Mostrando entradas con la etiqueta Día do libro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día do libro. Mostrar todas las entradas

26 abr 2026

O GRAN CIRCO DOS LIBROS

O Día do Libro celebrouse cunha función moi especial: O Gran Circo dos Libros. A nosa tradicional actividade de Madriñas e Padriños Lectores encheuse de maxia, cor e fantasía, transformando o patio nun auténtico espectáculo literario.

Baixo unha carpa imaxinaria, os libros convertéronse en auténticos artistas: malabaristas das palabras, equilibristas das emocións e magos das historias. Os máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) asumiron o papel de padriños e madriñas lectoras, mentres que os máis pequenos/as (Infantil, 1º e 2º de Primaria) foron o público entusiasta, disposto a deixarse levar pola maxia da lectura.

Para completar o espectáculo, os nenos e nenas máis pequenos prepararon fermosos marcapáxinas circenses, cheos de cor, que agasallaron aos seus padriños e madriñas.

A xornada deixounos momentos inesquecibles: historias compartidas, sorrisos cómplices e moita emoción. Cada lectura foi unha función única, un número cheo de maxia e amizade. 

Ler é un espectáculo marabilloso!!!

25 abr 2026

O DÍA DO LIBRO NA RADIO DO SEIS

O alumnado de 5º de Educación Infantil A e 2ºA de Educación Primaria elaborou un podcast moi especial para celebrar o Día do Libro.

Nesta ocasión, uníronse para compartir unha historia chea de imaxinación e aprendizaxe: “A escada vermella”. Neste relato, as nenas e nenos contan a historia dunha escada que non serve só para subir, senón tamén para soñar. A través das súas voces, o conto cobra vida e convídanos a descubrir como cada chanzo pode levar a novos mundos, aventuras e emocións.

O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro, unha data que lembra a importancia da lectura, da palabra escrita e da creatividade.

No noso centro, esta celebración é unha oportunidade para compartir historias, descubrir novos contos e dar protagonismo ás voces do alumnado. Desfrutádeo!!!


23 abr 2026

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2026

Hoxe 23 de abril, celebramos o Día Mundial do Libro e do Dereito de AutorÉ unha ocasión especial recoñecida pola UNESCO para homenaxear a importancia dos libros e dos dereitos de autor. 

Para conmemorar esta data, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional editou un cartel especial.

Acudiuse a unha persoa referente da literatura galega, neste caso á Doutora en Xornalismo, escritora e xestora cultural EVA MEJUTO, recoñecida polo lectorado infantil e xuvenil galego co Premio de Clubs de Lectura 2021.

Un fermoso agasallo para as bibliotecas escolares de Galicia que convida a celebrar o libro e a lectura:

Postal Día do Libro 2026

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

28 abr 2025

MADRIÑAS LECTORAS E PADRIÑOS LECTORES

Celebramos o Día do Libro cunha actividade de longa tradición no noso centro e que fai desta xornada algo único: Madriñas lectoras e Padriños lectores.

O obxectivo principal desta iniciativa é fomentar o amor pola lectura e crear un vínculo especial entre os diferentes cursos.

Os libros, protagonistas indiscutibles, saíron ao patio para ser compartidos entre os/as máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) e os máis pequenos/pequenas (Infantil, 1º e 2º de Primaria). De tal xeito, o patio do cole transformouse nun escenario de mil e unha historias, onde cada grupo atopou un recanto acolledor para escoitar as narracións.

Os/as pequenos/as prepararon fermosos marcapáxinas, cheos de cor e creatividade, para agasallar aos seus padriños e madriñas. Este xesto de reciprocidade engade un valor emocional á actividade, xa que non só se comparten historias, senón tamén afecto e recoñecemento.

Grazas a todos e todas por esta xornada inesquecible!!!

25 abr 2025

OBRADOIRO DE ROBÓTICA: UN CORAZÓN PARA PONG

Neste mes de abril nos obradoiros de robótica o alumnado de 4º de Primaria desfrutou do conto PUM PUM, un libro cheo de valores como a amizade ou as consecuencias dos enfados. 

Despois da súa lectura, o alumnado debía facer fronte a un desafío: crear un corazón para Pong, o protagonista desta historia, un robot sen corazón. 


Así que durante a sesión e con axuda do programa MakeCode for Micro:Bit, a rapazada programou un corazón que latexaba e incluso no que saía a imaxe da súa mellor amiga, Camila. 

Sen dúbida, foi unha actividade que desfrutaron moito, na que a lectura e a programación se combinaron como ferramentas motivadoras para fomentar a creatividade, o pensamento computacional e os valores.

23 abr 2025

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2025

Hoxe 23 de abril, celebramos o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. É unha ocasión especial recoñecida pola UNESCO para homenaxear a importancia dos libros e dos dereitos de autor. 

Para conmemorar esta data, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional editou un cartel especial. Este ano, a elección para crear o cartel recaeu en Manuel Núñez Singala, unha figura destacada da literatura galega actual. Núñez Singala, ademais de ser escritor, é o director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e recoñecido polo seu traballo dirixido ao público infantil e xuvenil co Premio dos Clubs de Lectura en 2023.

Este agasallo ás bibliotecas escolares de Galicia, convida aos lectores e lectoras  a experimentar a maxia da lectura:

“… tremer en seguranza cun medo convulso, notar nos beizos o sabor dos labios amados… abrir un libro”.

Os libros teñen o poder de transportarnos a mundos descoñecidos e de facernos sentir emocións profundas e variadas.

Cartel do Día do Libro 2025.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES 

26 abr 2024

PROGRAMA DE RADIO "DÍA DO LIBRO"

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

As clases de 2ºB e 6º de Edº Infantil B prepararon un programa sobre o Día do Libro con información sobre esta data e recomendacións literarias.

Desfrutádeo!!!

23 abr 2024

DÍA DO LIBRO 2024

Hoxe, 23 de abril, celebramos o Día do Libro, dun xeito moi especial e cunha actividade de longa tradición no noso centro, ”Madriñas lectoras e Padriños lectores”.

Festexamos esta data cun tempo solleiro e, libros ao patio na Hora de Ler, compartindo lecturas e acompañando os máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) aos máis pequenos do cole (Infantil, 1º e 2ºde Primaria).

A semana pasada, as madriñas e padriños, estiveron escollendo o libro que ían ler aos seus afillados e afilladas, e estes prepararon fermosos marcapáxinas para agasallalos.

Foi unha xornada chea de emocións na que os máis cativos e cativas estiveron escoitando con moita atención as lecturas.

Libros para soñar, para agasallar, para imaxinar, para crear, para compartir…!!!

FELIZ DÍA DO LIBRO!!!

28 abr 2023

MADRIÑAS LECTORAS E PADRIÑOS LECTORES

O luns 24 de abril, celebramos o Día do Libro, dun xeito moi especial e cunha actividade de longa tradición no noso centro, "As madriñas lectoras  e os padriños lectores".

Na Hora de Ler, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º foron buscar ás clases aos seus afillados e afilladas (Infantil, 1º e 2º) para acompañalos ás diferentes zonas, biblioteca, corredores, patio,… onde compartiron esas fermosas lecturas que prepararon con tanto cariño e ilusión. 

Os afillados e afilladas agasallaron aos padriños e madriñas cuns marcapáxinas polas lecturas compartidas. Momentos cheos de emocións!!!

No seguinte vídeo podedes ver canto desfrutamos desta festa da lectura!! 

24 abr 2023

CONTACONTOS ROBÓTICO

Con motivo da celebración do Día do Libro o alumnado de 2ºEP puido desfrutar dun contacontos un tanto especial, un contacontos robótico

Foi o propio protagonista, Curiosity, quen con axuda do alumnado contou a súa historia e algún que outro segredo; e para iso, por quenda os/as rapaces/as conduciron o mBot (Curiosity) ata cada unha das estacións nas que se atopaban as instrucións para realizar o conto. 


Ademais, ao final da historia agardábaos unha sorpresa: unha maqueta 3D de Curiosity e un novo reto, descubrir que novo robot chegou no 2021 a Marte para axudarlle na súa misión.

23 abr 2023

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2023

Hoxe celebramos o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades  edítase o cartel para conmemorar este día 23 de abril de 2023.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso á Profesora da Área de Didáctica da Lingua e da Literatura na facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostetal, Montse Pena Presas, cuxa investigación está moi centrada na literatura infantil e xuvenil contemporánea, cun foco específico na literatura galega, na educación literaria e nos estudos de xénero. Montse, creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, "que é unha celebración da mediación, de ser profe, bibliotecaria, mestra."

Este agasallo ás bibliotecas escolares de Galicia, complétase cunha versión longa, baixo o lema Dar de ler, que afonda no papel das mediadoras e mediadores no mundo do libro.

"Collerás a emoción que che suxiren esas palabras e non terás medo de que se vexa no mar bravo, na aula ou na biblioteca. Velaí a túa forza."

(Preme na imaxe)

Neste mes, e todo o ano, non esquezamos que "Para nosoutras, silandeiras e navegantas, todos os días son o día do libro."

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

2 may 2022

PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES

O broche a este mes dos libros foron os Apadriñamentos/Amadriñamentos Lectores, unha das nosas actividades favoritas.

Cada aula de 3º, 4º, 5º e 6º amadriñou/apadriñou a unha de Educación Infantil, 1º e 2º.

A distribución foi asignada polo Equipo de Biblioteca.

O venres 29 de Abril, cun sol expléndido, saímos ao patio e, por zonas (previamente asignadas), os padriños e madriñas foron formando parellas para poder ler os contos aos seus afillados e afilladas.

Unha música moi suave acompañou as nosas contadas, cheas de emocións e sentimentos, neste rencontro lector que con tanta ilusión agardábamos todos e todas.

Como agasallo pola lectura compartida, os afillados e afilladas, agasallaron cun marcapáxinas aos seus padriños e madriñas.

Grazas por unha xornada máxica, na que os libros e a lectura foron os protagonistas!!!

22 abr 2022

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2022

Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  edítase o cartel para conmemorar este día 23 de abril de 2022.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso o escritor, editor e tradutor, Xosé Ballesteros, quen creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose  na parte menos visible do libro, esa marabillosa viaxe colectiva que inician autores/as e ilustradores/as, con parada en editoriais, imprentas, librarías, para atopar, finalmente,  porto seguro nas nosas bibliotecas escolares. 

  "Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo"

Neste mes, e todo o ano, non esquezamos que os libros chegan as nosas mans grazas a unha cadea de traballo colectivo que non debemos romper. Habitemos este espazo que creamos xuntos/as.

“Hai lugares tranquilos no medio do ruído. Son illas, son oasis, son espazos entornados, silenciosos, en que podemos camiñar entre o pasado e o futuro. Espazos que acubillan os artefactos perfectos que nos conectan coa eternidade.

Desde os andeis das bibliotecas os lombos chaman a nosa atención. Chegaron os libros, de preto ou de moi lonxe, nunha viaxe que comezou cunha palabra ou unha imaxe. Despois xurdiron moitas máis, fervenza creativa.

Con esa materia prima necesaria, o editor deulle forma: alquimia.

Convocou forzas humanas e tecnolóxicas e actuou: corrección, maquetaxe, deseño; elección do papel, do tipo, do formato. E a maquinaria gráfica dispuxo os ferros, as probas de cor, os roletes de caucho e as catro tintas, para fusionar imaxes e palabras sobre a pasta vexetal.

Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo.”

DÍPTICO COMPLETO

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

4 may 2021

BOOKFACE NO SEIS

Unha das actividades propostas para o mes de Abril, foi a realización de ”Bookface”, que consiste en integrar, mimetizar, encaixar, unha parte do corpo ( cara, mans,…) coa portada dun libro, xogando coas cores, a luz,... para conseguir crear unha nova imaxe.

Coas fotos que enviaron os distintos membros da Comunidade Educativa (familias, alumnado e profesorado), montamos este vídeo. Grazas pola vosa colaboración e participación!!!

3 may 2021

ENCONTRO CON MARÍA CANOSA

O 29 de abril recibimos a visita da escritora María Canosa, autora de Unha fábrica de bicos, ilustrado por Dani Padrón, da Editorial Xerais.

Contounos que este libro está inspirado na súa filla, a quen non lle gustaban os bicos e que o nome de Mindi (a protagonista) é o nome da súa boneca preferida.

Cando o ilustrador, despois de ler o conto, lle presentou o seu traballo, non o podía crer! A súa filla convertérase nunha porquiña! Quedou encantada.

Fomos interactuando con preguntas e contando o conto entre todos e todas.

Ensinámoslle o vídeo do conto que preparamos para o Día do Libro e agasallámola coa nosa adaptación traducida a pictogramas. Ela agasallounos a nós asinando os nosos exemplares.

Un pracer contar contigo unha vez máis María. 

Moitas grazas!!!