16 dic 2024

CINE DE NADAL

Neste mes de decembro tivemos novas sesións de “Cine na Biblio”. De 3º a 6º de Primaria foron o venres 13, na hora do recreo, a ver Tabby McTat, unha adaptación do conto de Julia Donaldson e Axel Scheffler, sobre un gato que perde ao seu dono antes do Nadal.

As máis pequenas e pequenos do cole, o luns 16, puideron divertirse cunha das historias do “Raposo Grande e Malo”. O filme é unha adaptación das obras de banda deseñada de Renner. Dentro deste filme proxectamos o conto “Hai que salvar o Nadal”.

15 dic 2024

UN NADAL ARTESANAL

As aulas de 5º e 6º de Primaria foron as encargadas da decoración de nadal do vestíbulo.

O cartón foi o material empregado para facer un mercado artesanal, con casas e diferentes adornos feitos con fios, cordeis, botes, madeira... elementos reciclados ou naturais. 

As familias tamén colaboraron nesta decoración aportando diferentes adornos para a nosa Feira Artesanal de Nadal. Momentos para compartir creatividade e imaxinación entre toda a Comunidade Educativa nestas datas cheas de maxia e ilusión.

14 dic 2024

EXPOSICIÓN TEMÁTICA DE NADAL

Con motivo do Nadal, o Equipo de Biblioteca, fixo unha selección de fondos bibliográficos sobre historias, contos e personaxes destas datas:  o Apalpador, Reis Magos, Papa Noel, agasallos... cos que organizamos unha exposición chea de maxia!!!

13 dic 2024

"DISCAPACIDADE E NADAL" NA RADIO DO SEIS

O día das persoas con discapacidade e as tradicións de Nadal, son os protagonistas deste cuarto programa da Radio do Seis.

A clase de 5ºB preparou un programa con música e informacións sobre estas dúas conmemoracións.

Desfrutade desta nova entrega!!!


12 dic 2024

OBRADOIRO DE NARRACIÓN ORAL

O martes 10 de decembro, o voluntariado da biblioteca contou cun obradoiro de narración oral da man de Charo Pita.

Un obradoiro dinámico que comenzou cun xogo no que memorizou os nomes de todos os nenos e nenas e no que xurdiron moitas historias diferentes e divertidas.

Falou da importancia das palabras, da posición corporal, dos xestos, do silencio... deunos ferramentas que temos que ter presentes para contar e narrar de viva voz.

Un xogo no que todos e todas desfrutamos desta sesión e que os nosos voluntarios e voluntarias terán en conta para ser grandes narradores de historias e contos. Pasárono xenial.

Grazas Charo!!!

10 dic 2024

TANXARIÑA CON "TITIRICIRCUS"

O luns 9 de decembro, desfrutamos dun espectáculo de teatro de marionetas con TANXARINA coa representación de “TITIRICIRCUS”.

É a historia de dous traballadores do circo que recordan con marionetas de fíos o pasado da pista circense.

Ao longo da función foron aparecendo diferentes números: o home máis forte da Península Ibérica, o señor Bigotini, a serpe Josefina e o encantador Palindranat, o malabarista señor Tato, o monociclista do espectáculo, o señor Venancio... que contaron coa implicación do público entusiasmado.

Agasallaron cun exemplar asinado do libro “Titiricircus”, Ed. Kalandraka para a biblioteca.

Moitas grazas Tanxarina!!!

6 dic 2024

CHARLA DISCAMINO

O 5 de decembro visitaron o noso centro 7 persoas da asociación DisCamino.

Na semana na que ten lugar o “Día das persoas con diversidade  funcional”, compartiron co alumnado de 5º e 6º de Primaria as súas historias persoais  e o importante papel que ten DisCamino no seu día a día, esforzándose diariamente por alcanzar as súas metas.

Moitas grazas por acompañarnos e compartir con nós estas fermosas experiencias!!!

5 dic 2024

2ª XUNTANZA CLUB DE LECTURA 5º

Continuamos coas xuntanzas dos clubs de lectura.

O xoves 5 de decembro, o Club de Lectura de 5º reuniuse na biblioteca para conversar sobre “A Señorita Bubble. Baixo cero”, de Ledicia Costas.

Nesta ocasión preparamos un taboleiro de xogo, con imaxes e números, e a través dun robot contestar ás distintas preguntas sobre a lectura.

Tamén comentamos os personaxes, a temática e a imaxe de Papa Noel. Foi unha lectura que lles encantou!!!

O vindeiro libro será "Maxia de pedra" de Xabier Domínguez. 

4 dic 2024

BIBLIOLAB: "REDEIRAS"

No mes de novembro, as actividades que se desenvolveron na BiblioLab tiveron como eixo temático o mar e o oficio das “Redeiras”.

XOGOS DE PESCA SEN REDE

Diferentes xogos: Collemos as canas e tentamos ser o pescador/a que colle máis peixes.

Coa baralla de cartas tentamos ser o xogador/a que pesque máis grupos seguindo as instrucións.

PESCAMOS NOS LIBROS

Buscamos nos libros os distintos tipos de redes que tecen as redeiras.

ANTES E AGORA

Observamos as imaxes de como cambiou o oficio das redeiras. Tecemos entre todos unha rede co material que nos proporcionan.

A PROFUNDIDADE DO MAR

Compoñemos os distintos quebracabezas mariños.

ROBÓTICA

Xogo de parellas de imaxes relacionadas coas ferramentas e o vocabulario do oficio de redeiras.

Á ABORDAXE

Subimos a bordo das historias de piratas. Buscamos as imaxes que hai na lámina e inspirámonos para inventar a nosa historia.

FACEMOS BARCOS

Collemos un folio e seguindo as instrucións facemos barcos de papiroflexia.

3 dic 2024

DÍA DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Para conmemorar o 3 de decembro, “Día das persoas con disCAPACIDADE” contamos coa presenza de Marisol Bravos, mestra e escritora que compartiu unha charla con alumnado, familias e profesorado.

Presentounos o seu libro “Unha historia de superación”, na que conta a súa vida, dende os seus inicios nos que sufriu a enfermidade da polio e todo o proceso, o apoio da súa familia, como os seus pais lle ensinaron a ler e escribir, fixéronlle os bastóns para poder desprazarse, cursou o bacharelato e fixo maxisterio. Exerceu a docencia no ensino público durante 37 anos.

Traballa pola accesibilidade, a eliminación de barreiras arquitectónicas e a inclusión.

Un exemplo de loita e superación!!!

Agasallounos cun exemplar do seu libro que asinou para a biblioteca. Moitas grazas Marisol!!!

Dende o Equipo de Biblioteca fixemos unha selección de lecturas sobre diversidade e  inclusión.