12 nov 2025

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: SAMAÍN LUMINOSO

Nas últimas semanas, o alumnado de 5º de Primaria mergullouse no mundo da programación desenchufada a través dunha actividade tan creativa como máxica. Convertéronse en programadores empregando o PIXEL ART, a técnica coa que os ordenadores compoñen imaxes a partir de pequenos cadrados.

A partir dunha grella e dun código numérico, cada estudante tivo que traducir as instrucións para dar vida a catro figuras do Samaín: unha cabaza, un gato negro, un morcego e unha caveira. Igual que nun programa informático, seguiron secuencias, localizaron posibles erros e transformaron o código en imaxes.

Co traballo rematado, chegou a parte máis emocionante: recortar, dobrar e montar un cubo de papel, que finalmente se converteu nunha lanterna personalizada. Engadindo unha pequena luz no seu interior, cada cubo iluminou a aula cun ambiente especial.

Máis alá da creación artística, o alumnado practicou o pensamento computacional desenchufado, o seguimento de instrucións, a precisión e a resolución de problemas.

Foi un Samaín diferente, tecnolóxico e luminoso, que encheu a aula de imaxinación… e de código.

No hay comentarios:

Publicar un comentario