1 feb 2026

DÍA DA PAZ 2026

O venres 30 de xaneiro celebramos o Día da Paz e a Non Violencia cun acto colectivo no centro. 

A comunidade educativa vestiu de negro para simbolizar a tristura polos conflitos bélicos que azoutan diversos países do mundo. Este acto quixo ser unha manifestación visual do noso compromiso coa Paz e a nosa solidariedade coas vitimas da guerra. 

Un elemento central da conmemoración foi a localización nun mapamundi dos países en guerra traballados en cada ciclo: Ucraína, Siria, Etiopía, República do Congo e Gaza. Permitiu visualizar a magnitude e o impacto global dos conflitos armados ao mesmo tempo que escoitabamos pola radio aos pregoeiros e pregoeiras que nos contaban o que está a acontecer neses países.

Elaboráronse pancartas con mensaxes que fomentan a Paz, a convivencia e o diálogo. Estas mensaxes reflicten a importancia de construír a Paz a través das palabras, os xestos e o traballo diario, sementando o respecto mutuo para crear un mundo mellor.


A conmemoración do Día da Paz e a Non Violencia foi unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia da Paz e o noso papel na súa construción. A través de diversas actividades, a comunidade educativa reafirmou o seu compromiso cun mundo máis xusto e pacífico.