1 may 2026

OLAIA SENDÓN E "O PIRATA BRUNO"

O luns 27 de abril recibimos, un curso máis, a visita de Olaia Sendón, quen mantivo un encontro moi especial co alumnado de 2º de Primaria para conversar sobre o seu libro "O pirata Bruno". 

Trátase dun texto cheo de ritmo e xogos sonoros que combina a narrativa de aventuras coa divulgación do patrimonio marítimo galego. A historia non é só a viaxe de Bruno, un neno nacido nunha illa cuxa vida dá un xiro inesperado ao atoparse cun barco pirata, senón tamén unha porta aberta ao mundo da navegación e da cultura mariñeira. 

A través da lectura, os nenos e nenas descobren o mar desde unha perspectiva lúdica e educativa, grazas a un glosario de léxico mariñeiro que introduce termos técnicos do mar e un apartado interactivo sobre os faros de Galicia- como a Torre de Hércules, o Faro Vilán- que invita a identificalos e coñecelos mellor. 

Durante o encontro, Olaia contou que decidiu escribir esta historia porque os seus fillos pasaron unha etapa na que lles fascinaban os piratas, e porque o mar e a auga son elementos fundamentais para ela, fontes de inspiración e orde nas súas ideas creativas.

Compartiu tamén detalles do seu proceso creativo, explicando que gozou moito escribindo e ilustrando o libro, un traballo que lle levou todo un verán (2019) e que finalmente se publicou no 2025. As ilustracións, moi chamativas, están realizadas con só tres cores- vermello, negro e branco-, o que lles dá unha forza visual moi especial.

O alumnado participou con entusiasmo, formulando preguntas e amosando os marcapáxinas que elaboraron inspirándose na lectura e nas ilustracións do libro. 

O encontro rematou cun momento moi emotivo: Olaia asinou os exemplares e fixo dedicatorias personalizadas a cada neno e nena, deixando un recordo inesquecible. 

Moitas grazas, Olaia, pola túa visita e por inspirar ao noso alumnado coa túa creatividade e amor polo mar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario