3 may 2026

ENCONTRO CON LUCÍA MOJÓN

O xoves 30 de abril, o alumnado de 1º desfrutou coa visita de Lucía Mojón, que compartiu un contacontos sobre o seu libro Biscoito de castañas.

Trátase dun divertido álbum ilustrado que nos lembra o valor da imaxinación, dos momentos compartidos en familia, das receitas de cociña e da sabedoría dos nosos maiores. 

Unha aventura arredor dunha tarde de outono, unhas castañas desaparecidas e unha viaxe polo noso magosto e as lendas que o acompañan.

O alumnado pasouno xenial, participou, bailou e fixo os sons que aparecen na historia. Tamén lle fixeron preguntas  á autora.

O remate, Lucía asinou os exemplares do libro mentras recibía con ilusión os debuxos que o alumnado elaborou inspirándose na obra. Grazas, Lucía, pola túa visita!

2 may 2026

CREATIVIDADE CON KORBO

Durante o mes de abril, a biblioteca transformouse nun auténtico circo de ideas e construcións grazas ás pezas Korbo. O espazo encheuse de imaxinación, enxeño e moita diversión mentras o alumnado convertíase en artistas da creación. 

O reto deste mes consistiu en deseñar e construir unha estrutura que lembrase ao incrible home bala. As mesas convertéronse en pistas de lanzamento, as pezas en engranaxes de soños, e cada grupo traballou en equipo para dar forma ás súas ideas.


Os resultados foron: estruturas cheas de cor, equilibrio e movemento, que demostraron a creatividade e o espírito colaborativo de todos os participantes.

Ao completar o desafío con éxito, cada participante recibiu unha nova pegatina para engadir á súa folla de retos da biblioteca, un recordo máis desta aventura chea de aprendizaxe, diversión e fantasía.

1 may 2026

OLAIA SENDÓN E "O PIRATA BRUNO"

O luns 27 de abril recibimos, un curso máis, a visita de Olaia Sendón, quen mantivo un encontro moi especial co alumnado de 2º de Primaria para conversar sobre o seu libro "O pirata Bruno". 

Trátase dun texto cheo de ritmo e xogos sonoros que combina a narrativa de aventuras coa divulgación do patrimonio marítimo galego. A historia non é só a viaxe de Bruno, un neno nacido nunha illa cuxa vida dá un xiro inesperado ao atoparse cun barco pirata, senón tamén unha porta aberta ao mundo da navegación e da cultura mariñeira. 

A través da lectura, os nenos e nenas descobren o mar desde unha perspectiva lúdica e educativa, grazas a un glosario de léxico mariñeiro que introduce termos técnicos do mar e un apartado interactivo sobre os faros de Galicia- como a Torre de Hércules, o Faro Vilán- que invita a identificalos e coñecelos mellor. 

Durante o encontro, Olaia contou que decidiu escribir esta historia porque os seus fillos pasaron unha etapa na que lles fascinaban os piratas, e porque o mar e a auga son elementos fundamentais para ela, fontes de inspiración e orde nas súas ideas creativas.

Compartiu tamén detalles do seu proceso creativo, explicando que gozou moito escribindo e ilustrando o libro, un traballo que lle levou todo un verán (2019) e que finalmente se publicou no 2025. As ilustracións, moi chamativas, están realizadas con só tres cores- vermello, negro e branco-, o que lles dá unha forza visual moi especial.

O alumnado participou con entusiasmo, formulando preguntas e amosando os marcapáxinas que elaboraron inspirándose na lectura e nas ilustracións do libro. 

O encontro rematou cun momento moi emotivo: Olaia asinou os exemplares e fixo dedicatorias personalizadas a cada neno e nena, deixando un recordo inesquecible. 

Moitas grazas, Olaia, pola túa visita e por inspirar ao noso alumnado coa túa creatividade e amor polo mar.