23 abr. 2012

23 DE ABRIL,DÍA DO LIBRO 2012

          Hoxe ,23 de abril,celebramos o
 Día Internacional do Libro e dos dereitos de autor.
Para conmemorar esta data, as Bibliotecas Escolares  de Galicia, recibiron un agasallo de Agustín Fernández Paz .

                                       OS  RÍOS  DA  VIDA

         Din que todas as persoas necesitamos as historias,tanto coma a auga que bebemos,tanto coma o pan de cada día.Que sorte,que sexan tan doadas de conseguir!Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras,esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.

       Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior:a emoción do inesquecible primeiro bico;a voz pausada e sabia do ancián da tribo;as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong;os andares pousóns dos camelos,a avanzaren coa caravana polas areas do deserto;o espanto ante os perigos que a escuridade agocha,nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa;a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos;as vidas de hai mil anos,cando o mundo era doutro xeito;ou as de dentro de mil anos,nun planeta que agoniza;a fascinación polas estrelas,que nos envían luz desde os abismos do espazo-tempo;o desespero de sentirse só entre ríos de xente;o nacemento dunha persoa,a morte doutra;os seres máxicos e os deuses terribles....

      Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces,de linguas,de recendos,de paisaxes....Unha maxia secreta e inesgotable,que a nós nos corresponde descubrir.

Agustín Fernández Paz


No hay comentarios:

Publicar un comentario