O xoves 18 de
setembro, o Club de Lectura de Adultas "Ás seis no Seis" abriu as
súas portas a unha nova tempada chea de misterio e lecturas.
A escritora Arantza
Portabales acompañounos nunha tarde
especial, na que nos mergullamos nas páxinas do seu último libro,
”Asasinato na casa rosa”.
Vestidas de rosa, acompañamos á inspectora Iria Santaclara e a César Araujo na intrincada tarefa de desvelar os segredos da familia Villamor. Unha viaxe a través de mentiras, intrigas e a atmosfera enigmática dunha casa que garda máis do que amosa e que atrapa ao lector/lectora desde a primeira páxina.
Arantza compartiu con nós a esencia da súa obra: a súa inspiración, o proceso de creación da novela, a historia que se esconde detrás de cada personaxe e detalles. A súa proximidade e simpatía crearon un ambiente cálido e acolledor.
A novela "Asasinato na casa rosa", cos seus capítulos curtos e a súa linguaxe fluida, invita a mergullarnos nunha trama intricada onde nada é o que parece.
Os personaxes, tanto principais como secundarios, están construidos con gran profundidade, explorando a súa psicoloxía e as súas motivacións. A autora amosa a complexidade das relacións humanas e a capacidade que teñen as persoas para ocultar a súa verdadeira identidade.
Ademais, a ambientación xoga un papel fundamental na novela. O pobo costeiro galego, co seu ambiente misterioso e as súas paisaxes evocadoras, convértese nun personaxe máis, contribuindo a crear unha atmósfera de suspense e intriga. Esta obra é só o comezo da serie "Os crimes de Loeiro" prometendo máis misterios por resolver.
O encontro rematou coa sinatura de libros, un momento máxico de conexión entre
a autora e as lectoras. Compartimos doces, froita e unha infusión de xenxibre e limón que endulzaron a xornada.
Grazas, Arantza, por unha tarde inesquecible!
No hay comentarios:
Publicar un comentario