9 may 2026

4ª XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA DE 6º

No mes de abril o Club de Lectura de 6º de Primaria mergullouse nunha nova aventura literaria da man de Ledicia Costas e o seu libro "Bruxas & Dragóns". Para iniciar esta viaxe máxica, cada participante preparou a súa bolsa de exploradora con obxectos imprescindibles: un bolígrafo para anotar descubrimentos, uns dados para tomar decisións e un mapa de ruta para non perder o camiño entre tanto misterio. 

A medida que avanzabamos polas páxinas, fomos descubrindo mundos cheos de trols, fadas e seres fantásticos. Cada lanzamento de dados abría unha nova porta, cada elección marcaba un destino distinto. O libro converteuse nun xogo de aventuras onde a imaxinación era a verdadeira guía.

Pero o máis sorprendente chegou na reunión do club: cada unha lera un libro diferente. A mesma portada, o mesmo título... pero seis historias distintas. Algunhas viaxaron por un mercado cheo de maxia, outras perderon o rumbo nun bosque encantado, houbo quen se mergullou no propio mundo da literatura e quen se atreveu a cruzar un pantano misterioso. En cada camiño agardaban inimigos, retos e finais inesperados: algunhas heroinas venceron, outras foron vencidas, e non atoparon un final feliz. 

 

Así, “Bruxas & Dragóns” converteuse nun espello de aventuras múltiples, onde cada lectura foi unha experiencia única. Un mesmo libro, seis destinos, seis viaxes que nos lembran que ler tamén é xogar, decidir e soñar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario