25 may 2015

OBRADOIRO DE ROBÓTICA

O pasado xoves 14 de maio, dentro das actividades da Semana Matemática, os dous grupos de 6º do cole tivemos a visita dun grupo de 22 alumnos e alumnas de 4º ESO da asignatura de Tecnoloxía do IES Valadares. Viñan a explicarnos o que é aRobóticae a ensinarnos a programar robots. Nada máis e nada menos!! 
Dividímonos en grupos de 3 alumnos con 2 monitores. Cada un destes grupos tiñamos un posto de traballo co noso portátil e o noso robot. Despois dunha pequena explicación para entender a linguaxe de programación e unhas cantas probas, empezamos a manexar o programa e a probalo no robot. Foi increíble!! Os robots facían o que lles pediamos, cos seus motores, cos seus sensores...todo funcionaba coma nos queriamos! Xa tiñamos superada a primeira fase de toma de contacto e coñecemento da programación.
Na segunda fase, os monitores xa nos axudaban menos. Puxéronnos uns desafíos para que os robots fosen quen de realizar. Tiñamos que pensar como darlles as instruccións para que cumpriran os retos. Foi moi emocionante: pensar, discutir, programar e probar no robot, volver a retocar e a reprogramar e...outra vez a probar... Cando por fin conseguiamos que o robot superase o reto, un dos xuíces achegábase ao grupo e daba o visto bo e xa podiamos pasar o seguinte desafío. Tódolos grupos chegamos ao último nivel, ao máis difícil.
Esa mañá, traballamos moito, estivemos moi concentrados, aprendimos moitas cousas novas e divertímonos un montón. Foi unha moi boa experiencia cos rapaces da ESO que nos axudaron e ensinaron tanto. Ogallá poideramos repetila experiencia!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario