30 nov 2025

BIBLIOLAB: CIENCIA

Durante o mes de novembro, a BiblioLab centrou as súa programación na ciencia. As actividades e experimentos  tiñan por obxectivo espertar a curiosidade e aprender de forma divertida.

UN MUNDO AGOCHADO AOS TEUS OLLOS

O mundo que nos rodea é moito máis complexo e fascinante do que podemos ver a simple vista. Cunha ferramenta tan poderosa como o microscopio, ábrense as portas a un universo agochado, cheo de formas, cores e estruturas inimaxinables.

EXPERIMENTO: AUGA QUE CAMIÑA

Engadimos unhas gotas de colorantes ós vasos con auga, colocamos tiras de papel absorbente entre os vasos valeiros e cheos. Observamos como ao cabo de varios minutos mestúranse as cores formando outras novas!

EXPERIMENTO:LÍQUIDO NON NEWTONIANO

Mesturamos maicena e auga ata conseguir a textura máxica. Este tipo de mestura chámase fluído non newtoniano, porque non se comporta como un líquido normal. Cambia segundo como a toques: con forza faise sólida, e con suavidade volve ser líquida. É como maxia da ciencia!

ROBÓTICA

Vocabulario e pensamento computacional co escornabot.

MULLERES NA CIENCIA

Memory para xogar e aprender en equipo!

EXPERIMENTANDO COA SAL E A PEMENTA

Neste sinxelo experimento, exploraremos dous fascinantes conceptos científicos: A tensión superficial da auga e a electricidade estática. Usaremos ingredientes que temos na casa: sal e pementa!

BURBULLAS QUE NON ESTOUPAN E LIBROS SOBRE CIENCIA

Sopramos, facemos pompas e tentamos que rebote empregando luvas.

O HOME BALA VOADOR: CIENCIA E CIRCO EN ACCIÓN

Aprendemos sobre a forza do aire e a reacción: O aire sae cara atrás e empurra o globo (co home bala) cara adiante. Isto é acción e reacción, o mesmo principio que usan os foguetes reais.

28 nov 2025

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: HOLOGRAMAS DE ANIMAIS DE CIRCO

Ao longo do mes de novembro, o alumnado de 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro de programación moi especial, enmarcado tanto na celebración do Mes da Ciencia como no PDI O Gran Circo do Seis.


Nesta ocasión achegámonos á robótica e á programación a través de Scratch, creando pequenas animacións que logo se converteron en auténticos hologramas grazas ao uso dunha pirámide holográfica. O efecto foi sorprendente: os animais “aparecían” no aire, flotando sobre a pantalla, como se formasen parte dun espectáculo máxico.

Aproveitamos a actividade para reflexionar sobre a situación dos animais nos circos tradicionais. Falamos de que hoxe en día non está permitido o uso de animais, e coñecemos alternativas creativas e responsables: circos que empregan persoas caracterizadas, animais animatrónicos ou mesmo hologramas, como fixemos nós.

Foi unha experiencia chea de creatividade, aprendizaxe e ilusión, na que mesturamos ciencia, tecnoloxía e arte para descubrir novas formas de facer circo… sen necesidade de animais reais.


27 nov 2025

A RADIO DO SEIS: CIENCIA E 25N

Xa está aquí o terceiro programa da Radio do Seis!

Nesta nova entrega, a clase de 3ºB preparou un programa moi especial, cheo de ciencia e reflexión.

Novembro é o mes da ciencia, un momento perfecto para explorar, descubrir e aprender sobre o mundo que nos rodea. Ademais, achegámonos ao 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data clave para concienciar e promover a igualdade.


26 nov 2025

CULTURGAL 2025

Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, celebra a súa 18ª edición no Pazo da Cultura de Pontevedra do 28 ao 30 de novembro.

Un lugar de encontro entre os públicos e artistas, profesionais e institucións. Un espazo para poñer en contacto a creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Os expositores da Culturgal son o corazón e o motor da Feira.

O proxecto 'Perpetuando', desenvolvido dende o CIFP Imaxe e Son da Coruña, é o responsable da creación da imaxe do cartaz do Culturgal 2025, nunha actividade coordinada por Olaia Sendón, Ana Monteagudo e Elisa Vecino co alumnado do ciclo de Imaxe.

A proposta leva por título 'Cooltura' e quere representar unha cultura aberta, diversa e próxima.

Ademais dos expositores, haberá actividades como presentación de libros, espectáculos musicais, contacontos, obradoiros, teatro, cine, danza, videoxogos...

O horario será de 11,00h a 21,00h.

Ligazón ao Programa

https://cultur.gal/programa/

Máis información na páxina https://cultur.gal/

21 nov 2025

ATÍPICO CIRCO EN EDº FÍSICA

O xoves 20 de novembro recibimos a visita de Claudio de Atípico Circo. A través dunha serie de sesións lúdicas e educativas na área de Educación Física, o circo achegou a maxia e a aprendizaxe a diferentes grupos ao longo da xornada.

O obxectivo principal desta iniciativa foi o desenvolvemento de habilidades motrices fundamentais a través de actividades inspiradas no mundo do circo. 

Claudio, empregou unha metodoloxía de traballo por circuitos e rotación en estacións, fomentando así a autonomía e a aprendizaxe experimental entre o alumnado.

A proposta organizouse en dous espazos diferenciados para abordar distintas capacidades:

-Zona de Equilibrio: Esta zona centrouse en actividades que desafiaban o equilibrio, como: Pedaló, Rulo con prancha de equilibrio, Barril, Bala do mundo.

Estas probas esixían un axuste constante do centro de gravidade, potenciando a propiocepción e a seguridade postural.

-Zona de HabilidadesEsta área orientouse ao desenvolvemento da coordinación óculo-manual e a destreza, con actividades: Flowerstick, Catapulta (precisión de lanzamento), Panos de cores (iniciación a malabares), Diábolo.

Máis aló do desenvolvemento de habilidades motrices e coordinación, esta xornada tamén fomentou a autoconfianza e o desenvolvemento de valores sociais esenciais, como o respecto e a cooperación. A actividade física integrouse nun contexto lúdico e altamente motivador.

19 nov 2025

III ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA

O pasado luns 17 de novembro, o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao converteuse na pista dun circo de palabras, acollendo ao Club de Lectura do Seis do Nadal nun encontro inesquecible co mago das letras, o escritor Pere Tobaruela, autor da obra “Formigas. Misión Samaín”.

A dinámica do encontro foi enriquecedora e interactiva. Pere Tobaruela compartiu a súa traxectoria como escritor prolífico, con máis de 70 libros publicados. Revelou que clásicos como “Alicia en el País de las Maravillas” serviron de inspiración para a súa obra. Destacou a importancia de coñecer as nosas tradicións a través da narrativa e da banda deseñada, e a presenza de seres mitolóxicos nas súas historias.


Pere Tobaruela comentounos unha nova aventura das formigas na que está traballando, desta vez inmersas no mundo da intelixencia artificial. Unha historia que promete acción, misterio e moitas preguntas sobre o futuro que nos agarda!

O diálogo co autor, coma un malabarista de ideas, foi un dos momentos máis enriquecedores do encontro. Os nenos e nenas, aproveitaron para facerlle preguntas sobre a súa obra, a súa inspiración e o proceso creativo.


Tras as preguntas, asinou un exemplar para cada centro. Entregamos ao alumnado  dous agasallos feitos con moito agarimo: marcapáxinas, colgante en forma de cabaza (impresora 3D) e para Pere, unha bolsa.

Grazas Pere, por compartir a túa maxia connosco e por inspirar aos nosos nenos e nenas a soñar, a imaxinar e a amar a lectura.

18 nov 2025

"CIENCIA E CIRCO" CON ARENARIA

Os días 13 e 14 de novembro, o alumnado participou nunha experiencia moi enriquecedora coa charla “Ciencia e Circo”, impartida por María e David de Arenaria Coordinación. A través de varias sesións diámicas e interactivas, descubriron a ciencia agochada detrás do mundo do circo.

A través da experimentación práctica, o alumnado explorou os principios científicos que sustentan as habilidades dos artistas circenses. Algunhas das áreas que investigaron inclúen:

-A física do equilibrio: Como os equilibristas desafían a gravidade.

-A enerxía e o trapecio: A forza necesaria e a física do movemento.

-A elasticidade e os saltos: A ciencia detrás das acrobacias.

-A luz e a maxia: Os trucos de maxia e a ciencia da percepción.

Descubriron que conceptos como forza, enerxía, equilibrio e ritmo non son só elementos artísticos, senón tamén principios científicos fundamentais. Detrás de cada malabarista, equilibrista, acróbata ou mago, hai leis da natureza en acción. 

Estas dúas xornadas foron unha combinación perfecta de aprendizaxe e diversión. O alumnado non só ampliou os seus coñecementos científicos, senón que tamén experimentou o asombro e a emoción do mundo do circo. A experiencia axudoulles a conectar a teoría coa práctica e a ver a ciencia dunha forma máis accesible e atractiva. Grazas María e David!

17 nov 2025

EXPOSICIÓN TEMÁTICA: CIENCIA

Co gallo do Mes da Ciencia, queremos compartir unha selección de lecturas de textos de carácter científico, divulgativo así como literarios que tratan temas relacionados coa ciencia.

A ciencia é fundamental para comprender o mundo que nos rodea e fomentar a curiosidade e o pensamento crítico.

Animámosvos a explorar o fascinante mundo da ciencia a través da lectura. Estas lecturas son soamente o comezo; hai un universo de coñecemento esperando a ser descuberto. Leamos, aprendamos e celebremos a ciencia en galego!

Guía de Lecturas Ciencia de Biblioteca Seis do Nadal

16 nov 2025

MAGOSTO NA RADIO DO SEIS

O alumnado de 6º A de Primaria e 6º C de Educación Infantil embarcáronse nun emocionante proxecto de investigación sobre o Magosto. O obxectivo principal era que coñecesen de primeira man como se vive esta celebración na súa contorna máis próxima, aprendendo sobre as súas orixes, costumes e significado.

Saíron ás rúas de Coia para entrevistar aos veciños/veciñas. Durante as entrevistas realizaron preguntas para obter información sobre o Magosto. A experiencia permitiu ao alumnado conectar coa súa comunidade e valorar o patrimonio cultural do seu barrio.

No podcast, relatan as súas vivencias nas rúas de Coia, comparten as entrevistas que realizaron e explican o que aprenderon sobre o Magosto. Foi unha ferramenta para compartir o coñecemento adquirido e desenvolver habilidades de comunicación, traballo en equipo e creatividade.


Agardamos que o desfrutedes!!!


15 nov 2025

XUNTANZA DOS CLUBS DE LECTURA

Os Clubs de Lectura de 5º e 6º de Primaria xa están listos para despegar cara a novos horizontes literarios, cheos de descubrimentos, emocións e moita diversión. Preparádevos para descubrir novos autores/autoras, compartir opinións e vivir a maxia da lectura en comunidade.

O martes 4 de novembro, o Club de 5º reuniuse con entusiasmo para mergullarse no libro “Formigas. Misión Samaín” de Pere Tobaruela. As ideas floreceron e a creatividade desbordou! Para celebrar esta fantástica lectura, organizáronse tres actividades súper divertidas:


-Un mémori: Para poñer a proba a nosa memoria con personaxes e momentos clave.

-Quen é quen?: Un desafío para adiviñar os protagonistas e as súas características.

-Taboleiro de preguntas: Unha oportunidade para demostrar todo o que aprendemos e reflexionar sobre a historia.

O xoves 6 de novembro, o Club de 6º tamén se sumerxiu nas aventuras de "Formigas. Misión Samaín". Nesta ocasión, localizamos en google maps os distintos lugares nos que se desenvolve a historia e a súa vinculación co libro "Alicia en el país de las Maravillas" de Lewis Carroll.


O xoves 13 de novembro, reunímonos todos e todas para preparar o encontro literario moi especial co autor, Pere Tobaruela, no Ceip Alfonso Daniel Rodríguez Castelao! Que sorte terán de coñecelo e facerlle todas as preguntas que xurdiron ao ler o libro. Será unha experiencia inesquecible!

Este ano, cada páxina será un novo truco, cada capítulo unha acrobacia e cada libro, unha función inesquecible! Agardamos que desfrutedes desta aventura circense chea de libros, risas e moita, moita maxia. Que comece o espectáculo da lectura!

14 nov 2025

PREMIADOS NO CERTAME "AS IMAXES DO PATRIMONIO"

Hoxe 14 de novembro, as clases de 4º de Primaria asistiron a un evento moi especial: a entrega de premios do  8º Certame de fotografía "As imaxes do patrimonio" Inmaterial Galego-Portugués, convocado pola Asociación cultural e pedagóxica  Ponte...nas ondas!. 

A gala tivo lugar no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo.

O noso centro participou neste certame con varias imaxes, proporcionadas polas familias da nosa comunidade educativa.

Na categoría de Ensino Primario, recibimos un accésit coa imaxe “Día da labranza”, de Diego Mingotes.

Lingua, danza e música uniron a escolas galegas e portuguesas na gran festa do Día Internacional do Patrimonio.

Esta iniciativa é unha fermosa maneira de preservar a riqueza do noso patrimonio, transmitindo historias, coñecementos e tradicións ás novas xeracións. As familias xogan un papel fundamental para manter viva a nosa identidade e cultura. Queremos agradecer a colaboración das familias!!!

Tedes máis información de como foi a xornada (vídeos e fotos) na seguinte ligazón

https://pontenasondas.org/lingua-danza-e-musica-unen-a-escolas-galegas-e-portuguesas-na-gran-festa-do-dia-internacional-do-patrimonio/

13 nov 2025

XORNADA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2025

O sábado 15 de novembro asistiremos a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2025.

Daranse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Biblioteca escolar + Deseño = Viaxe á creatividade".

Unha xuntanza que falará de competencia e prácticas lectoras, libros, deseño, a colección, a planificación do traballo nas nosas bibliotecas, a alfabetización informacional...

Será, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.

Programa

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

12 nov 2025

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: SAMAÍN LUMINOSO

Nas últimas semanas, o alumnado de 5º de Primaria mergullouse no mundo da programación desenchufada a través dunha actividade tan creativa como máxica. Convertéronse en programadores empregando o PIXEL ART, a técnica coa que os ordenadores compoñen imaxes a partir de pequenos cadrados.

A partir dunha grella e dun código numérico, cada estudante tivo que traducir as instrucións para dar vida a catro figuras do Samaín: unha cabaza, un gato negro, un morcego e unha caveira. Igual que nun programa informático, seguiron secuencias, localizaron posibles erros e transformaron o código en imaxes.

Co traballo rematado, chegou a parte máis emocionante: recortar, dobrar e montar un cubo de papel, que finalmente se converteu nunha lanterna personalizada. Engadindo unha pequena luz no seu interior, cada cubo iluminou a aula cun ambiente especial.

Máis alá da creación artística, o alumnado practicou o pensamento computacional desenchufado, o seguimento de instrucións, a precisión e a resolución de problemas.

Foi un Samaín diferente, tecnolóxico e luminoso, que encheu a aula de imaxinación… e de código.

11 nov 2025

O MAGOSTO DO SEIS

O martes 11 de novembro, día de San Martiño, o noso cole converteuse na carpa máis divertida da cidade para celebrar o incrible Magosto do Seis! A pesar de que o tempo quixo facernos unha mala pasada, a nosa alegría e enerxía foron máis fortes que calquera nube.

A mañá comezou con xogos tradicionais que fixeron as delicias de todos e todas. Foi como estar nun auténtico circo de outono! Contamos con números incribles como o comecastañas. Tamén vivimos a emoción do relevo de castañas, a precisión dos trompos bailadores e a diversión sen límites do brincacastañas. Non faltaron os tres pés e a sempre emocionante castaña ardente. 

Mentres tanto, as mestras asaban as castañas. O aroma que saía do asador era pura maxia anunciando o momento máis esperado: a degustación: E que dicir das castañas? estaban boísimasss! Tanto que non puidemos resisitir a tentación de tiznarnos un pouco, como verdadeiros artistas de circo despois dunha gran actuación. 

Para rematar este grandioso espectáculo, a música tomou o escenario, contaxiando a tod@s co seu ritmo.

As familias, coma auténticos artistas de circo, crearon marabillosas manualidades con castañas. Colares, diademas, cadros... que foron expostos no vestíbulo do centro.

O Magosto do Seis foi unha xornada máxica, chea de risas, xogos e música!

7 nov 2025

RETOS CREATIVOS MENSUAIS

Preparádevos para un novembro cheo de emoción, sorpresa e moita creatividade. Presentamos...

OS RETOS MENSUAIS

Cada mes, un novo desafío, unha nova aventura, un novo material para descubrir e dar renda solta á túa imaxinación. Este novembro, imos... Construir!

O material estrela: KAPLA!

Acepta o reto e demostra a túa habilidade! Con Kapla, imos erguer a maior carpa de circo xamais vista! Unha carpa chea de maxia, cor e fantasía creada polas vosas mans.


Como participar?


É sinxelo! Só tes que achegarte á biblioteca durante os recreos de novembro e unirte á diversión. Traballa en equipo, comparte ideas e... Que comece o espectáculo!!!