15 feb 2023

CHARLA: OS MERDEIROS

Nesta semana de Entroido contamos coa presenza de María, unha nai do centro, que viu falarnos dunha figura do noso entroido vigués: Os Merdeiros.

María foi unha das primeiras Merdeiras que sairon polo Casco Vello no 2006, ano no que comenza a recuperarse esta personaxe do noso entroido.

O alumnado de 3º a 6 º de Primaria aprendeu moitas cousas sobre esta figura: a súa orixe, como é a súa vestimenta e os elementos que a compoñen, como se comportan, que días saen no Entroido, por onde podemos velos, a asociación que levou a cabo a súa recuperación, etc.


Moitas grazas!!!

14 feb 2023

OBRADOIRO HAPPY CODE

O alumnado de 4º e 6º de Primaria puido desfrutar, durante unhas semanas, dun Obradoiro de programación con Scratch grazas á actividade promovida pola ANPA, en colaboración con Happy Code, empresa que proporcionou formación e recursos ao profesorado para desenvolver este taller.

Concretamente a actividade consistiu en achegarse a linguaxe de programación a través do programa Scratch, tendo o alumnado que crear un pequeno xogo titulado "Descobre os animais", que consistía en que a través da interacción coa mascota deste programa foran amosándose diferentes animais do bosque.

11 feb 2023

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas con fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia.

A iniciativa 11 de Febreiro promove a realización de actividades para:

-Visibilizar o traballo das mulleres que se adican ás áreas STEM, creando así referentes femininos que poidan contribuir á elección destas áreas como carreiras profesionais.

-Coñecer os diferentes factores que afectan á situación actual da muller nas áreas STEM para fomentar prácticas que conduzan a súa eliminación e alcanzar a igualdade de xénero no ámbito científico.

Este ano céntrase no papel das mulleres, nenas e a ciencia en relación cos Obxectivos ODS,  incluidos na Axenda 2030.


Máis información sobre o tema en:

·    ONU Mulleres

·    11 de Febreiro org

·     Mujeres con ciencia

·     Mulleres de ciencia en Galicia


Para conmemorar esta data, ao longo da semana tivemos dúas charlas:


-O mércores 8 de febreiro, contamos coa presenza de María Escudeiro, enxeñeira forestal e nai de dúas nenas do cole. Explicounos que é o compost, e o seu proceso para poder utilizar o composteiro que temos no noso centro. Lembrounos a importancia de reciclar e fixemos varios xogos con esta temática.

-O venres 10 de febreiro, Juan e Patricia, dous investigadores do Instituto Español de Oceanografía do CSIC en Vigo, explicáronnos en que consiste o seu traballo e faláronnos de diferentes mulleres científicas, entre elas, Angeles Alvariño.

Selección de lecturas sobre mulleres científicas.

10 feb 2023

CHARLA DO CSIC

Para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o alumnado puido desfrutar dunha interesantísima charla sobre o mundo da oceanografía da man de Juan e Patricia, oceanógrafos que traballan no CSIC de Vigo. 

Juan explicounos que o seu traballo pódese centrar en 3 áreas: a pesca, a acuicultura e o medio mariño; e que eles se centran sobre todo no estudio dos fondos mariños para observar, entre outras cousas, se existe contaminación e poder tomar medidas. 


Ademais, tamén nos presentou o proxecto OCEÁNICAS, que ten como obxectivo dar a coñecer o traballo de diferentes científicas que ao longo da historia dedicaron o seu traballo ao estudo dos océanos.


Por outra banda, Patricia explicounos como recolle as mostras do fondo mariño para despois analizalas. E tamén nos contou que antes de traballar no CSIC axudou a Armada a realizar cartografías dos fondos mariños, calcular mareas e temperaturas para axudar ao desembarco dos soldados...

Dende logo foi unha charla ben interesante na que a rapazada descubriu un mundo novo que lle resultou moi atractivo. Mostra diso foron a cantidade de preguntas que fixeron e as valoracións que realizaron:


- “Foi unha experiencia chulísima na que aprendemos moitas cousas sobre o mar e aínda por riba déronos unha pulseira e un código QR”.

-     “Sinceramente, a min gustoume moito, é moi interesante o seu traballo”.

-    “A min gustoume moito a explicación e que todos os homes e mulleres poden traballar na ciencia aínda que durante moitos anos iso non pasara. En xeral, gustoume moito este traballo”.

Ademais ao rematar a charla, Patricia e Juan, agasallaron aos rapaces e rapazas cunha pulseira e un adhesivo coa recomendación do Documental “El futuro del Océano” , que podedes desfrutar pulsando sobre o seu nome.

Moitas grazas pola vosa colaboración, Juan e Patricia.

9 feb 2023

CITA A CEGAS CUN LIBRO

Cita a cegas cun libro, foi a actividade de fomento da lectura que desenvolvemos na biblioteca do 2 ao 10 de febreiro.

Cada aula recibiu a súa carta convidando a participar nesta proposta de amor pola lectura.

O alumnado que voluntariamente quixo participar, achegouse á biblioteca nos recreos e colleu os libros sorpresa, colocados nun recanto, que o voluntariado encargouse de organizar.

Un curso máis, esta cita resultou un éxito!!!

8 feb 2023

RETOS ODS: FEBREIRO

Neste mes de febreiro imos traballar o Obxectivo ODS Nº11: Cidades e Comunidades sustentables.

Este obxectivo fainos reflexionar sobre as cidades e as áreas metropolitanas como centros neurálxicos do crecemento económico pero tamén como as responsables de ao redor do 70 % das emisións de carbono mundiais e máis do 60 % do uso de recursos. A rápida urbanización está a dar como resultado un número crecente de habitantes en barrios pobres, infraestruturas e servizos inadecuados e sobrecargados (como a recollida de residuos e os sistemas de auga e saneamento, estradas e transporte), o cal está a empeorar a contaminación do aire e o crecemento urbano incontrolado.

 

Neste reto imos centrarnos nunha das metas deste obxectivo, a de redobrar esforzos para protexer e salvagardar o patrimonio cultural e natural do mundo. 

 

Para contribuir á consecución desta meta teremos que Investigar sobre "Como se celebra o Entroido en diferentes lugares do mundo".

 

Os traballos que fagades podedes entregalos na biblioteca ou envialo ao noso correo:

bibliotecaseisdonadal@gmail.com

Por un Entroido sostible!!!

7 feb 2023

OBRADOIROS DE ROBÓTICA POLO MES DA PAZ

Durante esta semana na BiblioLab estivemos realizando diversos obradoiros de robótica cuxo nexo común foi a Paz e os seus símbolos.

En Infantil traballouse o pensamento computacional a través da programación de robots coma o ozobot e o escornabot.


A rapazada de 1º de Primaria, tras un breve conto titulado "A Paz mola un montón", deseñou un videoxogo no que tiñan que ir recollendo símbolos da Paz. Para iso, primeiro fixeron o prototipo en papel e despois cunha app convertírono en videoxogo.


Por outra banda, o alumnado de 4º de Primaria, convertéronse en deseñadores 3D é coa axuda do programa Doodle3D deseñaron colgantes cos símbolos da paz, que posteriormente imprimimos.


As clases de 5º de Primaria, achegáronse as aulas do futuro a través da creación dun holograma que tivo como protagonista a pomba da Paz.


Finalmente en 6º de Primaria o alumnado usou o programa Scratch e a placa Makey Makey para tocar o Himno da Alegría.


A continuación podedes ver un vídeo resumo das actividades descritas.


6 feb 2023

PROXECTA +. COMEZAMOS A TRABALLAR SOBRE OS REFUXIADOS

Dentro das actividades que este ano estamos a desenvolver a través do Plan PROXECTA+: Aprendo programando no Seis e, con motivo da conmemoración do día da Paz, neste mes de xaneiro, o alumnado de 6º de Primaria iniciou nestas datas unha investigación sobre os REFUXIADOS a través da metodoloxía por proxectos. 


Se premedes nas seguintes fotos podedes observar cales foron os primeiros pasos que deron reflexionando sobre que saben, que queren saber, onde poden atopar a información...



2 feb 2023

2 DE FEBREIRO: DÍA DA CANDELORIA

O 2 de febreiro celébrase o Día da Candeloria ou Día das Candeas. É unha das festividades do ciclo invernal, no momento no que medran os días e comeza o renacer da natureza.

O refraneiro popular di “A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”, para lembrarnos que no mes de febreiro casan os paxariños, emparéllanse para facer os seus niños e comenza o retorno das aves migratorias como preludio da primavera.


Do 2 ao 10 de febreiro celebraremos na biblioteca o amor pola lectura cunha actividade moi especial, CITA A CEGAS CUN LIBRO.

Atréveste a elexir un libro sin ver o título?


Só tes que pasar pola biblioteca nos recreos e coller o libro que queres. Os libros están envoltos en papel de periódico e con corazóns de cores que indican a idade a que está dirixido. Non teñen nin título, nin autor/autora, nin imaxes, nin pistas,... para que non poidas saber que hai no seu interior: aventuras, misterio,...

Non esquezas!!!…Non debes abrilo ata chegar a casa!!!

Ponte cómodo no teu recanto favorito, abre o papel e….Sorpresa!! Descubre historias que te namorarán!!!

1 feb 2023

CONTACONTOS POLA PAZ

O voluntariado da Biblioteca preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de 2º de Primaria pola Semana da Paz, coas que reflexionamos e pensamos que hai que seguir traballando para acadar unha convivencia pacífica e un futuro de solidariedade, igualdade, tolerancia e respecto.

                        Grazas polo voso traballo!!!

Os libros seleccionados foron:

Imagine, Ed. Flamboyant

É un álbum infantil sobre os valores da paz e a tolerancia. Coa letra da inmortal canción de John Lennon e prólogo de Yoko Ono en colaboración con Amnistía Internacional.

Fronteiras de papel, Antela Editorial

Con este libro achegan unha historia, similar a moitas outras vividas polos milleiros de migrantes que hoxe atravesan o mundo, que a miúdo atopan obstáculos, moitos deles simbolizados na burocracia que expulsa e crea fronteiras entre as persoas, fronteiras de papel.