16 dic 2025

CINEMA DE NADAL

O venres 12 de decembro, durante a hora do recreo, a biblioteca do centro encheuse de maxia coa primeira sesión de Nadal dirixida ao alumnado de 2º a 6º de Primaria. 

Nesta ocasión proxectouse "O Nadal de Charlie Brown", o primeiro especial de televisión de animación baseada na coñecida tira cómica Peanuts de Charles M. Schulz. O guión foi escrito polo propio Schulz e a dirección correu a cargo de Bill Melendez. A súa estrea tivo lugar o 9 de decembro de 1965 na cadea estadounidense CBS, e foi seguida por máis de 15 millóns de espectadores, converténdose nun clásico instantáneo da televisión. A proxección permitiu que Carlitos, os seus amigos e o inseparable can Snoopy traspasasen o papel dos xornais para chegar á pantalla, que naquel momento representaba a última tecnoloxía audiovisual.

O luns 15 de decembro foi a quenda dos máis pequenos, o alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria. 

Nesta segunda sesión proxectouse "Pete o gato, un aninovo xenial", unha historia baseada no libro infantil número un na lista de exitos de vendas do New York Times. A película narra as aventuras de Pete, un gato simpático e curioso que tenta descubrir cal pode ser o seu propósito de Aninovo. No medio da súa procura, esquece convidar aos seus amigos á festa que organiza na súa casa, pero finalmente comprende que o máis importante é compartir os momentos especiais con aqueles que se queren. Cando a festa comeza e a conta atrás para o novo ano se achega, Pete entende que un propósito de Aninovo é algo que fai feliz e decide propoñerse un propio. Durante a sesión, as nenas e nenos cantaron, bailaron e participaron con entusiasmo.

Con estas dúas xornadas, a biblioteca consolidouse como un espazo vivo, dinámico e aberto á cultura, onde o cinema, a literatura e a aprendizaxe se dan a man. 

O espírito do Nadal estivo moi presente, enchendo cada recuncho de ilusión e lembrando que, máis alá dos agasallos, o verdadeiro valor destas datas está nas emocións compartidas e nos momentos vividos en comunidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario