18 feb 2026

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2026

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2026 Eva Vega é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2026 é:

"Mais eles tamén perdidos"

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

“Mais socede nesta vida

 que os que ten culpa na levan.”

Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a  intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:

"Sin amar cal é negra esta vida

E perde o sol o seu brilo."

FONTE: AELG

No hay comentarios:

Publicar un comentario