Agradecemos a todas as familias que compartiron o seu tempo e historias con nós no mes de abril. Cada conto foi unha oportunidade para aprender, imaxinar e conectar.
Iris, nai de Xela de 4º de Educación Infantil, levounos nunha emocionante aventura co conto “Imos cazar un oso”. A través deste relato, creamos un ambiente sonoro e imaxinamos xuntos o percorrido por un campo de herba, un bosque e un río. Foi unha experiencia chea de emocións e imprevistos que nos fixo sentir parte da aventura.
Helga, nai de André e Emma de 1º de Primaria, fixo que nos divertiramos
moito con dous contos que resaltaron a importancia da paciencia para acadar os
nosos soños. “La oruga impaciente” e “La mariposa insegura” inspiraron á
rapazada a ter perseveranza e confianza en si mesmos.
Santi, pai de Roi de 5º de Educación Infantil, compartiu con nós un conto
sobre a diversidade familiar titulado “Un puñado de botones”. Aprendemos que
non todas as familias son iguais, e que cada unha é única, diferente e
especial. Despois da historia, os nenos e nenas participaron nunha actividade
creativa onde debuxaron á súa familia usando diferentes materiais como
pinturas, formas xeométricas e botóns.
Ana, tía de Nakire de 5º de Primaria, falounos sobre a inspiradora figura de "Rosa Parks". Co seu valor, dignidade e determinación, Rosa Parks axudou a moitas persoas na loita pola igualdade e os dereitos civís. A historia de Rosa foi un exemplo de coraxe e determinación para todos nós.
Olaia e Roberto, pais de Lois de 1º de Primaria, trouxéronnos o conto “Un agasallo diferente”. Este relato mostrounos como a imaxinación pode transformar o obxecto máis insignificante, como un cacho de tea, no máis marabilloso dos xoguetes. Aprendemos que con creatividade, calquera cousa pode converterse nunha fonte de diversión e nun tesouro para descubrir.