14 nov 2024

MAGOSTO 2024

O luns 11 de novembro, día de San Martiño, celebramos o Magosto no Seis.


Desfrutamos dunha mañá chea de xogos populares (comecastañas, relevo de castañas, trompos, brincacastañas, tres pés,a castaña ardente) e de degustación das castañas. Estaban boísimasss!!!!

A música acompañounos nesta xornada festiva!!!

Pasámolo moi ben!!!

13 nov 2024

ENTREGA DE PREMIOS "AS IMAXES DO PATRIMONIO"

Este venres 15 de novembro, na véspera do Día Internacional do Patrimonio, as clases de 5º de Edº Infantil asistiremos ao acto de entrega de premios do 7º Certame “As imaxes do patrimonio” Inmaterial Galego-Portugués, convocado pola Asociación cultural e pedagóxica Ponte...nas ondas!, nunha gala musical, no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo.

O noso centro participou neste certame con varias imaxes que foron aportadas polas familias e que recollen historias como: un cantar de Reis, unha noiva no seu día de voda, unha familia de ebanistas e costureiras, un avó facendo unha meda de millo, un grupo de veciños posando nunha carretera, unha familia desfrutando do domingo no pobo, tocando a pandeireta na banda municipal de Avión e unha foto para o carnet de familia numerosa.

Na categoría de Ensino Primario, recibimos un accésit coa imaxe “A vendima”, de Roi Priego.

Queremos agradecer a todas as familias da nosa comunidade educativa a súa colaboración e o seu esforzo por buscar e seleccionar entre os seus álbums familiares aquelas fotografías que conteñen elementos do noso patrimonio. Unha fermosa maneira de coñecer e preservar a riqueza do noso patrimonio, sendo portadores de historias, coñecementos e tradicións e así transmitirllo ás novas xeracións. Parabéns!!!

11 nov 2024

OBRADOIRO "FALAMOS NAS ONDAS"

O martes 5 de novembro o alumnado de 5º de Primaria participou no obradoiro “Falamos nas ondas”, con Damián Alonso e Pancho Álvarez. 

Unha iniciativa de Ponte…nas ondas! para a difusión do “Modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial” coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Unha xornada na que coñeceron e aprenderon técnicas de dicción, entoación, narración oral así como o guión e a organización dun programa de radio da man de Damián Alonso.

Con Pancho Álvarez, prepararon as músicas con instrumentos e voces que interpretaron na gravación do podcast. 

Para escoitar o programa:

https://soundcloud.com/escolas-nas-ondas/obradoiro-falamos-nas-ondas-ceip-seis-do-nadal-vigo

Tamén houbo actuacións musicais: un grupo de nenos e nenas tocaron e cantaron en directo dúas pezas de música tradicional galega.

Grazas a Ponte...nas ondas! por agasallarnos con este fantástico obradoiro para traballar coas voces do patrimonio inmaterial!!

8 nov 2024

CONTOS E LECTURAS PARA O MAGOSTO

Estamos en novembro, tempo de castañas e de magostos. O luns 11 de novembro, San Martiño, se o tempo nos acompaña, celebraremos o MAGOSTO no centro. Que ben o imos pasar!!!

Fixemos unha selección de lecturas para esta data e que podedes atopar en exposición na biblioteca.

E tamén algúns videocontos (premer sobre os títulos para acceder aos contidos).

A castaña Catarina

María a castañeira

A castaña que rebentou de risa

7 nov 2024

XORNADA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2024

O sábado 9 de novembro asistiremos a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2024.

Daranse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Biblioteca escolar, a escena!".

Unha xuntanza que falará do poder do Teatro como soporte para diferentes relatos, da interpretación como linguaxe poderosa... que eloxiará á biblioteca e á escola alfabetizadora; o papel facilitador da biblioteca a través dos novas linguaxes e espazos, dos proxectos, do fomento da lectura, da participación das familias, da creación de redes...

Será, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.

Programa

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

6 nov 2024

OS CLUBS DE LECTURA ABREN O TELÓN

Os nosos Clubs de Lectura xa saíron a escena e empezaron a súa andaina!!!

O 29 de outubro tivemos a primeira reunión co club de lectura de 5º de Primaria e, o 5 de novembro,  con 6º de Primaria.

Entregamos a carpeta coa guía do club, un marcapáxinas e escollemos as nosas primeiras lecturas: 

-“A Señorita Bubble. Baixo cero”, de Ledicia Costas, para 5º.

-"Charlie e a fábrica de chocolate", de Roald Dahl, para 6º.

Lemos a información sobre o funcionamento, organización e normas que rexiran as nosas xuntanzas.

Compartimos unhas galletas que fixeron máis doce estes momentos nos que intercambiamos as nosas opinións sobre o club de lectura. Agardan moitas sorpresas!!!

5 nov 2024

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

“Toda sociedade precisa coñecer e interpretar o mundo para desenvolverse nel de forma satisfactoria. A ciencia é un xeito especial de coñecemento do mundo que se desenvolveu en Occidente desde o Renacemento e eclosiona coa Modernidade nos séculos XIX e XX. É responsable do noso progreso tecnolóxico e industrial, pero tamén foi da man do complexo tecno-militar desde o século XVI, da consolidación do capitalismo e da expansión colonial europea. Toda esta historia está reflectida nas bibliotecas e fan que debamos volver a elas continuamente. Tamén está reflectida na tradición oral, nos hábitos e na cultura material”.

     Felipe Criado-Boado

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o  MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. 

Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. Foi premio nacional de investigación 2023.

O manifesto para este ano 2024, abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares.

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

FOLLETO INFORMATIVOMES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO

4 nov 2024

ENCONTRO LITERARIO CON LEDICIA COSTAS

“Bruxas e meigas” foron as protagonistas da xuntanza do Club de Lectura “Ás seis no Seis”.

Libros de bruxería, pócemas, velas, un boneco bebé na súa cuna, a mesa camilla, as rosquillas e as revistas de corazón da estancia da bruxa Victoria... foron os distintos elementos cos que quixemos ambientar a biblioteca para o aquelarre literario coa escritora Ledicia Costas e conversar sobre o seu libro “Pel de cordeiro”.

Caracterizadas para ocasión, de negro e en semicírculo acompañanos a Catarina e  a Lola  no seu percorrido pola escuridade e a fantasía.

Ledicia contounos que a novela está moi unida a súa infancia, xa que vivía preto da consulta dunha bruxa e vía en que estado chegaban as persoas e como despois saían tranquilos. Tamén nos explicou a súa fascinación polo mundo da maxia e do alén.

Para documentarse a autora tivo que visitar a diferentes meigas e, moitas desas escenas, están recollidas na historia.

Coma sempre, rematamos coa sinatura dos libros e degustando doces caseiros.

Moitas grazas Ledicia por compartir con nós esta tarde máxica!!!

2 nov 2024

CONTO: A BRUXA DIVERTIDA

A clase de 6º Edº Infantil B, inspirouse no conto “A bruxa divertida” Ed. Kalandraka, para decorar a súa vasoira de samaín.

Leron o conto, debuxaron unha páxina do mesmo e caracterizáronse de bruxas. 

Con estes elementos, decoraron a súa vasoira. Quedando así na súa porta!!!

Ademais, gravaron o conto para que o puidesen escoitar a través dun código QR.

1 nov 2024

EXPOSICIÓN DE CABAZAS

Outro ano máis, desfrutamos coas creacións feitas en familia coas cabazas decoradas seguindo o PDI deste curso: oficios tradicionais, ferramentas que empregan, artesanía... Menudos artesáns temos no Seis!!

Grazas familias pola vosa colaboración!!!