Mostrando entradas con la etiqueta Encontro con autores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontro con autores. Mostrar todas las entradas

24 may 2025

VISITA DE IRENE ALONSO

O venres 23 de maio, o alumnado de 2º de Primaria tivo a oportunidade de participar nun encontro literario coa escritora Irene Alonso Gasalla, quen compartiu a súa obra "Refugallo o espantallo".

Foi unha xornada chea de aprendizaxe e diversión, na que Irene interactuou de maneira activa cos nenos e nenas, fomentando a súa curiosidade e creatividade.

A sesión comezou coa presentación a cargo de Denis e Heitor, un acto que a autora confesou ser a primeira vez que acontecía, quedando moi satisfeita e encantada coa calidez e entusiasmo dos pequenos presentadores.

Irene iniciou a súa charla introducindo o tema da reciclaxe preguntando ao alumnado polas catro cousas que levaba feitas con materiais reciclados: os pendentes, o anel, a bufanda e o bolso. Explicou que ela tamén é afeccionada a recoller materiais de refugallo para darlles unha nova vida.

Unha das actividades máis interesantes foi a clasificación de varios obxectos en función do tempo que tardan en degradarse, como bolsas, latas… facéndonos reflexionar sobre o impacto ambiental dos residuos.

Durante o encontro, Irene preguntoulles polos animais que aparecen na súa historia, acompañando a pregunta cun divertido xogo de memoria onde debían identificar imaxes de animais que formaban parte ou non do relato.

Lemos xuntos o apartado de inicio do libro, onde se fala de "Lecer".

Outro momento especial foi cando Irene mostrou unha pedra, en forma de corazón, que decorara. Inspirados por esta idea, o alumnado amosou as súas propias pedras decoradas, compartindo a súa creatividade coa autora.

Para finalizar, Irene propuxo un xogo no que a rapazada debía ler frases e decidir se estaban ben ou mal. Esta actividade fomentou a reflexión crítica e a comprensión lectora.

Tamén se lles deu a oportunidade de facer preguntas sobre a protagonista Comba e a historia do libro.

Mentres Irene asinaba exemplares, os nenos e nenas puxéronse mans á obra para crear as súas propias buxainas usando tapóns de botellas e palillos, unha actividade que reforzou a importancia da reciclaxe e a reutilización.

Moitas grazas, Irene, por ensinarnos a importancia de coidar o medio ambiente e de reciclar!!! Foi unha experiencia enriquecedora que todos e todas desfrutamos moito!!!

14 may 2025

VISITA DE SABELA FERNÁNDEZ TRELLES

O martes 13 de maio o alumnado de 3ºB tivo a oportunidade de coñecer á escritora Sabela Fernández Trelles, autora do libro "A niña avoa, a niña heroína”, que estiveron lendo na clase.

Durante a súa visita, tiveron a ocasión de facerlle unha chea de preguntas sobre o seu traballo como escritora e tamén sobre a súa obra. Sabela respondeu con moita paciencia e ledicia, compartindo connosco detalles fascinantes sobre o proceso de creación do seu libro e a inspiración detrás dos personaxes e as historias.

Como mostra do noso agradecemento, preparamos un agasallo moi especial para Sabela: un libriño feito por nós, no que incluimos algunhas ideas para unha posible continuación da historia, xunto con debuxos dos capítulos que máis nos gustaron.

Grazas, Sabela, pola túa visita e por compartir o teu tempo con nós!!!

13 may 2025

VISITA DE OLAIA SENDÓN

O luns 12 de maio o alumnado de 1º de Primaria tivo un encontro literario con Olaia Sendón para conversar sobre o seu libro “A crebeira Marabillas”.

Durante o encontro, Olaia compartiu un consello valioso: a importancia de levar sempre unha libretiña. Explicou que, como autora, leva sempre con ela unha pequena libreta para poder escribir ou debuxar en calquera momento de inspiración. Esta práctica axuda a captar ideas e recordos valiosos que poden ser utilizados en futuros proxectos creativos.

O libro está adicado a un crebeiro, xa falecido, Barrera. Ten como protagonista a Marabillas, unha crebeira. Olaia explicou ao alumnado que unha crebeira é alguén que recolle as cousas que o mar trae á praia. Ás veces, esas cousas poden ser verdadeiros tesouros, facendo que ser crebeira sexa unha actividade fascinante e chea de sorpresas.

Un dos momentos máis emocionantes do encontro foi cando a cativada quixo saber se ao final as dúas protagonistas, Marabillas e Siobhan, se chegan a atopar. Olaia sabiamente respostou que o deixa á imaxinación de cada lector ou lectora, ofrecendo así un final aberto que permite a cada un crear a súa propia versión da historia fomentando así a creatividade e a reflexión persoal.

Durante a visita, os nenos e nenas tamén tiveron a oportunidade de ensinar a Olaia como xogar cun mémori feito con botas azuis e laranxas. Foi unha actividade divertida que fomentou a interacción entre a autora e a cativada.


Ao rematar o encontro, Olaia asinou nos libros do alumnado e no libro de visitas do colexio. Ademais, tivo un xesto moi especial ao agasallarnos cun exemplar do seu novo libro “O pirata Bruno”, Ed. Cuarto de Inverno, que seguramente será unha nova aventura para descubrir. Grazas Olaia pola túa visita!!!

9 may 2025

II ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA

O luns 5 de maio, os Clubs de Lectura do Ceip ADR Castelao e o Ceip Plurilingüe Seis do Nadal celebramos a segunda xuntanza deste curso.

Nesta ocasión, recibimos na nosa biblioteca á escritora e ilustradora Andrea García coa finalidade de conversar coa rapazada sobre a súa obra “Animais fantásticos de aldea”.

Andrea contounos que escribiu este libro durante o periodo da covid, e que lle levou un mes completalo. Desde o comezo tiña moi claro que as galiñas ían ser as protagonistas e o título que lle quería poñer.

Un dos aspectos máis interesantes que Andrea compartiu con nós foi o uso das cores na súa obra. Explicou que os humanos aparecen representados con cores escuras para transmitir unha sensación de medo, mentres que os animais están en cores claras, engadindo un toque de humor que lle fascina.

A visita de Andrea foi moi amena. Compartiu connosco o seu amor por escribir e ilustrar, destacando como quería ambientar a historia na aldea de Froxán, un lugar que lle inspira sensacións de medo e fantasía. No seu libro, recolle lendas tradicionais como a Santa Compaña, a lavandeira da noite e o home do saco.

Ao longo da mañá, tivemos a oportunidade de facerlle preguntas a Andrea sobre o relato e os seus protagonistas, o que nos permitiu comprender mellor a súa visión creativa.

Por grupos, traballamos na resolución do misterio que aparece na última páxina do libro, seguindo os pasos que Andrea nos explicou para atopar a solución fomentando así a participación activa.

Ademais, Andrea debuxou para cada colexio nunha cartolina ás protagonistas do libro, mentres que nós, inspirados pola súa arte, debuxamos en folios as nosas propias galiñas, amosando creatividade.

Para rematar esta xornada tan especial, agasallamos ao alumnado cun lapis, un marcapáxinas e un chaveiro en forma de galiña(feito coa impresora 3D). 

Grazas, Andrea, por facernos desfrutar e pasar un rato tan agradable!

6 may 2025

ENCONTRO CON ÉRICA ESMORÍS

A escritora Érica Esmorís visitou o noso centro para ter un encontro literario co alumnado de 4º de Primaria e así conversar sobre o seu libro “Patio de luces”, obra galardoada co XI Premio Ciudad de Málaga.

Unha historia que nos leva a explorar as vidas dos habitantes dun pequeno edificio de cinco andares. Con humor, emoción e aventura, o libro ensinanos que non sempre podemos fiarnos das apariencias convidándonos a mirar máis alá do superficial.

Despois dunha cálida presentación por parte do alumnado, Érica compartiu a inspiración para escribir esta historia. A idea xurdiu de algo tan cotiá como observar a roupa tendida nun patio de luces.

Este acto levoulle a reflexionar sobre o valor da comunidade e os lazos que se tecen entre os veciños e veciñas, destacando a importancia de respetar a diversidade e aceptar as diferencias para formar unha comunidade solidaria.

Durante o encontro, tamén se falou dos personaxes, como o avó de Lea, porteiro dun edificio, que nos permitiu conversar sobre esta profesión que, a día de hoxe, está en extinción.

Rematou asinando nos libros do alumnado. Grazas Érica por compartir esta xornada con nós!!!

29 abr 2025

"A NOITE DAS CEBOLAS" NO CLUB DE LECTURA

O 24 de abril, o Club de Lectura "Ás seis no Seis" tivo a honra de recibir á escritora Rosa Aneiros, que falou sobre a súa obra "A noite das cebolas", galardoada co Premio Follas Novas 2025 de Narrativa.

Ao longo da tarde, Rosa Aneiros desvelou algúns segredos do seu proceso creativo. Manifestou o seu desexo de que os lectores e lectoras se sintan especiais ao ler os seus escritos. Como ela mesma se define, é unha "escritora de compás": coñece o comezo e o final das súas historias, pero o que ocorre entre ambos puntos desenvolvese de maneira fluída e natural. Destacou tamén a importancia de manter un ritmo de lectura pausado, que permita un disfrute pleno do relato.

Rosa revelou que, aínda que a historia é inventada, inclúe elementos do seu entorno persoal. A novela está ambientada no faro de Meirás, e incorpora detalles sobre o cultivo de cebolas, algo que coñece grazas aos seus pais.

Ademais, a autora permitiunos afondar na personalidade de Abril, a protagonista da novela. Abril é unha muller que se atopa cunha segunda oportunidade para reconciliarse coa súa vida. A metáfora das cebolas, co proceso de ir sacando capas ata chegar ao fondo persoal, e a presenza do faro como guía no camiño son elementos centrais na obra.

No seu discurso, Rosa Aneiros mencionou algúns dos seus referentes literarios, como Miguel Hernández, Agustín Fernández Paz e Paul Auster..., figuras que deixaron unha pegada no seu traballo literario, enriquecendo o seu enfoque e estilo narrativo.

A novela aborda temas profundos como a beleza, a fraxilidade, a observación da natureza, os coidados, a memoria enganosa, a culpa e a íntima alegría de sentirse viva. É un libro para desfrutar pausadamente de cada palabra reflectindo a riqueza dos sentimentos humanos.

A visita de Rosa Aneiros foi unha experiencia inspiradora e enriquecedora para todas as presentes. Grazas Rosa, por compartir o teu tempo e a túa paixón pola literatura!

24 abr 2025

VISITA DE MARÍA CANOSA

O 24 de abril recibimos no noso centro á escritora María Canosa. A clase de 3ºA reuniuse con ela na biblioteca para falar sobre o seu último libro, "Escola de Bruxas". Esta obra, que nos fascinou profundamente, explora temas como a maxia, a amizade e o esforzo, elementos que nos mantiveron enganchados de principio a fin.

Durante a visita, tivemos a oportunidade de conversar extensamente con María sobre as protagonistas do libro, o proceso de escritura da historia, e moitos outros temas relacionados coa súa experiencia como escritora. Foi realmente inspirador escoitar de primeira man como se desenvolveu a trama e as motivacións que a levaron a escribir esta historia tan especial.

Pasamos un tempo moi agradable en compañía de María, quen respondeu as nosas preguntas con gran amabilidade e entusiasmo. Como mostra do noso agradecemento, entregámoslle algúns agasallos, incluíndo un libro de ilustracións sobre a súa obra, feito por nós. María mostrouse moi agradecida e emocionada con este detalle.

A visita de María Canosa deixounos con ganas de máis, e todos e todas compartimos a idea de que haxa unha segunda parte do libro. Tamén desexamos que María volte visitarnos pronto, para compartir con nós máis das súas historias e experiencias no mundo literario.

Foi unha xornada inesquecible que nos animou a seguir explorando a maxia dos libros e cultivando o noso amor pola lectura.

22 abr 2025

ENCONTRO CON BERTA DÁVILA

Hoxe tivemos a marabillosa oportunidade de coñecer a Berta Dávila, autora do libro "O concurso dos mellores inventos (e outros incribles acontecementos)", unha obra que forma parte do itinerario lector de 6º de Primaria. O libro conseguiu engaiolar ao alumnado coa fascinante posibilidade das viaxes no tempo.

Durante a xuntanza coa autora, descubrimos que a historia do libro está inspirada nunha anécdota real. Ademais, a elección dunha bicicleta como máquina do tempo débese á súa versatilidade e tamén porque é unha das grandes paixóns de Berta.

Quixemos saber se habería unha segunda parte deste libro. Aínda que foi divertido propoñer ideas de continuación e imaxinar incluso unha precuela, Berta explicou que, polo momento, non hai plans para unha segunda parte.

A máquina do tempo do libro proporcionounos moitas oportunidades para imaxinar e compartir con Berta eses tempos e lugares aos que nos gustaría viaxar. Sorprendentemente, descubrimos que a Berta lle gustaría coñecer a vida cotiá na antiga Roma.

Sen dúbida, Berta amosounos o moito que lle gusta escribir e como desfruta dese proceso creativo. A súa paixón é evidente e inspiradora. Grazas pola túa visita, Berta!!!

Viaxando coa máquina do tempo de Biblioteca Seis do Nadal

15 abr 2025

ENCONTRO LITERARIO CON ALBA DE EVAN

O 9 de abril, recibimos á escritora Alba de Evan que tivo un encontro literario co alumnado de 4º de Primaria para conversar sobre o libro “Varetai. Protectora de espíritos”.

Alba leva escrito varios libros con Xabier Domínguez: Maxia de pedra, Segredos soterrados… pero este é o primeiro libro que escribiu soa.

Unha novela de fantasía, na que a protagonista, Lía, ten un don especial para falar cos espíritos da natureza.

Ao longo da sesión Alba explicou o proceso creativo que hai detrás de cada un dos libros que se escriben. O número de persoas que participan neste proceso (ilustrador/a, redactor/a, editor/a…), o tempo que se tarda dende que o escribe o autor/autora ata que chega ao lector/lectora…

Nas historias que escribe sempre aparecen personaxes da súa familia.

O alumnado preguntou aquelas curiosidades que espertou a súa lectura con diferentes preguntas ás que Alba foi respostando e incluso a animaron a escribir unha continuación desta historia. 

Rematou coa sinatura de libros e deixando a súa pegada no libro de visitas. Moitas grazas Alba de Evan pola visita!!!

11 abr 2025

VISITA DE LEDICIA COSTAS

O luns 7 de abril recibimos a visita da escritora Ledicia Costas que tivo un encontro literario co alumnado de 2º de Primaria para conversar sobre o libro “Curriño. O can influencer”, lectura deste segundo trimestre.

Lucía e Noa foron as encargadas de facer a presentación da escritora e darlle a benvida á nosa biblioteca.

Ledicia contounos en que se inspirou para crear a historia deste can tan especial. Explicounos que quería escribir una colección sobre cans porque lle gustan moito e que se inspirou nos cans máis coñecidos nas redes sociais.

O alumnado compartiu as súas opinións sobre o libro formulando numerosas preguntas ás que Ledicia respostou amablemente.

Ensináronlle o traballo e os debuxos que fixeron sobre Curriño. Agardamos con entusiasmo polas novas aventuras de Curriño!!!

Rematou a sesión asinando nos libros dos cativos e cativas. Grazas Ledicia pola túa visita!!!

4 abr 2025

VISITA DE ABEL TOMÉ

Co xornalista e escritor Abel Tomé iniciamos o programa de actividades que desenvolveremos na biblioteca neste mes de abril, o Mes do Libro.

O 1 de abril, o alumnado de 5º de Primaria tivo un encontro literario con este autor para conversar sobre o seu libro “Milú e o edificio das persoas extraordinarias”, Premio Merlín de Literatura Infantil 2024.

Desde o comenzo da sesión, Abel estableceu unha interacción coa rapazada, falando sobre as diferentes persoas que viven no edificio “Les Marginaux” e as súas habilidades que determinan que sexan extraordinarias.


Tratáronse os diferentes temas presentes no libro: a dignidade, a pobreza, a inmigración, a forza da comunidade fronte á adversidade...


É unha fábula que nos fala do poder que teñen os nenos e nenas para imaxinar e soñar un mundo mellor. Milú, o protagonista ten o don de construir soños.

O optimismo e a fantasia propios da infancia convértense nesta historia nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible transformar en ternura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo.


Rematou respostando ás moitas preguntas que lle fixeron (en que se inspirou, cando comenzou a escribir...) e asinando nos libros do alumnado.


Foi unha sesión moi amena e agradable. Grazas Abel pola túa visita!!!

31 mar 2025

I ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA

O xoves 27 de marzo tivemos o I Encontro dos Clubs de Lectura do Ceip Alfonso D. Rodríguez Castelao de Navia e do Ceip Plurilingüe Seis do Nadal.

Nesta primeira ocasión, cos nosos clubs de lectura de 5º e 6º, acercámonos ao Ceip Castelao para ter un encontro literario co escritor Pere Tobaruela e poder conversar sobre o libro que lemos, “Formig4s. Misión Entroido”.

Pere levounos ao seu mundo de imaxinación e creatividade a través das súas verbas explicándonos que o obxectivo das súas historias é que o lector/lectora desfrute e tamén  que aprenda.

Este enfoque didáctico permitiunos coñecer mellor o noso entroido tradicional no que a narrativa e a banda deseñada danse a man.

Chegado o momento o alumnado puido preguntarlle todo o que querían saber sobre os personaxes, temática, inspiración... e tamén que un novo título, “Formig4s. Misión Samaín”, estará en breve nas librarías para poder desfrutar dunha nova aventura destes fantásticos personaxes.

Rematamos a xornada cun pasapalabra sobre o libro.

Como agasallo entregamos á rapazada dos clubs de lectura unha chapa e un marcapáxinas como recordo desta marabillosa xornada !!!

Moitas grazas Pere por acompañarnos e compartir o teu tempo con nós!!

24 ene 2025

OS ANOS TRANQUILOS NO CLUB DE LECTURA

No Club de Lectura de Adultas "Ás seis no Seis", continuamos lendo e, para escomenzar o 2025, o mércores 22 de xaneiro, recibimos a visita da escritora Llerena Perozo Porteiro coa que conversamos sobre a súa obra “Os anos tranquilos”.

Llerena fíxonos participes de que a personaxe principal, María García, e de ficción pero tivo moi presente a súa avoa materna, ao comezo da novela, cando nos relata a súa infancia en Asturias e como tivo que fuxir  escapando da guerra.

Ao longo da tarde acompañamos a María García no seu percorrido polos fitos históricos máis importantes que aconteceron no S. XX e dos que foi testemuña aportando a súa ollada crítica e as súas reflexións.

Unha lectura na que o feminismo está presente en toda a historia, en cada acontecemento, suceso... que nos levan a empatizar coa protagonista, incluso cando se toma a xustiza pola man.

Nesta novela a autora reivindica o valor das mulleres fortes e valentes que se sobrepoñen ás adversidades e tentan buscar un futuro e así poder acadar os seus obxectivos.

Como é tradición no noso club non podían faltar os doces caseiros e o café que puxeron o remate a esta xornada tan amena e agradable. Moitas grazas LLerena!!!

10 dic 2024

TANXARIÑA CON "TITIRICIRCUS"

O luns 9 de decembro, desfrutamos dun espectáculo de teatro de marionetas con TANXARINA coa representación de “TITIRICIRCUS”.

É a historia de dous traballadores do circo que recordan con marionetas de fíos o pasado da pista circense.

Ao longo da función foron aparecendo diferentes números: o home máis forte da Península Ibérica, o señor Bigotini, a serpe Josefina e o encantador Palindranat, o malabarista señor Tato, o monociclista do espectáculo, o señor Venancio... que contaron coa implicación do público entusiasmado.

Agasallaron cun exemplar asinado do libro “Titiricircus”, Ed. Kalandraka para a biblioteca.

Moitas grazas Tanxarina!!!