12 jun 2025

BIBLIOLAB: XOGOS

Durante este mes de xuño, os xogos de mesa son os protagonistas na Bibliolab, proporcionando unha experiencia educativa única e divertida.

Ao longo de todo o curso, estes xogos, organizados en carros por ciclos, visitaron as aulas, ofrecendo a oportunidade de desenvolver unha ampla gama de habilidades (cognitivas, sociais e emocionais).

Os xogos son unha valiosa ferramenta para a aprendizaxe que potencian a concentración, memoria, resolución de problemas, toma de decisión, socialización, traballo en equipo e respecto polas normas.

11 jun 2025

OBRADOIRO CON PANCHO ÁLVAREZ

O noso centro recibiu a visita do músico e investigador musical Pancho Álvarez, quen compartiu o seu coñecemento co alumnado de 4º de Primaria a través dun obradoiro organizado por Ponte... nas ondas!

Durante o obradoiro, Pancho Álvarez presentou unha variedade de instrumentos tradicionais. Cada un deles foi non só explicado, senón tamén amosado en acción, permitindo ao alumnado experimentar de primeira man a súa sonoridade e historia. Esta actividade permitiu que os nenos e nenas non só coñecesen a música, senón tamén valorasen o rico patrimonio cultural que comparten Galicia e Portugal ao longo da historia.

A actividade culminou coa aprendizaxe de tres cancións que o alumnado acabou cantando xunto a Pancho Álvarez. Estas cancións forman parte dos diferentes podcasts que tivemos a oportunidade de gravar, permitindo que esta experiencia musical se perpetúe no tempo.

A xornada foi sen dúbida unha experiencia inesquecible para todos/todas nós. Queremos agradecer a Pancho Álvarez por compartir a súa paixón e coñecementos, e a Ponte...nas ondas! por facer posibles estas actividades tan interesantes.

10 jun 2025

VISITA DA ZOQUEIRA ELENA FERRO

O luns 9 de xuño puxemos o peche de luxo ao noso proxecto anual de artesanía coa visita dunha convidada moi especial: a zoqueira ELENA FERRO. 

O alumnado de 4º de Primaria traballou na Unidade Didáctica “Eu son zoqueira”, e a partir de aí, xurdiron diferentes propostas creativas, plásticas e de investigación sobre este oficio.

Elena Ferro compartiu o seu inestimable saber sobre a zoquería, un oficio que aprendeu da súa familia. Explicou con detalle os diversos materiais e ferramentas que emprega na creación de zocos, e regalounos unha demostración en vivo, onde cada movemento das súas mans narraba unha historia de paixón e dedicación que contaxiou a todos/as os/as presentes.

Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi como se fan os mallós.

Non podiamos deixar que Elena marchase sen amosarlle o noso especial recanto adicado ao oficio de zoqueira, titulado “Cos meus zocos, pasiño a pasiño”. Esta exposición formou parte da nosa Feira Artesanal do Seis do Nadal e incluíu os traballos feitos pola rapazada, que Elena observou con moito interese e entusiasmo.

Grazas á colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia, tivemos a oportunidade de participar no programa “Artesanía na escola”. Este programa ten como obxectivo achegar os oficios artesanais aos máis pequenos e pequenas, fomentar o feito a man, amosar a artesanía como unha oportunidade profesional de futuro, e transmitir valores fundamentais de consumo responsable, sustentable, e respecto polo patrimonio cultural e as tradicións.

A visita de Elena Ferro foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado, inspirando futuras xeracións a valorar e preservar as nosas tradicións culturais. Moitas grazas!!!

6 jun 2025

BANDA DESEÑADA NOS CLUBS DE LECTURA

A última xuntanza, 4 e 5 de xuño, dos Clubs de Lectura deste curso centrouse en dúas obras de banda deseñada en galego: "Nerea. A invasión dos trastos" e "Idol!".

As lecturas proporcionaron unha oportunidade para explorar temas importantes e actuais que fomentaron as conversas entre o alumnado de 5º e 6º curso.

Nesta nova aventura de Nerea, o alumnado de 5º explorou cuestións emocionais profundas, como a relación interxeracional entre o avó e a súa neta. Esta dinámica familiar ofreceu un espazo para reflexionar sobre a importancia das conexións persoais e o valor do apoio familiar.

Outro tema central foi o exceso no uso das tecnoloxías e o abuso das pantallas. Foi unha oportunidade para reflexionar sobre os seus propios hábitos dixitais e a necesidade dun uso equilibrado da tecnoloxía.

Para o alumnado de 6º, a lectura de “Idol!” centrouse na vida de dúas amigas e as súas dispares relacións familiares.

Ademais, a historia introduce ao lector no mundo do K-pop coreano, un fenómeno cultural a nivel mundial.

A estrutura gráfica da obra, inspirada no estilo do manga xaponés, tamén ofreceu unha experiencia visual única, enriquecendo a comprensión e o disfrute da historia.

5 jun 2025

BIBLIOLAB: A FOLIADA DAS LETRAS

Durante o mes de maio, a BiblioLab centrou as súas actividades na celebración de “A Foliada da Letras” co obxectivo de fomentar o coñecemento das homenaxeadas nas Letras Galegas.

BUSCA A PARELLA

Xogo de memoria no que temos que atopar as parellas de instrumentos tradicionais.

A FOLIADA

Coloreamos as marionetas, recortámolas e empregamos as pezas de Korbo para crear unha foliada de grupo.

A LUPA MÁXICA

Descubrimos os datos máis relevantes das homenaxeadas das Letras Galegas a través da lupa máxica que nos permitiu cubrir a ficha de investigación.

ATURUXA

Xogo de mesa estilo “Dobble” con temática de instrumentos e prendas típicas do baile tradicional galego.

ROBÓTICA

Descubrimos algúns intrumentos da música tradicional galega xogando co taboleiro do Tale Bot.

MARIONETA CANTAREIRA

Pintamos, recortamos e creamos a nosa marioneta cantareira seguindo as instrucións de montaxe.

CANTO SABES DAS CANTAREIRAS?

Escaneamos os códigos QR para aprender sobre as protagonistas das Letras Galegas.

A RUTA DAS CANTAREIRAS

Programamos o Coding Set para a nosa ruta coas tarxetas de retos.

4 jun 2025

"DÍA DO MEDIO AMBIENTE" NA RADIO DO SEIS

Neste novo programa da Radio do Seis, as clases de 1º A de Primaria e 5ºA de Edº Infantil únense para compartir consellos valiosos sobre como coidar o planeta. Ademais contan a historia de "Ra de tres ollos" para celebrar o Día Mundial do medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.

Xuntos podemos inspirar un cambio e garantir que o noso fogar, a Terra, siga sendo un lugar fermoso para vivir. 

2 jun 2025

ROTEIRO LITERARIO CO CLUB DE LECTURA

O pasado 29 de maio, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” embarcouse nunha viaxe cultural e emocional a Padrón, coa intención de seguir as pegadas de Rosalía de Castro. Despois de inspirarnos coa lectura da novela gráfica “Rosalía oculta” de Paula Mayor, decidimos explorar os lugares que gardan a memoria de Rosalía.

A primeira parada foi a Casa Museo Rosalía de Castro. Este espazo garda a esencia da poeta, ofrecéndonos un recuncho onde a súa poesía e lembranzas cobran vida.

Coa axuda de Alberto, o noso guía e técnico de turismo de Padrón, visitamos o Xardín Botánico. Neste espazo verde, puidemos coñecer diversas especies de plantas e árbores, incluíndo algunhas que forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. O percorrido polo xardín foi unha oportunidade para conectar coa natureza, tal e como Rosalía facía nas súas obras.

Continuamos o noso percorrido polas rúas de Padrón, cheas de historia e cultura. Visitamos a rúa Rosalía de Castro, o Pazo do Bispo de Quito, a Casa da Rúa do Sol, onde Rosalía pasou parte da súa infancia, e outros lugares significativos como a casa do Concello e a praza de Macías. Cada parada foi unha viaxe ao pasado, revivindo momentos cruciais na vida da escritora.

O noso paseo levounos tamén ao carón do río Sar, un río que foi tanto literario como vital para Rosalía. Este camiño culminou no Paseo do Espolón, baixo a mirada da estatua de Rosalía de Castro, recitamos algúns dos seus poemas máis coñecidos. A xornada rematou coa visita á Igrexa Parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón que lle dá nome á vila.

Foi unha fermosa xornada para lembrar, chea de aprendizaxe e emoción, onde a figura de Rosalía de Castro brillou con forza, guiándonos a través da súa vida e obra nesta vila!!!