Un curso máis abrímoslle a porta á creatividade nas bibliotecas escolares, deste volta a través do DESEÑO.
O deseño que acompaña desde o
inicio a comunicación escrita, que é orixe de tipografías, logotipos e páxinas,
que consegue achegar a información da maneira máis impactante ou máis sutil.
O deseño gráfico que atopamos desde
a orixe dos tempos da escrita e que hoxe en día se espalla a través de
aplicativos dixitais.
Unha oportunidade para crear desde
as bibliotecas do hoxe e do futuro, tecendo desde a nosa propia historia, coas
referencias imprescidibles das editoriais Nós ou Castrelos, do Laboratorio de
Formas e Ediciós do Castro… e de mestres do cartelismo como Xosé Vizoso.
Propoñemos mirar os libros desde a súa orixe, coñecer o proceso da edición, da composición, da escolla de tipos, papeis, cubertas e encadernacións, da revisión da maqueta e da difusión… e coñecer as persoas que forman parte dese mundo da edición e do deseño gráfico. Deseño gráfico que tamén trascende do mundo do libro e está presente na publicidade, a prensa, as etiquetas, as marcas corporativas… e en tantos outros ámbitos da nosa vida cotiá.
O cartel que Desescribir nos ofrece para este curso é unha porta aberta a esa creatividade a partir da raíz: o alfabeto e as infinitas posibilidades que permite a partir dunha sinxela pauta. Sumémoslle deseño ás bibliotecas escolares e enrolémonos nesta viaxe á creatividade!
FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES
No hay comentarios:
Publicar un comentario