Dende
o nivel de 3º de Primaria estivemos traballando o "Futuro que
queremos" dende unha perspectiva do coidado do medio ambiente e o planeta
no que queremos vivir. Para iso, levamos a cabo diferentes proxectos e
actuacións ao longo de todo o curso.
Primeiro partimos dende o noso contorno máis próximo, o noso centro. Para iso,
o alumnado pensou no "cole que queremos", deseñou e construíu unha
maqueta na que puido plasmar as modificacións que considerarían necesarias para
mellorar as edificacións e a súa contorna. A maior parte dos cambios fixeron
referencia aos espazos comúns e o patio (engadíronse máis árbores e ampliáronse
as zonas para poder practicar deportes, entre outros cambios).
A segunda actuación que fixemos co noso alumnado baseouse no concepto
"think globally, act locally", segundo o cal urximos ao alumnado a
ter en conta a saúde do planeta e realizar pequenas accións na súa propia
comunidade. Estes esforzos de raíz axudan a protexer os ecosistemas e os
organismos que dependen deles. Por iso, achegámonos até a praia de Alcabre
dispostos a pasar unha xornada de restauración ambiental e recollida de lixo.
Aínda que aparentemente estaba bastante limpa, acabamos enchendo varias bolsas
de lixo de todo tipo. O alumnado puido comprobar de primeira man que o coidado
dos ecosistemas mariños é fundamental para a preservación do noso planeta e que
en moitas ocasións as praias e os mares acaban converténdose en auténticos
vertedeiros dos nosos refugallos.
Ante a enorme cantidade de lixo recollido, xurdiu a idea de relizar unha
clasificación e investigación do atopado. Usando os recursos da bibliolab
(tabletas), o alumnado clasificou o lixo segundo o seu tipo ou material e
investigou o tempo que tarda en degradarse na natureza. Con toda esta información,
fixemos unha exposición diante da biblioteca para compartir o aprendido co
resto do alumnado do centro.
Na última actuación puxemos en práctica novamente a aprendizaxe por servizo.
Cunha intención solidaria, o alumnado interviu novamente nas necesidades da súa
contorna para mellorala, nesta ocasión no parque da Bouza. Sendo un verdadeiro
pulmón do barrio de Coia que se atopa nas inmediacións do noso centro, fixemos
unha recollida de lixo e limpeza do parque.
No hay comentarios:
Publicar un comentario