2 feb 2026

NAMÓRATE DUN LIBRO!

Baixo a carpa celeste do inverno, cando a metade do frío xa pasou e os primeiros paxariños comezan a ulir o amor, a biblioteca convértese nun circo de historias marabillosas para celebrar o Día da Candeloria.

“A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”, di o refrán para lembrarnos que no mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración especial, casan os paxariños, emparéllanse para facer os seus niños e comenza o retorno das aves migratorias que preludian o renacer primaveral.

Na biblioteca, preparamos un número especial para vós:  “NAMÓRATE DUN LIBRO!!!.💕💕

Do 2 ao 6 de febreiro, a biblioteca transfórmase nun escenario de fantasía onde os libros son os protagonistas. Deixádevos sorprender e... pasen e vexan!

Na biblioteca poderás atopar libros sorpresa, anónimos, envoltos en papel de periódico e con corazóns de distintas cores, que indican a idade á que están dirixidos. Non teñen nin título, nin autor/a, nin ningún dato que indique o seu contido...

Instrucións do espectáculo:

1.-Entrade na biblioteca nos recreos.

2.-Escollede un libro sorpresa segundo a cor dos corazóns que vos guiarán (cada cor indica a idade recomendada).

3.-Rexistrade o libro coma préstamo.

4.-Levádeo con vós para a vosa casa e non o abrades ata chegar.

5.-Devolvédeo á biblioteca no seu prazo (15 días), co corazón cheo de historias.

Deixádevos seducir por esa historia agochada, lista para transportarvos a mundos descoñecidos. Cada libro é un novo número de circo, cheo de emocións, risas e aprendizaxes. Non perdades esta oportunidade de namorarvos da lectura. Agardámosvos!💕💕

No hay comentarios:

Publicar un comentario