16 may 2022

CONTACONTOS CON ÁNGELES ESCRIBANO

O mércores 11 de maio recibimos a visita de ÁNGELES ESCRIBANO, mestra xubilada, na súa faceta de contacontos, que realizou unha actividade de animación á lectura para 1º e 3º de Primaria.

Acompañada de Lupo e Igor, as súas mascotas, chegou cargada coa súa biblioleta. De aí saíron fermosos contos  como “Palabras de corazón” e  “O león e a máscara” cos que reflexionamos sobre o respecto e a importancia de ser cada un como é.

O alumnado de terceiro interpretou unha pequena representación a partir do conto “Siete ratones ciegos”.

Rematamos vendo e escoitando fermosos poemas, “Soleando” de An Alfaya, e “La Alfombra Mágica” de Juan Carlos Martín Ramos.

Moitas grazas Ángeles!!!

15 may 2022

AS FAMILIAS CONTAN II

Continuamos coas contadas en Familia. Moitas grazas por acompañarnos e compartir con nós o voso tempo e lecturas!!!

Nesta semana do 9 ao 13 de maio CONTARON...

Ana, nai de Emma, 5º Edº Infantil

 "Carabuñas"

Amanda, nai de Antón, 6º Edº Infantil

"Mis vecinos los piratas"

Loreto, nai de Teo, 5º Edº Infantil

 "El cocodrilo que vino a cenar"

Shamtau, nai de Alfonso, 1º de Primaria

 "O Grúfalo"

Lola, avoa de Mael, 5º Edº Infantil

 "¿Un ratón?"

Carolina, nai de Maxi, 2º de Primaria

 "El último árbol"

12 may 2022

VISITA DE IAGO LÓPEZ

Hoxe recibimos na nosa biblioteca ao escritor e contacontos IAGO LÓPEZ.

É autor do libro “Marosa e Mariña camiñan a Compostela”, que forma parte do itinerario lector deste curso para 1º de Primaria.

Iago, caracterizado para a ocasión como un peregrino, contounos as aventuras da osa Marosa e da toupiña Mariña, as únicas que podían arranxar a corda que suxeitaba o botafumeiro da Catedral de Santiago e como emprenden o camiño a Compostela para axudar a que todo esté listo para recibir as agardadas visitas.

Desfrutamos e pasamos unha sesión moi amena e divertida!!! 

Tamén lle ensinamos o mural cos debuxos feitos entre todos e todas sobre esta historia, que nos fixo reflexionar sobre a importancia de coidar o entorno do Camiño (reciclaxe) e os seus valores.

Rematou este encontro asinando os libros.

Grazas Iago pola túa visita e agardámoste pronto!!!

10 may 2022

RETO MAIO

Xa non queda nada!!! Estamos a piques de chegar ao noso destino, Compostela!!! E o noso camiño chega ao seu fin!!!

Durante todos estes meses aprendeches moitas cousas sobre o Camiño de Santiago (símbolos, lendas, natureza, receitas, entroido,…).

Maio é o mes das Letras Galegas e, por iso, terás que inventar unha breve historia que teña como protagonista algún dos elementos do Camiño: un  personaxe de lenda, símbolos, que suceda nunha vila da ruta que traballades,…

Podes facer a historia por escrito, con debuxos ou gravarte en vídeo,… o importante é que sexa en GALEGO.

Podes entregala na biblioteca ou enviala ao noso correo bibliotecaseisdonadal@gmail.com

Agardamos as vosas historias!!!Bo Camiño!!!

9 may 2022

VISITA DE ANXO FARIÑA

O alumnado de 6º de Primaria desfrutou dunha lectura moi interesante ambientada na nosa cidade. É a Chave da Atlántida, obra de ANXO FARIÑA, que recibiu o Premio Merlín no ano 2011. E esta mañá tivemos a sorte de que viñera e nos explicara como se lle ocorreu esta interesante historia. 

E como el nos explicou, todo comezou certo día en que Anxo se atopaba nas Illas Cíes buscando información e imaxes para escribir unhas guías de viaxe. Ao fotografar a pedra da Campá ocorréuselle que aquela apertura na rocha era a entrada a un mundo que non se ve, que se oculta no fondo do mar.

Este inédito comezo, conectouno con outra das súas grandes paixóns, a robótica, que xa dende neno, cando vía Mazinger Z, lle atraía enormemente. E Mazinger Z, e os primeiros Transformers son o xerme de A-cero, un dos personaxes do libro.

Tamén nos comentou que non soe presentarse a concursos, que só o fixo unha vez a un de ilustración e con este libro ao Premio Merlín. Contounos que lle quedaban poucos días para entregar o libro e tivo que ir a Bolonia por traballo. Alí contaba escribir o final do libro, que xa estaba na súa cabeza. Pero as xornadas de traballo foron moi intensas e non dou feito. De volta á Vigo, tivo que vir por Madrid, e o voo retrasouse moito, e foi alí, no aeroporto, onde lle dou forma ao final do libro. 

E Anxo é quen de rematar un libro nun aeroporto porque sempre leva unha libretiña de notas onde recolle as ideas que lle suxiren as súas vivencias no momento en que teñen lugar. Logo so lle ten que dar forma. Aínda que nos confesou que a da Chave da Atlántida non a ten, perdeuna, pero iso non lle impedirá escribir a segunda parte, quizáis!!

O alumnado gozou moito e preguntou moitas dúbidas ao escritor, que nos dixo que en xuño publícase unha nova entrega dos Megatoxos, que se converterá no seu libro número 60 e que ademais de escribilos, tamén leva ilustrados máis de cen doutros escritores. 

Antes de rematar, fixo unhas ilustracións baseadas en dous voluntarios/voluntarias. E rematou coa sinatura de libros.

Grazas Anxo pola túa visita!!!

8 may 2022

AS FAMILIAS CONTAN

Durante este mes de maio retomamos a actividade “As familias contan”, convidándoas a vir contar contos aos nenos e nenas  na Hora de Ler.

Nesta semana, do 2 ao 6 de maio, CONTARON....

Carolina, nai de Natalia, 4º Edº Infantil

 "O Monstro de cores"

Laura, nai de Naira, 5º Edº Infantil 

"Daniela Pirata"

Mª Carmen, nai de Leire, 4º Edº Infantil

"Os tres porquiños"

Sonia, nai de Diego, 6º Edº Infantil 

"Mi primer Principito con pictogramas"

Agasallamos ás familias cun diploma como agradecemento pola súa participación na actividade.

Moitas grazas por acompañarnos e compartir con nós o voso tempo e lecturas!!!

5 may 2022

VISITA DE "EL HEMATOCRÍTICO"

Recibimos a visita do escritor "EL HEMATOCRÍTICO", que compartiu co alumnado de 2º de Primaria unha sesión para falar dos seus libros “Alcaldesa Vermella”, “Vaia cabuxiño!” e “Rapunzel con piollos”, que forman parte do itinerario lector deste curso.

O seu nome é Miguel, contounos que lle encanta escribir historias, que o primeiro libro que publicou para os nenos e nenas foi “Feliz Feroz” un libro moi especial para el, falounos dos personaxes do bosque dos contos,… 

Foron moitas as preguntas e curiosidades que querían preguntarlle.

Unha conversa moi amena e entretida!!!

Rematou asinando cada exemplar cunha dedicatoria persoal e no libro de visitas.

Grazas pola visita!!

4 may 2022

ANDEIS DE HISTORIAS

O reto do mes de abril propoñía compoñer historias cos títulos dos lombos dos libros.

Este é o resultado das vosas creacións. Grazas pola vosa participación!!!

Andeis de historias de Biblioteca Seis do Nadal

2 may 2022

PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES

O broche a este mes dos libros foron os Apadriñamentos/Amadriñamentos Lectores, unha das nosas actividades favoritas.

Cada aula de 3º, 4º, 5º e 6º amadriñou/apadriñou a unha de Educación Infantil, 1º e 2º.

A distribución foi asignada polo Equipo de Biblioteca.

O venres 29 de Abril, cun sol expléndido, saímos ao patio e, por zonas (previamente asignadas), os padriños e madriñas foron formando parellas para poder ler os contos aos seus afillados e afilladas.

Unha música moi suave acompañou as nosas contadas, cheas de emocións e sentimentos, neste rencontro lector que con tanta ilusión agardábamos todos e todas.

Como agasallo pola lectura compartida, os afillados e afilladas, agasallaron cun marcapáxinas aos seus padriños e madriñas.

Grazas por unha xornada máxica, na que os libros e a lectura foron os protagonistas!!!

1 may 2022

VISITA DE HÉITOR PICALLO


O escritor e ilustrador HÉITOR PICALLO visitou a nosa biblioteca o 27 de abril e conversou co alumnado de 4º de Primaria sobre o seu libro “As Letras Galegas en caricatura. 1963-2020”, no que recopila 60 biografías e caricaturas dos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Héitor ensinounos diferentes caricaturas e explicounos o proceso de creación das imaxes, que están feitas en acuarela e tinta china, sen retoques dixitais e os distintos materiais que emprega nas súas composicións, anacos de tea e de xornais, madeira,…para que as ilustracións teñan texturas  transmitíndonos así a importancia da reciclaxe.

Rematou facendo sendas caricaturas a partir das propostas do alumnado.

Agasallounos cun exemplar do seu libro para a nosa biblioteca e asinou no Libro de Visitas.

Moitas grazas Héitor!!!