15 feb 2025

OBRADOIRO DE ARTESANÍA: ZOQUEIRO

O mércores 12 de febreiro, tivemos a sorte de ter na escola a Tango, o zoqueiro de Mondariz.

Xa dende cativo saía da escola para ir traballar á zapatería  do seu pai e facer tamancas. Tamancas que a día de hoxe continua deseñando con mimo e dedicación.

Toda unha vida adicada ao mundo da artesanía que compartiu con nós falándonos dos materiais que emprega, cortando un patrón en directo, afiando coa pedra herdada do seu pai e contándonos unha morea de historias  das tamancas que foi creando. Moitas grazas Tango!!!

13 feb 2025

DÍA MUNDIAL DA RADIO

A nosa Comunidade Educativa tivo o pracer de contar coa presenza da RTVE Galicia para celebrar este 13 de febreiro, o Día Mundial da Radio.


Como centro integrado na rede “Ponte... nas ondas! Modelo de boas prácticas co patrimonio cultural  inmaterial", participamos na súa proposta seguindo o lema deste ano “Radio e cambio climático”.

Carmen, Raquel, Nóah e Eire, alumnas de 6º de Primaria e voluntarias da biblioteca foron as encargadas de dar voz, nesta ocasión, a Radio do Seis cun programa especial para esta xornada.


Nas seguintes ligazóns podedes desfrutar desta fermosa experiencia:

10 feb 2025

PLAN DE RESCATE NOS CLUBS DE LECTURA

Continuamos  coas xuntanzas dos clubs de lectura. Nesta ocasión, centrámonos nun libro que mantivo a nosa atención ao máximo: "Plan de rescate".

O libro capturou a imaxinación dos nosos lectores e lectoras cunha historia repleta de misterio e acción. Os protagonistas, Xiana, Héitor, Aldán e Noela, forman parte do grupo da aula de apoio e enfróntanse á difícil misión de liberar o seu colexio dos secuestradores.

Un dos aspectos que máis destacaron no libro foi a presenza da diversidade en toda a narración. Isto permitiunos falar sobre a importancia da inclusión e os diferentes sistemas alternativos de comunicación como Arasaac e os comunicadores, o que nos axudou a comprender mellor as diversas formas de interacción.

A historia inspirounos e fíxonos reflexionar sobre o valor da amizade, a cooperación e a inclusión. Os nosos encontros nos clubs de lectura convertéronse nun espazo para compartir ideas e aprender uns dos outros, enriquecendo así a nosa experiencia lectora e a nosa comprensión do mundo.

9 feb 2025

OBRADOIRO DE CERÁMICA

O alumnado de 3º, 4º e 6º de Primaria visitou estes días o Museo do Mar de Vigo para participar nun interesante obradoiro de cerámica.

Na primeira parte da visita, tiveron a oportunidade de descubrir como o ser humano chegou a coñecer a utilidade do barro e comezou a crear pequenos recipientes. Quen lles ía dicir que este descubrimento foi froito dun “erro”!

Despois, puxéronse mans á obra nun obradoiro práctico, onde seguiron paso a paso o proceso para modelar un pequeno vaso de barro, que con moita ilusión, levaron para ás súas casas, orgullosos do traballo feito.

7 feb 2025

LECTURAS COAS FAMILIAS

Neste mes de febreiro as familias continúan compartindo lecturas con nós. Grazas!!!

Nesta semana acompañáronnos:

María, nai de Dario e Mateo, 4º Edº Infantil, contounos a historia de “Paco”, un ratiño que foi a Lúa e descubriu que non era de queixo fresco pero si moi tenra.

Patricia, nai de Naira, 2º de Primaria. Desfrutamos das aventuras de Leo e Lola, dous irmáns, travesos e divertidos, amantes dos animais e aos que lles gustaría ter unha mascota.

6 feb 2025

LECTURAS QUE NAMORAN

Na semana do 3 ao 7 de febreiro celebramos o amor pola lectura coa actividade Namórate dun libro!!!

Cada clase recibiu a súa carta convidando a participar nesta proposta. O voluntariado foi o encargado de organizar esta actividade.

Nos recreos, o alumnado que quixo participar achegouse á biblioteca e escolleu un libro. Un éxito de participación!!!

A exposición “Lecturas que namoran” permitiunos desfrutar de libros sobre amizade, amor, tenrura, emocións…

5 feb 2025

BIBLIOLAB: OLERÍA E CERÁMICA

No mes de Xaneiro, as actividades que se desenvolveron na BiblioLab tiveron como eixo temático a olería e a cerámica.

AMASA A MASA

Fixemos bolas e churros para completar os debuxos propostos.

OLERÍA TRADICIONAL: BUÑO

Texto informativo con preguntas relacionadas. Tentamos facer un botixo de rosca con plastilina.

PORCELANA DE SARGADELOS

Vimos un vídeo informativo con actividades para buscar erros. Decoramos pratos ao estilo de Sargadelos.

Coñecemos a Xosé Vizoso, a quen se lle adicou o Día da Ilustración deste ano 2025 e que foi deseñador e ceramista de Sargadelos.

SÍMBOLO DA PAZ

Modelamos un símbolo da Paz con barro.

ROBÓTICA

Xogamos con imaxes de amuletos de Sargadelos facendo parellas e aprendemos os seus nomes e características.

FERRAMENTAS

Aprendemos a utilidade dalgunhas ferramentas para cerámica e practicamos con elas.

TÉCNICAS

Buscamos no libro “A maxia da cerámica” as técnicas máis comúns de traballo coa cerámica (modelado, churros, baleirado e placas) e practicamos con plastilina.

SPEED CUPS

 Desfrutamos con este xogo de mesa.

3 feb 2025

PROGRAMA DE RADIO: DÍA DA PAZ

As persoas do barrio de Coia son os protagonistas desta nova entrega da Radio do Seis.

A clase de 5ºC saíu ao noso barrio para entrevistar a diferentes persoas e preguntarlles sobre que pensan eles/elas que é a Paz para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz.

Desfrutade desta nova entrega!!!

2 feb 2025

POLA CANDELORIA, NAMÓRATE DUN LIBRO

Hoxe, 2 de febreiro celebramos o Día da Candeloria. Medio inverno vai fóra e os paxariños namoran.

“A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”, di o refrán para lembrarnos que no mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración especial, casan os paxariños, emparéllanse para facer os seus niños e comenza o retorno das aves migratorias que preludian o renacer primaveral.


Na biblioteca imos celebrar o amor pola lectura coa actividade “NAMÓRATE DUN LIBRO!!!.💕💕

Nun recanto da biblioteca poderás atopar libros sorpresa, anónimos, envoltos en papel de periódico e con corazóns de distintas cores, que indican a idade á que están dirixidos. Non teñen nin título, nin autor/a, nin ningún dato que indique o seu contido...

Que teño que facer?

-Pasar pola biblioteca nos recreos do 3  ao 7 de febreiro e coller o libro que vos guste. 

-Fíxarse na cor dos corazóns e escoller os libros que vos correspondan por idade.

-Rexistralos como préstamo.

-Devolvelos no seu prazo (15 días).

E... deixádevos seducir e descubriredes historias que vos namorarán!!! 💓💓💓

1 feb 2025

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: O XARDÍN DA PAZ

Neste mes de xaneiro, con motivo da celebración do Día da Paz, o alumnado de 1º e 2º de Primaria participaron nun obradoiro de programación que lles permitiu traballar o pensamento computacional así como reflexionar sobre a importancia da paz e a convivencia. 

O obradoiro comezou co contacontos O xardín da Paz, unha historia que lles permitiu coñecer diferentes símbolos que representan a paz e a convivencia. Inspirados polo conto, os alumnos traballaron coa linguaxe dos computadores, aprendendo como se representan as imaxes a través de píxeles. Para reforzar esta aprendizaxe, realizaron unha actividade na que debuxaron en papel os símbolos que descubriran no conto.

 

A continuación, utilizando o programa MakeCode deron vida ás súas creacións a través da programación que puideron trasladar á placa Micro:bit.