29 oct 2025

CINE DE SAMAÍN

Este Outubro, a biblioteca converteuse nun espazo de encontro e diversión, onde o cine e a lectura se fusionaron para crear experiencias motivadoras.


O venres 24, o alumnado de 2º a 6º de Primaria disfrutou dunha emocionante sesión de cine chea de medo e risas coa película "Scooby-Doo". A biblioteca tinguiuse de misterio e tod@s axudaron a resolver o caso!

O luns 27, a biblioteca acolleu unha sesión especial de Samaín protagonizada polos "Bolechas", dirixida aos máis pequenos e pequenas de Edº Infantil e 1º de Primaria. O ambiente encheuse de medo divertido!.

Cada alumno/alumna recibiu unha entrada especial para as sesións de cine. Pero as entradas escondían un segredo! Incluían un código QR que permitía ver as curtas na casa, prolongando a diversión máis aló da biblioteca. A maxia do cine continuaba en cada fogar!

As sesións de Cine na Biblio de outubro foron un éxito! Unha oportunidade para celebrar o mes das bibliotecas, fomentar a lectura, o visionado de contido audiovisual, e crear momentos de diversión e convivencia.

28 oct 2025

EXPOSICIÓN TEMÁTICA DE SAMAÍN

O Equipo de Biblioteca, coa chegada do Samaín, preparou unha selección de fondos bibliográficos que che farán tremer de emoción. Pantasmas, bruxas, cabazas encantadas e outras criaturas da noite agardan por ti entre os nosos andeis.

Sumérxete nunha atmosfera de misterio e descubre a nosa exposición temática de Samaín. Libros e contos de medo... todo o que necesitas para vivir un Samaín inesquecible!!!

Ademais, incorporamos novidades ao noso catálogo. Non perdas a oportunidade de ser o primeiro/a en desvelar os segredos que agochan estes novos libros. 

A Biblioteca énchese de maxia e misterio para celebrar o Samaín. Non faltes á nosa exposición e atrévete a descubrir as historias máis arrepiantes.


A nosa Guía de recomendacións para estas datas:

Guía de Lecturas Samaín 2025 de Biblioteca Seis do Nadal

27 oct 2025

LECTURAS ÁS ESCURAS

Prepara o teu espírito aventureiro, porque o 30 de outubro, imos celebrar a Hora de Ler ás escuras!!!

Imaxina un espazo envolto na penumbra, onde cada libro se transforma nun tesouro escondido. Cada personaxe, nun misterio por resolver. As palabras, como constelacións, brillarán con forza entre as páxinas.

Para esta viaxe máxica, non esquezas a túa lanterna. Será a túa guía, o faro que ilumine os camiños da imaxinación. Co seu feixe de luz, desvelarás segredos, vivirás aventuras e sentirás a emoción de cada historia coma se fose túa.

Unha experiencia de lectura única e emocionante! Pasarémolo de medooo…lendooo!!!!

26 oct 2025

SEMANA DE SAMAÍN

Durante a semana do 27 ao 30 de outubro celebraremos o SAMAÍN cunha programación chea de actividades pensadas para desfrutar, aprender e compartir tradicións.

Ao longo destes días haberá lecturas de contos de medo,  exposicións de cabazas decoradas, sesións de contacontos, proxeccións de cine... 

25 oct 2025

MOCHILAS VIAXEIRAS

Un curso máis, as Mochilas Viaxeiras iniciaron a súa viaxe. 20 mochilas, coma acróbatas expertas, voarán de fogar en fogar, levando consigo un universo de posibilidades. Preparádevos para ser os/as protagonistas dun espectáculo único, onde a maxia dos libros cobra vida nas vosas casas.

Dentro de cada mochila atoparedes:

-Unha carta explicando o seu funcionamento e un listado do material.

-O Caderno Viaxeiro, o noso particular diario de abordo. Invitámosvos a encherme de cores, palabras, impresións, suxestións e debuxos. Contádenos que vos pareceu o contido da mochila, que vos inspirou, que vos fixo sorrir.

-Un truco de maxia para sorprender e divertirse en familia.

Como mestr@s de cerimonia desta marabillosa función, a vosa participación é esencial para o éxito da Mochila Viaxeira. 

Lembrade, a puntualidade é fundamental para que a función continúe sen interrupcións. Tratar a mochila e o seu contido con agarimo, coma se fosen obxectos máxicos. E, sobre todo, desfrutar de cada instante, de cada palabra, de cada sorriso compartido. A maxia reside na conexión familiar e no amor pola lectura.

Grazas por formar parte desta aventura. Xunt@s, faremos da Mochila Viaxeira un espectáculo inesquecible!  

24 oct 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2025

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administración autonómicas.

A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2025. 

O lema deste ano, “Contra a desinformación: bibliotecas”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.

As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas. 

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de actividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 2030 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas debe quedar atrás.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que pon en contacto con ese outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

23 oct 2025

XOGAMOS EN FAMILIA

A biblioteca encheuse de vida e alegría na tarde do mércores 22 cos xogos de mesa. As familias reuníronse para mergullarse no mundo da maxia dos xogos.

Dende o momento en que se abriron as primeiras caixas de xogos, o aire encheuse de risas. Cada xogo converteuse nunha oportunidade para o diálogo, para aprender uns dos outros e para fortalecer os lazos familiares.

A través dos xogos transmitimos valores importantes aos nosos fillos/fillas: o respecto polas regras, a tolerancia á frustración, a importancia do traballo en equipo e a satisfacción de acadar obxectivos.

As emocións estiveron presentes en cada momento da tarde. Eses momentos de intensidade emocional son os que fan que unha tarde de xogos sexa memorable e que os nenos/nenas (e os adultos) queiran repetir a experiencia.

Queremos expresar o noso agradecemento a todas as familias que participaron nesta marabillosa tarde de xogos na biblioteca!!!

22 oct 2025

HISTORIAS CO BARDO ABELARDO

A Semana da Biblioteca é un momento especial para celebrar a importancia da lectura e da aprendizaxe na nosa escola. Este ano, contamos coa presenza do músico e contador de historias, Servando Barreiro, coñecido como o Bardo Abelardo!.

O mércores 22 de outubro, a biblioteca da escola transformouse nun escenario máxico. Os nenos e nenas de Edº Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria, reuníronse con ilusión para desfrutar dunha actuación chea de música e historias.

21 oct 2025

A MAXIA DA VENDIMA

O martes 21 de outubro, o colexio vestiuse de outono e tradición para celebrar "A vendima" que nos conecta coa terra e co traballo das nosas mans.  Os máis pequenos/as, os grupos de infantil, e os seus padriños e madriñas de primaria, uníronse nunha actividade chea de sensibilidade e aprendizaxe.

Antes de sentir o doce zume das uvas baixo os seus pés, os nenos e nenas exploraron o mundo da vendima nas aulas. En quendas, mergullámonos nunha experiencia sensorial e manipulativa.

A profe Puri, guiounos a través da tradición, os materiais e o proceso de elaboración do viño.

Coas tesoiras nas mans e o corazón cheo de ilusión, os pequenos/as vendimadores/as cortaron os acios da parra. Despois, pisaron as uvas, sentindo a explosión de sabores e aromas que enchían o aire de ledicia.

Unha mañá para celebrar a tradición, o traballo en equipo e a alegría de aprender xuntos para crear un recordo inesquecible.

Esta actividade foi unha homenaxe ás nosas raíces, unha forma de manter viva a nosa cultura e de transmitir aos máis novos o valor do traballo, da natureza e da comunidade. 

19 oct 2025

SEMANA DA BIBLIOTECA

Benvidos e benvidas ao maior espectáculo do ano! A Semana da Biblioteca, do 20 ao 24 de outubro, chega cargada de imaxinación, lectura e comunidade!

A nosa  Mochila Viaxeira é unha maleta chea de ilusión!!! Como un circo ambulante en miniatura, viaxa de casa en casa, sementando historias, risas e momentos máxicos en cada parada. Non perdas a oportunidade de recibila no teu fogar e descubrir os tesouros que garda!!.

O mércores 22 de outubro, prepárense para a gran función! Da man do Consorcio Editorial Galego, o noso mestre de cerimonias, o contacontos Servando Barreiro, guiaravos a través dun espectáculo de palabras, música e soños. 

Pola tarde, as familias convértense nas estrelas do noso circo! Participarán nunha tarde de xogos de mesa, onde a maxia e a alegría serán os ingredientes principais.


Achégate á biblioteca e déixate sorprender!

18 oct 2025

MAXIA E LITERATURA CO MAGO ÓSCAR

O venres 17 de outubro, o noso centro converteuse nun escenario de maxia e ilusión grazas ao incrible Mago Óscar (Magia en la Manga). Un evento que marcou o inicio das actividades do PDI dun xeito inesquecible. 

En dúas sesións que cautivaron a pequenos/pequenas e maiores, o mago Oscar presentou “A ilusión de ler”, un espectáculo onde a maxia e a literatura van da man. Con diferentes elementos, un libro, xogos de cartas, unha mesa, un pañuelo, transportounos a mundos fantásticos inspirados en grandes obras da literatura.

As cartas semellaban bailar entre a realidade e a ficción (A historia Interminable de Michael Ende), mentres que versos de Manuel Antonio e Gloria Fuertes creaban unha atmósfera máxica. Os poemas, coma se fosen susurros no aire, e a mesa levitando evocando a fantasía de Peter Pan, transportáronnos a un mundo de ilusión. 

O alumnado non foi un mero espectador/espectadora, senón que participou activamente en cada truco, converténdose en parte esencial da maxia. A sorpresa, o asombro e as risas foron a banda sonora dunha xornada inesquecible. Grazas Oscar!!!

17 oct 2025

VIAXE Á CREATIVIDADE

Un curso máis abrímoslle a porta á creatividade nas bibliotecas escolares, deste volta a través do DESEÑO.

O deseño que acompaña desde o inicio a comunicación escrita, que é orixe de tipografías, logotipos e páxinas, que consegue achegar a información da maneira máis impactante ou máis sutil. 

O deseño gráfico que atopamos desde a orixe dos tempos da escrita e que hoxe en día se espalla a través de aplicativos dixitais.

Unha oportunidade para crear desde as bibliotecas do hoxe e do futuro, tecendo desde a nosa propia historia, coas referencias imprescidibles das editoriais Nós ou Castrelos, do Laboratorio de Formas e Ediciós do Castro… e de mestres do cartelismo como Xosé Vizoso.

Propoñemos mirar os libros desde a súa orixe, coñecer o proceso da edición, da composición, da escolla de tipos, papeis, cubertas e encadernacións, da revisión da maqueta e da difusión… e coñecer as persoas que forman parte dese mundo da edición e do deseño gráfico. Deseño gráfico que tamén trascende do mundo do libro e está presente na publicidade, a prensa, as etiquetas, as marcas corporativas… e en tantos outros ámbitos da nosa vida cotiá.

O cartel que Desescribir nos ofrece para este curso é unha porta aberta a esa creatividade a partir da raíz: o alfabeto e as infinitas posibilidades que permite a partir dunha sinxela pauta. Sumémoslle deseño ás bibliotecas escolares e enrolémonos nesta viaxe á creatividade! 

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

16 oct 2025

TARDE DE XOGOS EN FAMILIA

Coincidindo coa Semana da Biblioteca, convidamos ás familias a desfrutar dunha tarde de Xogos de Mesa

O mércores 22 de outubro non perdades a oportunidade de aprender xuntos e pasar un bo rato en familia de forma divertida e diferente.

O profesorado do Equipo de Biblioteca é o encargado de organizar esta xornada.

Para que ninguén se perda este evento, organizamos a tarde en dous grupos:


-16:00h: Familias de Infantil, 1º e 2º de Primaria.

-17:00h: Familias de 3º a 6º de Primaria.


Deixade que a maxia dos xogos vos envolva e gocedes de momentos inesquecibles!! 


Animádevos a vir!

14 oct 2025

OBRADOIRO DE RADIO CON DAMIÁN ALONSO

O xoves 9 de outubro, tivemos o pracer de recibir novamente a Damián Alonso, actor de dobraxe e formador de Ponte...nas ondas! na nosa escola. Damián impartiu un obradoiro de teatro radiofónico ao alumnado de 4º EP, unha xornada chea de aprendizaxe e diversión.

Durante o obradoiro, Damián guiounos a través de diversas  técnicas esenciais para a radio:


--Dicción: Articular as palabras con claridade.

--Entoación: Modular a voz para transmitir emocións.

--Narración oral: Contar historias de maneira atractiva e cativadora.


Os alumnos e alumnas participaron activamente, demostrando un gran interese e entusiasmo.

Despois de aprender as técnicas básicas, chegou o momento de poñer en práctica o aprendido. O alumnado dividiuse en grupos e cada grupo tivo a oportunidade de crear o seu propio conto.

Foi incrible ver a creatividade en acción! Ideáronse contos orixinais e divertidos. Tras escribir os guións, cada grupo ensaiou e, finalmente, gravamos os nosos propios programas de radio.

Foi unha experiencia moi enriquecedora e desfrutamos moito escoitando as nosas creacións. Moitas grazas Damián!!!

12 oct 2025

A ILUSIÓN DE LER

O vindeiro venres 17 de outubro contaremos coa presenza da compañía viguesa “Magia en la Manga” que realizará un espectáculo de maxia e animación á lectura, “A ilusión de ler”. 

Acompañaremos ao mago Oscar nunha aventura máxica polo universo dos libros e comprobaremos que a verdadeira maxia está agochada nas súas páxinas, onde os personaxes cobran vida e as historias convértense en asombrosos trucos de ilusionismo.

10 oct 2025

DÍA DAS ESCRITORAS 2025

O DÍA DAS ESCRITORAS é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, asociación  para a igualdade de mulleres e homes na cultura. Ademais, contará coa colaboración da Asociación Colexial de Escritoras e Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. 

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 16 de outubro. A X Edición celébrase este ano 2025 o 13 de outubro baixo o lema

“1975: Escribide, compañeiras!”

"As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo".

Anna Caballé, comisaria de la X edición del Día de las Escritoras

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Na selección de textos en galego a transcrición dos distintos fragmentos decidiuse manter a ortografía da escrita orixinal previa ás convencións derivadas das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego de 1983. Alén de ser unha mostra da literatura do momento, é tamén un reflexo das dificultades que comportaba escribir nunha lingua que carecía dunhas normas ortográficas e morfolóxicas estables.

Vaia con esta escolma o noso agradecemento e recoñecemento a estas dez autoras, mulleres que nos anos 70 publicaron en galego, pola súa obra e o seu compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura. 

Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visibilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras25

SELECCIÓN DE TEXTOS EN GALEGO

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES