12 jun 2025

BIBLIOLAB: XOGOS

Durante este mes de xuño, os xogos de mesa son os protagonistas na Bibliolab, proporcionando unha experiencia educativa única e divertida.

Ao longo de todo o curso, estes xogos, organizados en carros por ciclos, visitaron as aulas, ofrecendo a oportunidade de desenvolver unha ampla gama de habilidades (cognitivas, sociais e emocionais).

Os xogos son unha valiosa ferramenta para a aprendizaxe que potencian a concentración, memoria, resolución de problemas, toma de decisión, socialización, traballo en equipo e respecto polas normas.

11 jun 2025

OBRADOIRO CON PANCHO ÁLVAREZ

O noso centro recibiu a visita do músico e investigador musical Pancho Álvarez, quen compartiu o seu coñecemento co alumnado de 4º de Primaria a través dun obradoiro organizado por Ponte... nas ondas!

Durante o obradoiro, Pancho Álvarez presentou unha variedade de instrumentos tradicionais. Cada un deles foi non só explicado, senón tamén amosado en acción, permitindo ao alumnado experimentar de primeira man a súa sonoridade e historia. Esta actividade permitiu que os nenos e nenas non só coñecesen a música, senón tamén valorasen o rico patrimonio cultural que comparten Galicia e Portugal ao longo da historia.

A actividade culminou coa aprendizaxe de tres cancións que o alumnado acabou cantando xunto a Pancho Álvarez. Estas cancións forman parte dos diferentes podcasts que tivemos a oportunidade de gravar, permitindo que esta experiencia musical se perpetúe no tempo.

A xornada foi sen dúbida unha experiencia inesquecible para todos/todas nós. Queremos agradecer a Pancho Álvarez por compartir a súa paixón e coñecementos, e a Ponte...nas ondas! por facer posibles estas actividades tan interesantes.

10 jun 2025

VISITA DA ZOQUEIRA ELENA FERRO

O luns 9 de xuño puxemos o peche de luxo ao noso proxecto anual de artesanía coa visita dunha convidada moi especial: a zoqueira ELENA FERRO. 

O alumnado de 4º de Primaria traballou na Unidade Didáctica “Eu son zoqueira”, e a partir de aí, xurdiron diferentes propostas creativas, plásticas e de investigación sobre este oficio.

Elena Ferro compartiu o seu inestimable saber sobre a zoquería, un oficio que aprendeu da súa familia. Explicou con detalle os diversos materiais e ferramentas que emprega na creación de zocos, e regalounos unha demostración en vivo, onde cada movemento das súas mans narraba unha historia de paixón e dedicación que contaxiou a todos/as os/as presentes.

Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi como se fan os mallós.

Non podiamos deixar que Elena marchase sen amosarlle o noso especial recanto adicado ao oficio de zoqueira, titulado “Cos meus zocos, pasiño a pasiño”. Esta exposición formou parte da nosa Feira Artesanal do Seis do Nadal e incluíu os traballos feitos pola rapazada, que Elena observou con moito interese e entusiasmo.

Grazas á colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia, tivemos a oportunidade de participar no programa “Artesanía na escola”. Este programa ten como obxectivo achegar os oficios artesanais aos máis pequenos e pequenas, fomentar o feito a man, amosar a artesanía como unha oportunidade profesional de futuro, e transmitir valores fundamentais de consumo responsable, sustentable, e respecto polo patrimonio cultural e as tradicións.

A visita de Elena Ferro foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado, inspirando futuras xeracións a valorar e preservar as nosas tradicións culturais. Moitas grazas!!!

6 jun 2025

BANDA DESEÑADA NOS CLUBS DE LECTURA

A última xuntanza, 4 e 5 de xuño, dos Clubs de Lectura deste curso centrouse en dúas obras de banda deseñada en galego: "Nerea. A invasión dos trastos" e "Idol!".

As lecturas proporcionaron unha oportunidade para explorar temas importantes e actuais que fomentaron as conversas entre o alumnado de 5º e 6º curso.

Nesta nova aventura de Nerea, o alumnado de 5º explorou cuestións emocionais profundas, como a relación interxeracional entre o avó e a súa neta. Esta dinámica familiar ofreceu un espazo para reflexionar sobre a importancia das conexións persoais e o valor do apoio familiar.

Outro tema central foi o exceso no uso das tecnoloxías e o abuso das pantallas. Foi unha oportunidade para reflexionar sobre os seus propios hábitos dixitais e a necesidade dun uso equilibrado da tecnoloxía.

Para o alumnado de 6º, a lectura de “Idol!” centrouse na vida de dúas amigas e as súas dispares relacións familiares.

Ademais, a historia introduce ao lector no mundo do K-pop coreano, un fenómeno cultural a nivel mundial.

A estrutura gráfica da obra, inspirada no estilo do manga xaponés, tamén ofreceu unha experiencia visual única, enriquecendo a comprensión e o disfrute da historia.

5 jun 2025

BIBLIOLAB: A FOLIADA DAS LETRAS

Durante o mes de maio, a BiblioLab centrou as súas actividades na celebración de “A Foliada da Letras” co obxectivo de fomentar o coñecemento das homenaxeadas nas Letras Galegas.

BUSCA A PARELLA

Xogo de memoria no que temos que atopar as parellas de instrumentos tradicionais.

A FOLIADA

Coloreamos as marionetas, recortámolas e empregamos as pezas de Korbo para crear unha foliada de grupo.

A LUPA MÁXICA

Descubrimos os datos máis relevantes das homenaxeadas das Letras Galegas a través da lupa máxica que nos permitiu cubrir a ficha de investigación.

ATURUXA

Xogo de mesa estilo “Dobble” con temática de instrumentos e prendas típicas do baile tradicional galego.

ROBÓTICA

Descubrimos algúns intrumentos da música tradicional galega xogando co taboleiro do Tale Bot.

MARIONETA CANTAREIRA

Pintamos, recortamos e creamos a nosa marioneta cantareira seguindo as instrucións de montaxe.

CANTO SABES DAS CANTAREIRAS?

Escaneamos os códigos QR para aprender sobre as protagonistas das Letras Galegas.

A RUTA DAS CANTAREIRAS

Programamos o Coding Set para a nosa ruta coas tarxetas de retos.

4 jun 2025

"DÍA DO MEDIO AMBIENTE" NA RADIO DO SEIS

Neste novo programa da Radio do Seis, as clases de 1º A de Primaria e 5ºA de Edº Infantil únense para compartir consellos valiosos sobre como coidar o planeta. Ademais contan a historia de "Ra de tres ollos" para celebrar o Día Mundial do medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.

Xuntos podemos inspirar un cambio e garantir que o noso fogar, a Terra, siga sendo un lugar fermoso para vivir. 

2 jun 2025

ROTEIRO LITERARIO CO CLUB DE LECTURA

O pasado 29 de maio, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” embarcouse nunha viaxe cultural e emocional a Padrón, coa intención de seguir as pegadas de Rosalía de Castro. Despois de inspirarnos coa lectura da novela gráfica “Rosalía oculta” de Paula Mayor, decidimos explorar os lugares que gardan a memoria de Rosalía.

A primeira parada foi a Casa Museo Rosalía de Castro. Este espazo garda a esencia da poeta, ofrecéndonos un recuncho onde a súa poesía e lembranzas cobran vida.

Coa axuda de Alberto, o noso guía e técnico de turismo de Padrón, visitamos o Xardín Botánico. Neste espazo verde, puidemos coñecer diversas especies de plantas e árbores, incluíndo algunhas que forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. O percorrido polo xardín foi unha oportunidade para conectar coa natureza, tal e como Rosalía facía nas súas obras.

Continuamos o noso percorrido polas rúas de Padrón, cheas de historia e cultura. Visitamos a rúa Rosalía de Castro, o Pazo do Bispo de Quito, a Casa da Rúa do Sol, onde Rosalía pasou parte da súa infancia, e outros lugares significativos como a casa do Concello e a praza de Macías. Cada parada foi unha viaxe ao pasado, revivindo momentos cruciais na vida da escritora.

O noso paseo levounos tamén ao carón do río Sar, un río que foi tanto literario como vital para Rosalía. Este camiño culminou no Paseo do Espolón, baixo a mirada da estatua de Rosalía de Castro, recitamos algúns dos seus poemas máis coñecidos. A xornada rematou coa visita á Igrexa Parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón que lle dá nome á vila.

Foi unha fermosa xornada para lembrar, chea de aprendizaxe e emoción, onde a figura de Rosalía de Castro brillou con forza, guiándonos a través da súa vida e obra nesta vila!!!

30 may 2025

FAMILIAS LECTORAS

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no próximo curso!

No mes de maio, estas foron as últimas familias que nos visitaron para contar contos como parte da actividade "Familias Lectoras":

Diego, pai de Dario e Mateo, 4º Ed. Infantil, contounos "Esto no es una selva". Un conto para comprender a importancia de colaborar para unha boa convivencia na casa.

Helia, nai de Brais, 5º Ed. Infantil, relatounos "Barbavoa". Que sucedería se unha doce avoíña se embarcase nun navío pirata? Quizais se dedique a facer adornos de ganchillo para os canóns ou a encher o barco de plantas. Pero a doce avoíña garda un segredo que terás que ler o libro para coñecer...

Sonia, nai de Diego, 3º de Primaria, compartiu "Yo voy contigo". Unha historia sinxela que reflexa a importancia de non renunciar a ser nós mesmos para encaixar ou gustarlle a outros.

Raquel, nai de Carmen, 5º Ed. Infantil, levounos á aventura con "Daniela e as mozas piratas". Hai un novo barco pirata navegando polos mares, ¡o Barco das Pirañas Intrépidas! Están a facerse famosas, salvan a xente en perigo e conseguen fabulosos tesouros.

Loreto, nai de Teo, 2º de Primaria, relatounos "O meu piollo máis eu". O título desta obra pica e incomoda igual que os piollos cando se aloxan nas nosas cabezas. Pero adoita suceder que o incómodo tamén resulta atractivo.

Antonio, pai de Roque, 5º Ed. Infantil, falounos de "Vilapaspán", unha aldea asombrosa, curiosa e misteriosa.

Ana e Paula, nais de Simón e Guillermo, 5º de Ed. Infantil, emocionáronnos con "La ovejita que vino a cenar". Un conto cheo de valores como a amizade, a xenerosidade e a aceptación das diferenzas.

Daniel, pai de Arabia, 2º de Primaria, contounos a historia de “Superheroes da escola”, mostra aos nenos e nenas todos os segredos que deben coñecer para se converteren en auténticos superheroes no colexio. Aprenderán as principais normas que deben cumprir: traballar sempre en equipo, axudar aos demais, loitar contra as inxustizas ou dicir sempre a verdade, entre moitas outras…

Zoa, nai de Deva e Xela, 5º de Edº. Infantil, presentounos "A ovella que chocou un ovo". Un conto divertido e tenro que demostra que os grandes amigos son moito máis importantes que as grandes melenas.

Grazas a todas as familias por facer desta actividade un verdadeiro éxito! Agardamos seguir contando coa vosa participación no futuro.

28 may 2025

LECTURAS COMPARTIDAS NA BOUZA

O 27 de maio, con motivo da conmemoración do Mes das Letras Galegas, o alumnado de 1º da ESO do IES Alexandre Bóveda e os nenos e nenas de Educación Infantil de tres anos do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal reunímonos nunha actividade especial de lectura compartida na Bouza. Foi unha xornada chea de emocións onde os máis pequenos/pequenas  tiveron a oportunidade de escoitar historias contadas polos maiores.

O entusiasmo e a ledicia foron palpables en cada sorriso e en cada conto compartido. Os nenos e nenas gozaron enormemente escoitando as historias narradas polos seus compañeiros e compañeiras maiores. As imaxes capturadas durante a actividade amosan o moito que desfrutamos deste encontro.

A interacción entre os máis pequenos e os maiores foi entrañable. Os relatos non só fixeron voar a imaxinación dos pequenos/as, senón que tamén crearon lazos entre as diferentes xeracións.

O peche da xornada estivo marcado pola entrega de agasallos (feitos coa cortadora laser) e unha foto de grupo, que serviu de recordo desta fermosa experiencia compartida. Estes pequenos detalles fixeron que o evento fose aínda máis memorable e significativo para todos e todas os que participamos.


27 may 2025

FOLIADA DAS LETRAS

O venres 23 de maio o noso centro co grupo de “Cantareiras do Seis” participamos na Foliada das Letras Galego-Portuguesas en Compostela.

Nesa xornada reivindicamos e celebramos o rico patrimonio oral galego-portugués e os nosos cancioneiros tradicionais. 

A Foliada foi unha auténtica romaría, chea de música, alegría e cultura. Cantar e bailar foron as actividades principais, e fixémolo con moito entusiasmo. Compartimos a nosa paixón polas letras e a música tradicional con outros grupos de escolas de Galicia e Portugal. Foi unha experiencia enriquecedora que nos uniu a todos nun lazo cultural e emocional.

Durante esta fermosa festa, as nosas voces encheron o aire de Compostela, reivindicando a riqueza e a diversidade das letras galego-portuguesas. Cada canción que interpretamos foi un tributo ao noso patrimonio común, e cada baile foi unha celebración da nosa identidade compartida.

No blog de Música podedes ver os vídeos da actuación:

https://opentagramamaxico.wordpress.com/2025/05/26/ponte-nas-ondas-pno/