22 abr 2022

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2022

Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  edítase o cartel para conmemorar este día 23 de abril de 2022.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso o escritor, editor e tradutor, Xosé Ballesteros, quen creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose  na parte menos visible do libro, esa marabillosa viaxe colectiva que inician autores/as e ilustradores/as, con parada en editoriais, imprentas, librarías, para atopar, finalmente,  porto seguro nas nosas bibliotecas escolares. 

  "Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo"

Neste mes, e todo o ano, non esquezamos que os libros chegan as nosas mans grazas a unha cadea de traballo colectivo que non debemos romper. Habitemos este espazo que creamos xuntos/as.

“Hai lugares tranquilos no medio do ruído. Son illas, son oasis, son espazos entornados, silenciosos, en que podemos camiñar entre o pasado e o futuro. Espazos que acubillan os artefactos perfectos que nos conectan coa eternidade.

Desde os andeis das bibliotecas os lombos chaman a nosa atención. Chegaron os libros, de preto ou de moi lonxe, nunha viaxe que comezou cunha palabra ou unha imaxe. Despois xurdiron moitas máis, fervenza creativa.

Con esa materia prima necesaria, o editor deulle forma: alquimia.

Convocou forzas humanas e tecnolóxicas e actuou: corrección, maquetaxe, deseño; elección do papel, do tipo, do formato. E a maquinaria gráfica dispuxo os ferros, as probas de cor, os roletes de caucho e as catro tintas, para fusionar imaxes e palabras sobre a pasta vexetal.

Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo.”

DÍPTICO COMPLETO

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

No hay comentarios:

Publicar un comentario