.

Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 

Máis aínda, como instrumentos a favor da equidade, as bibliotecas dos centros educativos deben procurar o acceso igualitario ao coñecemento e uso do léxico que garante unha mellor comprensión lectora, toda vez que os expertos nos falan da diferencia abafante entre o número de palabras que contén o léxico do alumnado de infantil en función dos contextos familiares, diferencia que marca xa as posibilidades de éxito fronte á lectura. 

Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 

A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade. 

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

21 jun 2021

GUÍA DE LECTURAS PARA O VERÁN

Rematando o curso, queremos deixarvos as nosas Recomendacións de Lectura para que disfrutedes nos momentos de lecer.

Chegan as vacacións, tempo para divertirse, xogar, ir a praia, ao monte, tomar o sol, viaxar,...e tamén para ler.

Se queres vivir grandes aventuras,... non esquezas meter na túa maleta un libro!!!

Colabora co comercio local e merca nas librarías da zona!!!

Bo verán e refrescantes lecturas!!!

Guía de Lecturas Verán 2021 de Biblioteca Seis do Nadal

20 jun 2021

RESUMO DOS RETOS

Presentamos un resumo dos retos mensuais, plantexados ao longo do curso, vinculados ao proxecto anual, o baile.

Retos de Biblioteca Seis do Nadal

18 jun 2021

PAULA CARBALLEIRA NO SEIS

O mércores 16 de xuño, contamos coa presenza de Paula Carballeira, escritora, actriz e contadora, que realizou unha actividade de animación á lectura para o alumnado de 2º de Primaria.

Fixo dúas sesións. As contadas centráronse nos contos de bruxas e mosquitos.

Os nenos e nenas disfrutaron, divertíronse e participaron con ritmos. Pasárono xenial!!!

Grazas Paula, agardamos verte de novo polo Seis!!!

Paula Carballeira de Biblioteca Seis do Nadal

5 jun 2021

OBRADOIROS CREATIVOS

As clases de cuarto, ao longo do curso, realizaron varios obradoiros de Biblioteca Creativa: robótica, deseño e impresión 3D, escornabots,…

Durante o primeiro trimestre, centrámonos na montaxe e desmontaxe dos Mbot, así como na aprendizaxe de programación coas tabletas con app, como Lighbot e Scracht.

No segundo trimestre, na biblioteca, organizamos tres zonas, nos que cada semana o alumnado rotaba. En cada zona, tiñan dous retos a lograr coas temáticas de Bolígrafo 3D, escornabots e Mbot.

Para rematar, no terceiro trimestre, deseñaron nas tabletas, as súas creacións co programa Tinkercad. Despois de pasar as creacións polo programa Ultimaker Cura, imprimímolas na impresora 3D.

4 jun 2021

ENCONTRO VIRTUAL CON ROSA ANEIROS

O 3 de xuño, a clase de 4ºB, tivo un encontro virtual coa escritora Rosa Aneiros, autora do libro “Tres bichicomas, dúas illas e unha serea”.

Rosa comenzou amosándonos unha presentación de imaxes e contándonos como xurdiu a idea do libro, cales foron as súas fontes de inspiración para logo dar paso ás preguntas dos nenos e nenas. Por último, ensináronlle os debuxos que eles/elas fixeron e despedímonos, dun xeito agarimoso, de Rosa.

Foi unha experiencia moi enriquecedora e gratificante!!!!

 Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, ilustrado por Abi Castillo, da Editorial Xerais, recibiu o III Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2018.

"Conta as aventuras de Edelmira, que pasa o verán co seu avó en Marabilia. O que ían ser uns meses na aburrida aldea, muda coa chegada de dous nenos, André e Daniel, cos que inicia arriscadas expedicións na procura de corsarios choscos, frotas de flamengos e gatos con cola de dinosauro. Ata que algo aparece inesperadamente no mar para mergullalos nunha extraordinaria aventura que os converterá en afoutos bichicomas".

3 jun 2021

BIBLIOTECA CREATIVA: ESCORNABOTS

Este curso aumentamos a nosa familia escornabótica en dous máis, costounos un pouco montalos pero xa están cos seus compañeiros. Nun principio, centrámonos en arranxalos e poñelos a punto, cambiámoslles as pilas, fabricamos novas rodas e respostos coa impresora 3D, e revisamos tódalas súas conexións.

Creamos novos taboleiros: un para a semana da prensa, outro que ten que ver co proxecto anual do centro, o baile, neste o alumnado ten que acadar tódalas pezas dun puzzle relacionado con danzas. Un último taboleiro, no que teñen que lograr montar o robot, que gañou no concurso de debuxa un robot.

Nos seus obradoiros creativos, ao alumnado de cuarto, propuxémoslles un reto, que consistía en facer unha coreografía cos escornabots para elo, tiñan dúas tabletas, unha para buscar e poñer a música e outra para gravar a coreografía.

Non nos podemos esquecer que, ademais dos escornabots que están na biblioteca, cada clase de Educación Infantil, ten un destes pequenos. Ademais de servir para unha aprendizaxe guiada de diferentes conceptos, tamén permite o xogo libre para fomentar a creatividade e imaxinación dos nenos e nenas.

Como vedes, os nosos escornabots seguen a súa andaina curso tras curso!!!