18 nov 2021

14 nov 2021

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

“E temos a sorte de que esta viaxe (a científica) se poida facer dende as bibliotecas, que non só acollen libros e outros materiais, senón que tamén acollen descubrimentos e camiños de aprendizaxe, cos éxitos e tamén os fracasos da ciencia e da tecnoloxía, porque cometer erros tamén é aprender”.

Amparo Alonso Betanzos

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.

Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Amparo Alonso Betanzos, profesora, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial. 

“…a ciencia é o piar do benestar social e económico, o coñecemento xera persoas e sociedades máis libres e críticas e as bibliotecas son, en parte, as gardas dese coñecemento. Que máis necesitamos para gozalas?"

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO

PINTEREST: CIENCIA EN GALEGO


FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

11 nov 2021

INAUGURACIÓN DA NOVA BIBLIOTECA

E por fin chegou o día!!!

O martes 9,  inauguramos a nosa nova Biblioteca ”Atlas dos Soños”.

Xornada de emocións e sentimentos!!

Contamos ca presenza de diversas Autoridades, representante da Asesoría de Bibliotecas Escolares, Anpa e como Madriña  da inauguración a escritora Ledicia Costas.

O acto estivo presentado polo Voluntariado de 6º de Primaria que foron os encargados e encargadas de dirixir os nosos pasos hacia os diferentes espazos.

A nova Biblioteca está ubicada na que era a casa do conserxe e nela están os libros de literatura recreativa e de ficción, para actividades de fomento da lectura, contacontos, encontro con escritoras e escritores,... A BiblioLab, ocupa a antiga biblioteca, na que está presente a linguaxe de programación, a robótica, matemáticas, ciencias, libros informativos e de consulta,...

Na biblioteca atoparonse cun espazo cheo de historias agochadas entre as letras, pictogramas e notas musicais que agardan impacientes ser descubertas polos nenos e nenas do cole; e na BiblioLab visitaron un espazo que está esperando ser o escenario de experimentos, investigacións, construccións e creacións dos nosos e nosas futuros makers.

Inauguración Biblioteca de Biblioteca Seis do Nadal

Escoitamos a canción “A Biblioteca do Seis”. Letra de Isis e música de Gael e Isis, acompañados da mestra Sara e interpretada polo alumnado de 5ºB co retrouso en lingua de signos.

E o mércores 10, foi un día moi especial, xa que todo o cole puido visitar a biblioteca e escoitar  ao escritor e contacontos Anxo Moure co que disfrutamos de historias e bosques de contos.  

Viu na súa ciclobiblioteca e agasallounos coas súas verbas e poesía ademáis dun atrapacontos e un libro.

Grazas a todas e todos!!!

En breve o vídeo das dúas xornadas.

7 nov 2021

SAMAÍN NO SEIS

Unha mostra do que se realizou no centro polo Samaín: exposición de cabazas no exterior, selección de lecturas, contacontos e hora de ler ás escuras,...

SAMAÍN 2021 de Biblioteca Seis do Nadal

30 oct 2021

LENDO NO SAMAÍN

Para estas datas temos montada unha exposición de libros sobre bruxas, monstros, cabazas, pantasmas,.... para pasar moito medo!!!

"Moito maxín, no SAMAÍN

é hora de contar historias de medo e fuxir.

Moito maxín hai no Samaín,

é hora de contar historias de medo e botar a rir". 

("No Samaín", canción do libro-cd “Brinca Vai” de Paco Nogueiras. Ed.Kalandraka)

Lecturas no Samaín de Biblioteca Seis do Nadal do Nadal

26 oct 2021

LECTURAS ÁS ESCURAS

Os vindeiros 28 e 29 de outubro faremos a Hora de Ler ás escuras.

Non esquezas a túa lanterna, apagaremos as luces, baixaremos as persianas e... Pasarémolo de medo!!!!

25 oct 2021

PROXECTO ANUAL

Benvidos e Benvidas a un novo curso!!!

Presentámosvos a Broli, a nosa mascota da biblioteca.

Vai comenzar unha aventura, percorrerá o camiño ata Compostela, no que vivirá grandes aventuras, contará historias, investigará,...

“Os Camiños do Seis”, proxecto documental anual de centro que xirará en torno ao Camiño de Santiago, achegarémonos a súa historia, símbolos,…con diferentes rutas polas que discurrirán as nosas andainas, a inclusión, a sostenibilidade, a igualdade,…

Agárdannos moitas novidades e sorpresas!!!

Estade moi atentas e atentos!!! 

Preparade mochila, botas, bastón,… iniciamos o camiño!!!

24 oct 2021

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 

 

A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2021. 

"A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos."

As bibliotecas escolares galegas son “xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir”.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 

Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia, A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA, quere poñer o foco na palabra e na oralidade.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

17 oct 2021

DÍA DAS ESCRITORAS 2021

O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VI Edición celébrase este ano 2021  o 18 de outubro baixo o lema "Ler as idades da vida". 

Marifé Santiago Bolaños, é a comisaria esta VI Edición do Día das Escritoras 2021. "Os libros escríbense só para unha lectora, a que os fai estar de novo cando os le. Por iso, a escritura vai dando conta das idades da vida e permítenos elixirnos, recuperarnos e soñarnos entre as páxinas dos libros. Dos libros que lemos, dos que leremos. Dos que se escribiron para nós, aínda que non os atoparamos aínda."

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visibilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 

SELECCIÓN DE TEXTOS DE ESCRITORAS GALEGAS

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

3 oct 2021

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA é o lema que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade propón ás Bibliotecas Escolares Galegas para este curso 2021/2022, quere poñer o foco na palabra e na oralidade.

A imaxe que interpreta este lema proposto para este curso é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero.

Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 

Máis aínda, como instrumentos a favor da equidade, as bibliotecas dos centros educativos deben procurar o acceso igualitario ao coñecemento e uso do léxico que garante unha mellor comprensión lectora, toda vez que os expertos nos falan da diferencia abafante entre o número de palabras que contén o léxico do alumnado de infantil en función dos contextos familiares, diferencia que marca xa as posibilidades de éxito fronte á lectura. 

Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 

A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade. 

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES