31 ene 2026

VOLUNTARIADO: CONTO POLA PAZ

Na nosa biblioteca, a colaboración do voluntariado é fundamental. Grazas ao seu compromiso, preparan e comparten lecturas adaptadas ás diferentes idades, achegando os libros ao alumnado máis pequeno dun xeito próximo, afectivo e motivador.

Para celebrar a Semana da Paz, o voluntariado preparou unha lectura moi especial para o alumnado de 1º de Educación Primaria: "Wangari y los árboles de la Paz", escrito por Jeanette Winter e publicado por Ed. Ekaré. 

Este fermoso conto narra a vida de Wangari Maathai, unha muller africana de kenia que gañou o premio Nobel da Paz en 2004. A través dunha linguaxe sinxela e ilustracións evocadoras, o libro conta a súa inspiradora loita a través do Movemento Verde, demostrando como unha soa persoa pode motivar a miles a tomar acción en defensa do medio ambiente e da paz. 


O voluntariado, coa súa dedicación e entusiasmo, logrou transmitir a esencia da historia de Wangari, inspirando aos nenos e nenas a reflexionar sobre a importancia da paz, o respecto, a solidariedade e o coidado polo medio ambiente.

30 ene 2026

DÍA DA ILUSTRACIÓN 2026

O Día da Ilustración celébrase cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. 

Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). 

Unha xornada para recoñecer e por en valor o traballo dos profesionais da ilustración dentro da industria cultural galega e, ao mesmo tempo, para render homenaxe a un ilustrador ou ilustradora do país.

(Cartel da artista Clara Cerviño)

Na edición de 2026, o protagonista é SIRO, caricaturista, retratista, debuxante e pintor ademais destaca noutros eidos coma o do xornalismo ou o ensaio.

Máis información na seguinte ligazón:

 diadailustracion.gal

29 ene 2026

MOCHILAS TEMÁTICAS

A biblioteca pon en marcha de novo a iniciativa Mochilas Temáticas, unha proposta que xa tivo moito éxito hai dous cursos. Trátase de 12 mochilas con libros e materiais sobre temas concretos, pensadas para achegar diferentes lecturas aos fogares e compartir momentos de aprendizaxe e lecer en familia.

As familias podedes escoller entre as seguintes mochilas:

-Estimulación da linguaxe oral para Edº Infantil: para os máis pequen@s, con contos para fomentar a comunicación.

-Cociña: receitas divertidas e libros sobre alimentación saudable para desfrutar cociñando en familia.

-Creativa: ideas para dar renda solta á imaxinación e crear obras de arte.

-Científica: experimentos e libros sobre ciencia para descubrir o mundo que nos rodea.

-Mitoloxía: para descubrir lendas e seres fantásticos.

-Coidado do Planeta: libros para aprender a respectar o medio ambiente e como protexelo.

Cada mochila préstase por unha semana.


Para solicitala, debes enviar un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com, indicando: nome da mochila, curso e nome do fillo/filla.


As mochilas asignaranse por orde de solicitude e entregaránse ao voso/a fillo/filla. Rexistrarase con nº de carné da biblioteca do alumnado.


Animámosvos a participar nesta iniciativa e desfrutar en familia!

28 ene 2026

VISITA DO ARTESÁN SANÍN

O martes 27 recibimos a visita do artesán de percusión tradicional Xosé Manuel SANÍN.

O grupo de “As Cantareiras do Seis” xa traballara a unidade didáctica “Eu son artesán de percusión tradicional” e poideron coñecer a historia e o proceso de fabricación da pandeireta, un dos instrumentos máis característicos da música tradicional galega: como están feitas as ferreñas, a forma circular coa madeira, tratar a pel para despois cosela no aro da pendeireta….

Non podiamos rematar esta visita sen cantarlle unhas pezas do noso repertorio tradicional.

Grazas a Sanín e ao programa “Artesanía na escola” por facer posible esta visita xa que ten como obxectivo achegar aos escolares os oficios tradicionais e os valores da artesanía.

27 ene 2026

CINEMA POLA PAZ

Durante este mes de xaneiro, a biblioteca ofreceu sesións de cinema nas que grandes e pequenos/as puideron desfrutar da curtametraxe animada "El niño, el topo, el zorro y el caballo". Esta produción, baseada no libro de Charlie Mackesy, é gañadora dun Óscar e un Bafta Film. 

Trátase dun conto universal e inspirador para todas as idades que narra como un neno, unha toupa, un raposo e un cabalo coñécense e forxan unha amizade inesperada, profunda e inquebrantable.

Xuntos aprenden valiosas leccións:

-O que máis necesita o mundo é un pouco de amabilidade.

-O amor non necesita o extraordinario para florecer.

-Nada pode vencer a bondade.

-A  vida non ten que ser perfecta.

-Cando se xuntan nubes de tormenta, todo o que tes que facer é  seguir adiante.

26 ene 2026

EXPOSICIÓN TEMÁTICA: LECTURAS POLA PAZ

Para conmemorar o 30 de xaneiro, Día da Paz e a Non Violencia, preparamos unha exposición con recursos bibliográficos que buscan informar, investigar e reflexionar sobre a convivencia e os valores que fomentan a Paz.

25 ene 2026

XORNADA DE BIBLIOTECA CREATIVA 2026

O 28 de xaneiro asistiremos na EGAP á Xornada de Biblioteca Creativa que reunirá ás 211 persoas coordinadoras deste programa.

Inaugurará a xornada Manuel Rodríguez Calviño, abordando o valor das tecedoras como escritoras de historias, continuando con obradoiros simultáneos de escornabots, banda deseñada, colaxe, ficción dixital, creación, imprenta creativa, deseñar xogando e mapas téxtiles. Pecharán as experiencias de catro centros falando da evolución e desenvolvemento dos espazos creativos das súas bibliotecas.

PROGRAMA

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

24 ene 2026

NOVOS XOGOS NA BIBLIOLAB

Chegaron novos xogos de mesa á Bibliolab, seleccionados para ofrecer experiencias educativas e divertidas!

Os xogos de mesa estimulan diversas habilidades e fomentan o desenvolvemento persoal. Aquí tes algúns dos beneficios que podes obter xogando:


-Pensamento estratéxico: Planifica e anticipa os movementos do teu oponente.

-Socialización: Aprende a interactuar e colaborar con outros.

-Resolución de problemas: Encontra solucións creativas a desafíos complexos.

-Razoamento lóxico: Deduce e argumenta de forma coherente.

-Toma de decisións: Avalía as opcións e elixe a mellor estratexia.

-Cooperación: Traballa en equipo para alcanzar un obxectivo común.

-Comunicación: Expresa as túas ideas e escoita aos demais.


A Bibliolab enriquécese cunha nova selección de xogos de mesa deseñados para estimular a aprendizaxe e o entretemento.

22 ene 2026

VISITA DE GALICLOWN

O luns 19 de xaneiro foi un día especial para os alumnos e alumnas de 3º e 4º de Primaria. Recibimos a visita de GALICLOWN, unha asociación de pallasos de hospital que se dedican a levar alegría aos nenos e nenas ingresados. 

Os membros de Galiclown ofreceron unha charla moi interesante sobre o papel humanizador do pallaso hospitalario. Explicaron como, a través de técnicas de clown, poéticas e artísticas, poden  conectar coas emocións dos nenos e nenas enfermos/as e hospitalizados/as. 

A visita de Galiclown foi unha experiencia moi enriquecedora para o alumnado chea de emocións e aprendizaxe.

Grazas por educar en valores de solidariedade e colaboración, e por demostrarnos que o humor e a alegría son ferramentas poderosas para superar as dificultades. 

19 ene 2026

2ª XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA 6º

O xoves 15 de xaneiro, o Club de Lectura de 6º de Primaria embarcouse nunha doce aventura na Fábrica de Chocolate de Willy Wonka! A emoción era palpable mentres cada membro buscaba o seu billete dourado, o pase máxico para entrar neste mundo de fantasía.

Unha vez dentro, as nosas lectoras foron recibidas cunha exuberancia de chocolates. Degustaron sabores exóticos, descubriron recheos sorprendentes e saborearon a cremosidade do chocolate con leite e a dozura do chocolate branco. Cada bocado era unha nova experiencia, unha viaxe para os sentidos.

Pero a aventura non rematou aí! Os membros do club de lectura transformáronse en Oompa Loompas, os famosos traballadores da fábrica, coa misión de construír a súa propia casa de chocolate. A tarefa non foi fácil, xa que a tentación de probar os deliciosos ladrillos de chocolate era inmensa. Tiveron que demostrar forza de vontade para non caer no río de chocolate e ser expulsados!

A través da cooperación e o traballo en equipo, os Oompa Loompas lograron superar a proba e construír unha fermosa casa de chocolate. Compartindo ideas e materiais, demostraron que xuntas podían conseguir calquera obxectivo. A súa dedicación e espírito de equipo impresionaron a Willy Wonka, que lles permitiu levar as súas creacións para a casa!


Foi unha xuntanza marabillosa chea de risas, aprendizaxe e, por suposto, moito chocolate. Un día para recordar e celebrar a maxia da lectura e a amizade.

12 ene 2026

RETO LEGO XANEIRO

En xaneiro, a biblioteca converterase nun incrible circo máxico onde as pezas de Lego serán as grandes estrelas. No gran circo do Seis, as pezas fan piruetas e equilibrios imposibles. Veremos estruturas que lembren ao circo: torres de acróbatas desafiando a gravidade, home bala feito de bloques, a carpa, a pista, o camión circense…

Durante os recreos de xaneiro, únete á diversión na biblioteca. Axúdanos a construir este marabilloso circo de Lego e recibirás unha pegatina para a túa folla de retos. Demostra o artista que levas dentro!

8 ene 2026

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA 2026

Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2026, coas datas, efemérides e conmemoracións máis salientables sobre os libros e a lectura.

As ilustracións son obra da ilustradora Lidia Cao.

O obxectivo deste calendario é fomentar a lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade. Trátase dunha ferramenta fundamental para a dinamización cultural e para difundir figuras senlleiras e datas claves da nosa cultura.

Pretende impulsar entre a cidadanía as actividades culturais arredor das 35 principais efemérides repartidas ao longo de todos os meses do 2026 ao redor das que se organizan distintas propostas.

Entre outras conmemoracións, celebramos

-Día da Ilustración (30 de xaneiro), homenaxeando ao humorista gráfico Siro López.

-Día das Artes Galegas (1 de abril), homenaxeando ao fotógrafo José Suárez.

-Día das Letras Galegas (17 de maio) que xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

-Día da Lectura (3 de novembro), coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas.

-Día do Patrimonio Inmaterial (17 de outubro) e o Día da corrección de textos (27 de outubro) e o 22 de novembro, Día da música.

Neste ano 2026 destaca a conmemoración do Ano Oteriano tras a declaración oficial do Parlamento de Galicia co gallo de cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo figura esencial das nosas Letras. 

Preme na imaxe para acceder ao documento en pdf.