10 dic 2018

O APALPADOR


Nos últimos anos estase a recuperar a figura de O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro. É un personaxe que vivía nas altas montañas das serras orientais de Galicia e que nos días do inverno baixa ás aldeas e vilas dos vales para apalparlles a barriguiña ás meniñas e aos meniños por ver se comeran ben durante todo o ano, decíndolles "Así, así esteas todo o ano", achegándolles castañas e agasallos feitos a man.
Ilustración de Leandro Lamas

O Apalpador, de profesión carboeiro, mora nas devesas das montañas do Caurel e outras serras orientais de Galicia e caracterízase fisicamente por ser un xigante bonachón que viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con baias salvaxes e os porcos bravos que caza no monte.

O Apalpador é moi lambereteiro e se as nenas e os nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando todas as casas de todos os nenos e nenas galegos, el entrégalles os  agasallos de madeira, tea e cartón que fixo coas súas mans no tempo de lecer do resto do ano. Ao Apalpador gústanlle máis os xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuosos co medio ambiente, que aqueles de plástico, automáticos e con pilas que gastan moita enerxía e empobrecen os nenos e nenas doutras partes do planeta.

O Apalpador recupera unha figura da nosa tradición relacionada co Pai Inverno e mesmo co propio Papá Noel, propia dos pobos preindoeuropeos e espallada por toda Europa, quizais relacionada cos ancestrais cultos á divinidades do Inverno, protectores das colleitas e do gando que, por influencia do cristianismo foi desaparecendo. Recuperar o Apalpador é un acto de reivindicación das nosas tradicións e dun consumo solidario e responsable.

Máis información e recursos nas seguintes ligazóns:

-Páxina web
-Páxina da Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización

Pasade pola biblioteca e  poderedes  ler os libros que temos sobre o Apalpador.

    Conto en pictogramas (preme na imaxe)
Cancións sobre o Apalpador
-Canción  de Malvela
-Canción "O Apalpador" incluída no libro  "TOC TOC", de Pablo Díaz.
-Canción "O Apalpador" incluída no libro "Estación Nadal", de Mamá Cabra
-Canción"O Apalpador" no libro  "Brinca Vai" de Paco Nogueiras
-Canción "O Apalpador" incluída no libro "Lucecús", de Pirilampo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario