31 ene 2024

LECTURAS EN FAMILIA

Continuamos coas lecturas en familia. Nas semanas do 22 ao 31 de xaneiro contaron:

Marina, nai de Paulo, 4º Ed. Infantil, diferentes animais que desfilarán por un sitio singular, en ”Coidado coa charca!”.

Dani, pai de Arabia, 1ºA, dous contos moi divertidos.

Virginia, nai de Alejandro, 4º Ed. Infantil, un libro que nos fala sobre como facer amizades, “El cocodrilo que vino a cenar”.

Maruchi, nai de Uxía, 5º Ed. Infantil, narra a aventura dun camaleón na procura da súa identidade, “Unha cor propia”.

Alexander, pai de Aitor, 4º Ed. Infantil, un ratiño que viaxa á Lúa e descobre que non é de queixo, “Paco”.

Laura, nai de Naira, 1ºA, a historia dun lobo moi especial, “¡Voy a comedte!”.

Ana, nai de Antón, 4º Ed. Infantil, a historia dun coello ao que lle gusta a horta, “A horta de Simón”.

Moitas grazas polas lecturas e por compartir o voso tempo con nós!!!

30 ene 2024

DÍA DA PAZ 2024

Hoxe 30 de xaneiro, celebramos un acto colectivo para conmemorar o Día da Non Violencia e da Paz.

Na pista de baloncesto, con roupa branca, colocámonos formando círculos e, todos xuntos, cantamos a canción “Fronteiras”, de Guadi Galego. Fixemos xestos e o retrouso en lingua de signos acompañada dunha coreografía.

Cada clase decorou unha pomba coa palabra PAZ en diferentes linguas coas que formamos un mural.

29 ene 2024

VOLUNTARIADO POLA PAZ

voluntariado da Biblioteca preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de 1º de Primaria pola Semana da Paz, para educar na tolerancia, no respecto e na solidariedade.

                        Grazas polo voso traballo!!!

Os libros seleccionados foron:

Fronteiras de papel, Antela Editorial

Con este libro achegan unha historia, similar a moitas outras vividas polos milleiros de migrantes que hoxe atravesan o mundo, que a miúdo atopan obstáculos, moitos deles simbolizados na burocracia que expulsa e crea fronteiras entre as persoas, fronteiras de papel.

A pomba Dona Paz, Ed. Xerais

A pomba dona Paz é un relato concibido para que os lectores e lectoras máis novos participen tamén dos valores da construción pacífica da sociedade e da cidadanía democrática. Un libro que é un vieiro da esperanza cara a un mundo en paz e igualdade.

28 ene 2024

GUÍA DE LECTURAS PARA A PAZ

Dende a biblioteca fixemos unha escolma de lecturas para conmemorar o Día da Paz e da Non Violencia que están a disposisición de todas e todos para traballar nas aulas.

GUÍA DE LECTURAS

Lecturas para a Paz de Biblioteca Seis do Nadal

26 ene 2024

PLAN PROXECTA +. PRIMEIROS PASOS

Xa temos ao alumnado de 1º de Primaria traballando no proxecto “Nós tamén creamos!”, no que elaborarán unha curta coa técnica stop-motion.


O primeiro paso foi a elección do álbum ilustrado que terán que reproducir.

O gañador foi… “A colleita de Ratiño” de Leticia R. Gancedo e Mar Ferrero. Ed. OQO.

Cal será o seguinte paso?...

21 ene 2024

RETO "OSEISMEDIA"

Neste segundo reto, IMAXINA! NARRATIVAS DE PAZ, traballaremos dous Obxectivos ODS:

-O Nº16: Paz, Xustiza e Institucións Sólidas.

-O Nº17: Alianzas para acadar os obxectivos.


"Escoito cancións grises para pintalas de vida

Leo noticias tristes e eu póñolles ledicia 

Borro as nubes do ceo

Semento a terra de sorrisos

Reparto apertas sinceras

Para ir pechando feridas..."

Fragmento da canción “Efecto pasillo”. Imagina. 2015


O mundo que nos rodea non é perfecto. Cada día vemos, escoitamos, lemos algo que non nos gusta e desexaríamos ter unha variña máxica coa que poder borralas ou cambialas.

Colle un vídeo, unha foto, un artigo xornalístico, unha noticia da radio... e cámbiaos. Podes editar as imaxes, debuxar enriba, borrar o que che parece que sobra, crear unha noticia nova, etc.

Envíanos as túas creacións ao correo da Biblioteca (biblioteca seisdonadal@gmail.com) ou entrégallas a túa mestra ou mestre.

Xuntos podemos crear un mundo mellor, máis xusto, máis limpo, máis amable.

E ti, que Imaxinas!

Preme na seguinte ligazón para visionar o vídeo

https://vimeo.com/301028180

Agardamos as vosas respostas!!!

20 ene 2024

2ª XUNTANZA CLUBS DE LECTURA

Continuamos coas xuntanzas dos Clubs de Lectura, nesta ocasión, cos grupos de 5º, para conversar e compartir as nosas experiencias lectoras con “A Señorita Bubble. Baixo cero”, de Ledicia Costas.

Foi un libro que lles gustou moitísimo. O que máis lles chamou a atención foi o cambio de imaxe de Papa Noel (boa persoa, que reparte xoguetes…) por un home que pasa a ser coñecido como Papá Cruel por contaminar o ambiente cos residuos da súa fábrica, por levar a cabo xogos e explotar aos elfos.

Comentamos os personaxe, ilustracións… e os temas que aparecen no libro (solidariedade, cambio climático e explotación).

A vindeira lectura será “Formig4s. Misión Rosalía” de Pere Tobaruela. Os formigas viaxarán á Compostela do S. XIX e vivirán unha aventura para salvagardar o legado e a propia vida de Rosalía de Castro.

Tamén tivemos reunión co Club de 6º para conversar sobre "Unha veciña de película" de Iria Misa. Da man deste libro  coñeceron películas da historia do cine.

19 ene 2024

FAMILIAS QUE CONTAN

Neste mes de xaneiro, iniciamos a actividade “As familias contan”, na que as convidamos a vir contar un conto ás clases do seus fillos/fillas na Hora de Ler.

Estas foron as familias que nos acompañaron nesta semana. A cativada desfrutou destes momentos máxicos. Grazas por compartir a lectura e o voso tempo con nós!!!

Eva, nai de Leo, 4º Edº Infantil, foi a encargada de inaugurar esta tempada na biblioteca, contándonos “Garavanciño”

O avó de Carolina, 2º de Primaria, contounos “El abrazo mágico”.

Eva, nai de Sergio, 5º Edº Infantil, “El esqueleto coqueto”.

Kirsa, nai de Noa, 5º Edº Infantil, contounos tres contos.

18 ene 2024

OBRADOIRO DE RADIO

Este curso o noso centro entrou a formar parte do proxecto Radio na Biblio co obxectivo de ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

O xoves 11 de xaneiro o alumnado de 5º de Primaria recibiu a formación de radio da man de Damián Alonso da Asociación Ponte...nas Ondas!

O obradoiro estructurouse en tres partes:

1.-Parte de locución e voz (ton, intensidade, velocidade…), con exercicios de dicción, trabalinguas…

2.-Parte técnica centrándonos no programa Audacity e as súas ferramentas.

3.-A parte final foi a preparación, por parellas, dun pequeno guión (presentación, novas, historias…) para gravar. Crearon o programa de maneira conxunta na que asumiron as funcións de técnicos de son e locución.

Foi unha xornada moi entretida e interesante na que nos familiarizamos co funcionamento da radio.

Pola tarde, foi o profesorado os que tivemos esta mesma formación.

11 ene 2024

INVESTIGANDO SOBRE O CINE

Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 4º de Primaria levou a cabo unha investigación sobre o cine e a súa historia dacordo coa temática do PDI deste curso "OSeisMedia".

Para iso, comezou realizando unha busca de información usando as tabletas da BiblioLab e tentou contestar as preguntas dun cuestionario inicial. Esa primeira busca de información foi o xerme que espertou a curiosidade sobre o cine e a súa evolución ao longo do tempo.

O seguinte paso foi a elaboración dunha liña do tempo coa que puido aprender sobre fitos importantes da sétima arte, personalidades relevantes do cine, inventos e unha chea de cousas máis. Identificando cada concepto coa súa definición e fotografía, entre todos construíron unha liña do tempo que trascendeu máis alá da clase.

O obxectivo era que calquera persoa puidese aprender máis sobre o cine e compartir o aprendido, polo que se decidiu deixala como un xogo e exposición permanente no corredor e facer que o resto do alumnado do cole viñese visitala e tentase xogar para completala. Para iso, a rapazada de cuarto tamén fixo un traballo de divulgación polo resto das clases para animalas a visitar o seu traballo. 

O resultado foi un éxito, tanto grandes como pequenos viñeron xogar coa nosa liña do tempo!!

10 ene 2024

AS FAMILIAS CONTAN

Un curso máis queremos convidarvos a participar na actividade de fomento da lectura “As familias contan”.


Se eres membro da nosa Comunidade Educativa, nai, pai, avó, avoa… e queres vir contar un conto á clase dos teus fillos/fillas na Hora de Ler (12,00h a 12,20h), só tes que enviarnos un correo indicando o voso nome, o do voso fillo ou filla, curso e data proposta.

O noso enderezo electrónico é bibliotecaseisdonadal@gmail.com

A actividade desenvolverase dende este mes de xaneiro ata finais de maio.

Animádevos a participar!!!!

8 ene 2024

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA 2024

Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2024, coas datas, efemérides e conmemoracións máis salientables en torno aos libros e á lectura. 

Obra da ilustradora Paula Mayor, o obxectivo desta iniciativa é impulsar entre a cidadanía as actividades culturais arredor das 32 principais efemérides.

Este ano incorpórase ao calendario o Día da Biblioteca Móbil e unha data de homenaxe a Gonzalo Torrente Ballester.

Preme na imaxe para acceder ao documento en pdf.

7 ene 2024

LIBROS EN PRÉSTAMO PARA FAMILIAS

Familias xa está a vosa disposición o espazo con libros de temática diversa: pedagoxía, crianzas, emocións, medio ambiente… que podedes levar en préstamo.

Dende este mes de xaneiro e ata finais de maio as familias podedes solicitar o préstamo destes fondos.

O máximo de libros que podedes coller en préstamo serán  dous, por un periodo de 15 días e renovación doutros 15 días máis.

Hai dúas maneiras de solicitalos:

-Presencialmente, vindo ao centro e seleccionando as lecturas que vós interesen. Rexistrarase co nº de carnet da biblioteca do alumnado.

-Enviando un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com, indicando o título ou títulos dos libros que se queiran levar en préstamo, o nome e o curso do voso fillo/filla  para entregarllos.

O horario para recoller os libros será:

Os martes de 16,00h a 17,00h xa que haberá unha persoa do equipo de biblioteca para solventar calquer dúbida que teñades.

Agardamos a vosa visita e as vosas suxestións!!!

Na seguinte presentación podedes ver os libros que temos no recanto e que se irán actualizando ao longo do curso.

FAMILIAS LECTORAS de Biblioteca Seis do Nadal

3 ene 2024

PASAPORTE LECTOR

Coa volta dos préstamos da biblioteca o alumnado de 5º comezou a crear o seu Pasaporte Lector, é dicir, un pasaporte no que cada mozo e moza recollen os seus traballos sobre os libros lidos.

Concretamente, no 1º trimestre, tiveron que realizar un punto de libro, unha nube de palabras, un caligrama e o título do libro codificado con emojis.

Como podedes ver fixeron uns traballos moi riquiños. Seguide así rapaces e rapazas!!