26 abr. 2012

OS MAIOS

 
UN MAIO DE VIGO,UN MAIO DE COIA E
  UN MAIO DO .....SEIS

O  Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso centro : “ O  FIADEIRO  quere  solicitarlle unha vez máis a súa colaboración  para pedirlle material para facer o luns 30,  o Maio do Seis ( A Porta do Atlántico – As Travesas ) e espantar os meigallos ata o ano que ven aproveitando que xa chegou a primavera e pode haber  unha  boa fin de semana para saír ao campo a recoller de todo.

            Serven todo tipo de flores: calas, pampillos, margaridas, uces, carqueixas, e moitas xestas. Logo, fiuncho, fentos e outros vexetais para enchelo. Cascas de ovos en boas condicións, cascas de laranxas, bugallos, landras,etc. Se fan cos seus fillos e fillas cadeas de flores ensartadas no fío, estaría moi ben. Se alguén quere escribirnos  unhas coplas tamén serían ben recibidas.

                        Facer un debuxo dun maio detrás desta folla –para aproveitar o papel- recortalo  e poñelo nunha exposición na entrada. A botarlle imaxinación.!!!

                   Moitas grazas pola constante colaboración!!!!!!
                                
           Cada primeiro de maio, a vexetación sae á rúa en forma de "Maio", unha construción de diferentes formas feita con elementos vexetais en función da zona na que se elabora e que pode ser enxebre ou artístico.

      Os historiadores non conseguen porse dacordo á hora de datar a da orixe dos maios. Hai quen a sitúa no Paleolítico, momento no que xorden os cultos agrarios como hai quen a sitúa no Neolítico, co nacemento da agricultura.

     Aínda que non están moi claras as súas orixes parece indiscutible a celebración do espertar da natureza,a protección de vexetais e animais,o inicio do amor nun contexto dinamizado pola ledicia diante do alborexar da vida nova.

       Os maios acompáñanse habitualmente de coplas cun compoñente satírico que facían relevancia a calquera feito social que acontecese no último ano.

    Coas coplas acontecía igual que coas formas e os materiais de construción dos propios maios, hai moitas estructuras, figuras e variantes.


 Un pouco de historia sobre "As festas do ciclo de Maio"

   En Galicia hai varias M
anifestacións:

-Manifestacións agrarias:Alumear o pan(Outes,Rois e Negreira),os ramos(xestas ou codesos nas terras despois de sementalas).

-Manifestacións pecuarias:Enfeitar con flores o gando,as cortes ou apeiros de labranza.

-Manifestacións mariñeiras:Ramos nos barcos ou maios en forma de barco.

-Manifestacións lúdicas:Os arcos(nas prazas e camiños),a árbore de maio(árbore moi alta con pólas só no curuto no que se colgaba un boneco),os maios(maios humanos-persoas cubertas de ramiños e flores-,maios figurados-figuras cónicas ou piramidais cubertas con ramiños e flores,arredor dos cales se cantan coplas-a As Maias-pagás(nenas pedindo froitos e diñeiro) e cristiás(altares engalanados con flores diante da Virxe).

-Manifestacións amorosas:Os primeiros días de maio eran moi axeitados para o amor e a galantería.Os mozos fanlle as beiras ás mozas e namóranas.

-Manifestacións cristiás ou cristianizadas:O Santoral(moitos santos fixéronse cargo da protección de cultivos,animais e sementes),Ramos,cruces e benzóns(a auga bendita,a poliña de oliveira..),As cruces de maio(O 3 de maio foi mudando para facer a exaltación de santa Cruz),Ramos procesionais(procesións portando ramiños e ofrecéndollos aos santos e a Virxe),escenificacións relixiosas(Só se conservan en Laza-Ourense- é unha representación de Adán e Eva mesturado con danzas e os mouros e os cristiáns).



Máis información en "Galicia Espallada"

No hay comentarios:

Publicar un comentario