7 nov 2025

RETOS CREATIVOS MENSUAIS

Preparádevos para un novembro cheo de emoción, sorpresa e moita creatividade. Presentamos...

OS RETOS MENSUAIS

Cada mes, un novo desafío, unha nova aventura, un novo material para descubrir e dar renda solta á túa imaxinación. Este novembro, imos... Construir!

O material estrela: KAPLA!

Acepta o reto e demostra a túa habilidade! Con Kapla, imos erguer a maior carpa de circo xamais vista! Unha carpa chea de maxia, cor e fantasía creada polas vosas mans.


Como participar?


É sinxelo! Só tes que achegarte á biblioteca durante os recreos de novembro e unirte á diversión. Traballa en equipo, comparte ideas e... Que comece o espectáculo!!!

6 nov 2025

ACTIVIDADES NO MES DA CIENCIA

No Mes da Ciencia a Biblioteca e á BiblioLab transfórmanse nun incrible circo de descubrimentos. Organizamos unha función moi especial, con actividades para todos e todas! Preparádevos para experimentar, aprender e descubrir conceptos científicos fascinantes.

Comezamos a nosa aventura circense construíndo a carpa máis espectacular...con Kapla! Un desafío para a vosa creatividade e enxeño, onde poñeremos a proba a física e a arquitectura para crear unha estrutura fermosa.

Os días 13 e 14 de novembro, contaremos coa presenza de Arenaria e a súa charla Ciencia e Circo. Unha experiencia na que explicarán principios científicos presentes nas actuacións dos artistas circenses: a física do equilibrio, enerxía e trapecio, elasticidade e saltos, luz e maxia.


Na BiblioLab, a maxia continúa con actividades e experimentos científicos pensados para espertar a vosa curiosidade. Ademais, teremos obradoiros de
Polos Creativos dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Primaria.

Tamén preparamos unha exposición bibliográfica con libros de divulgación científica cheos de historias fascinantes e ideas para inspirar aos científicos e científicas do futuro.

5 nov 2025

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o  MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. 

 

Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Concepción Paz Penín, enxeneira industrial, catedrática e doutora pola universidade de Vigo. Actualmente dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos nesa universidade. No ano 2023 recibiu o premio María Wonenburger, que recoñece o labor das mulleres científicas galegas.

O manifesto para este ano 2025, abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares.

"Para que a transformación requirida avance con solidez, o coñecemento debe chegar a todos os niveis da sociedade. É esencial fortalecer a súa transferencia ao tecido produtivo para que se traduza en valor engadido para Galicia. Pero non só: cómpre reforzar a transferencia social do coñecemento a través da divulgación, da cultura científica e da ciencia cidadá, conectando a investigación coas necesidades reais da ciudadanía e fomentando unha sociedade máis informada, crítica e participativa.

As bibliotecas son parte esencial deste ecosistema: non só como espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente.A súa transformación dixital e social facilita que o coñecemento circule, que a ciencia se comparta e que máis persoas participen activamente, proporcionando as ferramentas para seguir aprendendo, cuestionando e creando". 

 Concepción Paz Penín

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

FOLLETO INFORMATIVOMES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO

3 nov 2025

LECTURAS PARA UN OUTONO MÁXICO

Novembro chega á biblioteca cargado de cores outonais, o aire fresco que entra polas ventás, o cheiro a castañas asadas que evoca tardes de magostos, e as historias que nos transportan a tradicións e paseos pola natureza.

Queremos convidarvos a sumerxirvos na maxia dos contos e a celebrar esta época tan especial connosco. Preparamos unha selección de lecturas que vos encantará!

E para completar a experiencia, convidámosvos a ver estes videocontos. Só tedes que premer nos títulos!


-A castaña Catarina


-María a castañeira


-A castaña que rebentou de risa


Lecturas para un outono máxico de Biblioteca Seis do Nadal

2 nov 2025

BIBLIOLAB: SAMAÍN

Durante o mes de outubro, a BiblioLab centrou as súa programación na celebración do SAMAÍN. As actividades espertaron no alumnado a imaxinación, a creatividade e aprender de forma divertida.

 CABAZA DE SAMAÍN

Usando tiras de papel de cor laranxa, cada neno e nena deu forma á súa propia cabaza, decorándoa ao seu gusto.

SPEED CUPS SAMAÍN e FANTASMA BLITZ

A diversión continuou cos xogos de mesa temáticos. O Speed Cups de samaín puxo a proba a súa rapidez e coordinación, mentres que o Fantasma Blitz, esixiu concentración e memoria para atrapar aos personaxes. Risas e emocións non faltaron!!!

HISTORIAS DE MEDO

Usando dados con imaxes e unha plantilla para guiar a narración, inventaron contos cheos de personaxes e situacións asustadizas. Cada historia foi única e orixinal!!!

ROBÓTICA

Programaron os robots para seguir o camiño correcto, demostrando as súas habilidades de pensamento lóxico e resolución de problemas.

CREA O TEU MONSTRO

Creamos os nosos monstros únicos coa axuda de “Monster kit”. Combinando diferentes pezas, cada neno/nena deseñou a súa propia criatura, dándolle un nome e un debuxo.

A NOITE DO MEIGALLO

Un xogo no que tiñan que resolver adiviñas e recoller ingredientes para preparar un meigallo. Traballando en equipo, demostraron o seu coñecemento e a súa habilidade para resolver problemas. 

CANTO SABES DOS MONSTROS?

Usando un libro de información, contestaron preguntas sobre diferentes criaturas.

EXPERIMENTO: A PANTASMA

Con este divertido experimento fixemos aparecer unha pantasma. Para elo seguimos as instrucións e empregamos os materiais necesarios para realizalo. Deixou a todos e todas abraiados!!!

1 nov 2025

EXPOSICIÓN DE CABAZAS CIRCENSES

Este ano, a nosa exposición de cabazas de Samaín transformouse nun incrible circo, grazas á imaxinación e creatividade das nosas familias! As cabazas cobraron vida, converténdose en personaxes e elementos circenses que nos transportaron a un mundo de maxia e diversión.

Carpas feitas de cabazas, pallasos sorrintes e algo sinistros, magos misteriosos, homes bala acrobáticos, forzudos impresionantes, trapecistas audaces… encheron o noso espazo de Samaín cun ambiente festivo e emocionante. Cada cabaza era unha obra de arte única, creada co agarimo e a colaboración das familias.

Esperamos que todos disfrutaran da exposición tanto como nós! Ata o ano que vén, e que a maxia do Samaín siga inspirándovos!

31 oct 2025

LER ÁS ESCURAS

O xoves 30 de outubro desfrutamos dunha experiencia de lectura emocionante: Ler ás escuras!!!

Imaxinade: unha carpa escura, onde a única luz provén de pequenas lanternas, como estrelas errantes na noite. Cada un de nós, transformados en artistas de circo, coa nosa propia lanterna e libro, listos para executar o acto máis emocionante de todos: a lectura!

As lanternas non só iluminaban as páxinas, senón tamén a imaxinación de cada un, creando un espectáculo de luces e sombras. Rimos, asustámonos e emocionámonos todo grazas a esta experiencia única!!!

30 oct 2025

A RADIO DO SEIS: "SAMAÍN"

A carpa radiofónica do Seis abre as súas portas (mellor dito, os seus micrófonos)! Prepárense para un espectáculo terroríficamente divertido!

A clase de 4ºB presenta o primeiro programa do curso, e vén cargado de misterio e tradición! Descubriremos xuntos as orixes do Samaín, esa noite máxica onde os mundos se tocan e as ánimas vagan entre nós.

Prepararon dúas historias orixinais cheas de imaxinación e suspense: "A cabaza viaxeira" e "O misterio do corredor escuro".

Agardamos que o desfrutedes! 

29 oct 2025

CINE DE SAMAÍN

Este Outubro, a biblioteca converteuse nun espazo de encontro e diversión, onde o cine e a lectura se fusionaron para crear experiencias motivadoras.


O venres 24, o alumnado de 2º a 6º de Primaria disfrutou dunha emocionante sesión de cine chea de medo e risas coa película "Scooby-Doo". A biblioteca tinguiuse de misterio e tod@s axudaron a resolver o caso!

O luns 27, a biblioteca acolleu unha sesión especial de Samaín protagonizada polos "Bolechas", dirixida aos máis pequenos e pequenas de Edº Infantil e 1º de Primaria. O ambiente encheuse de medo divertido!.

Cada alumno/alumna recibiu unha entrada especial para as sesións de cine. Pero as entradas escondían un segredo! Incluían un código QR que permitía ver as curtas na casa, prolongando a diversión máis aló da biblioteca. A maxia do cine continuaba en cada fogar!

As sesións de Cine na Biblio de outubro foron un éxito! Unha oportunidade para celebrar o mes das bibliotecas, fomentar a lectura, o visionado de contido audiovisual, e crear momentos de diversión e convivencia.

28 oct 2025

EXPOSICIÓN TEMÁTICA DE SAMAÍN

O Equipo de Biblioteca, coa chegada do Samaín, preparou unha selección de fondos bibliográficos que che farán tremer de emoción. Pantasmas, bruxas, cabazas encantadas e outras criaturas da noite agardan por ti entre os nosos andeis.

Sumérxete nunha atmosfera de misterio e descubre a nosa exposición temática de Samaín. Libros e contos de medo... todo o que necesitas para vivir un Samaín inesquecible!!!

Ademais, incorporamos novidades ao noso catálogo. Non perdas a oportunidade de ser o primeiro/a en desvelar os segredos que agochan estes novos libros. 

A Biblioteca énchese de maxia e misterio para celebrar o Samaín. Non faltes á nosa exposición e atrévete a descubrir as historias máis arrepiantes.


A nosa Guía de recomendacións para estas datas:

Guía de Lecturas Samaín 2025 de Biblioteca Seis do Nadal