19 dic 2025

OBRADOIRO DE POLOS CREATIVOS POLO NADAL

Neste mes de decembro, coincidindo coa chegada do Nadal, o alumnado de Educación Primaria mergullouse nunha experiencia creativa moi especial nos Polos Creativos.

En colaboración co profesorado de Plástica Bilingüe, os diferentes niveis de primaria implicáronse activamente na creación das decoracións para ambientar o ximnasio de cara ao festival de Nadal. Primeiro preparamos as siluetas coa cortadora láser, e máis tarde, nun traballo totalmente colaborativo, a rapazada dedicouse a pintar cada adorno, enchendo o espazo de cor, creatividade e espírito festivo.

Ao mesmo tempo, o alumnado de 5º de Primaria participou nun obradoiro de deseño 3D empregando o programa Doodle3D, onde puido crear dende cero a súa propia bola de Nadal personalizada co seu nome, experimentando co deseño volumétrico e descubrindo as posibilidades desta ferramenta.

Nesta Nadal os Polos Creativos convertéronse nun lugar para experimentar, aprender e crear xuntos.

18 dic 2025

BIBLIOLAB: ADORNOS DE NADAL

Durante o mes de decembro, a BiblioLab transformouse nun obradoiro de creatividade sostible. A programación estivo enfocada na reutilización de materiais para a creación de adornos de Nadal.

MADEIRA

Decoramos árbores usando lá de diversas cores e gomets. Deixamos voar a nosa imaxinación e pintamos  paus. Cada pau decorado contou unha historia diferente, reflectindo a creatividade.

ESTAMPAMOS A PAISAXE NAVIDEÑA

Empregando materiais variados creamos paisaxes navideñas cheas de cor e detalles. Esta actividade permitiu experimentar con diferentes texturas e técnicas para crear representacións únicas da época navideña.

PAPIROFLEXIA

A arte da papiroflexia cobrou vida ao dobrar papel para crear diversas figuras de Nadal. Unha oportunidade para aprender e divertirse.

CASIÑAS DE CARTÓN

Usando rolos de papel e cartón, crearon pequenas casiñas de Nadal, decorándoas con branco e detalles. Estas casiñas engadiron un toque máxico e artesanal á decoración navideña.

POSTAIS DE NADAL CON COLLAGE

Empregando a técnica do collage, creamos postais de Nadal personalizadas con recortes, tecidos e outros materiais. Cada postal foi unha expresión única de creatividade e un xeito especial de enviar os mellores desexos navideños.

PAPIROFLEXIA CON LIBROS DE EXPURGO

Unha iniciativa creativa e sostible onde se reutilizaron libros de expurgo para crear árbores de Nadal. Esta actividade promove a conciencia ambiental e a reutilización de materiais, demostrando que a creatividade pode ser respectuosa co planeta.

17 dic 2025

GUÍA DE LECTURAS NADAL 2025

Presentamos a nosa Guía de Lecturas cos libros que traballaremos despois das vacacións de Nadal. Os autores e autoras visitarán as nosas aulas para compartir a súa paixón pola lectura con todos nós. Teremos a oportunidade de charlar con eles/elas, facerlles preguntas e coñecer de primeira man os segredos que agochan as súas historias.

Tamén incluimos recomendacións de libros e xogos para descubrir, aprender e gozar en familia.

Animádevos a mercar os libros e xogos nas librarías da zona. Ao facelo, estades apoiando o comercio de proximidade, que contribúe a manter viva a nosa comunidade e ofrece un trato personalizado e un asesoramento experto. 

Neste Nadal circense agasalla libros e xogos!!!

Guía de Lecturas Nadal 2025 de Biblioteca Seis do Nadal

16 dic 2025

CINEMA DE NADAL

O venres 12 de decembro, durante a hora do recreo, a biblioteca do centro encheuse de maxia coa primeira sesión de Nadal dirixida ao alumnado de 2º a 6º de Primaria. 

Nesta ocasión proxectouse "O Nadal de Charlie Brown", o primeiro especial de televisión de animación baseada na coñecida tira cómica Peanuts de Charles M. Schulz. O guión foi escrito polo propio Schulz e a dirección correu a cargo de Bill Melendez. A súa estrea tivo lugar o 9 de decembro de 1965 na cadea estadounidense CBS, e foi seguida por máis de 15 millóns de espectadores, converténdose nun clásico instantáneo da televisión. A proxección permitiu que Carlitos, os seus amigos e o inseparable can Snoopy traspasasen o papel dos xornais para chegar á pantalla, que naquel momento representaba a última tecnoloxía audiovisual.

O luns 15 de decembro foi a quenda dos máis pequenos, o alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria. 

Nesta segunda sesión proxectouse "Pete o gato, un aninovo xenial", unha historia baseada no libro infantil número un na lista de exitos de vendas do New York Times. A película narra as aventuras de Pete, un gato simpático e curioso que tenta descubrir cal pode ser o seu propósito de Aninovo. No medio da súa procura, esquece convidar aos seus amigos á festa que organiza na súa casa, pero finalmente comprende que o máis importante é compartir os momentos especiais con aqueles que se queren. Cando a festa comeza e a conta atrás para o novo ano se achega, Pete entende que un propósito de Aninovo é algo que fai feliz e decide propoñerse un propio. Durante a sesión, as nenas e nenos cantaron, bailaron e participaron con entusiasmo.

Con estas dúas xornadas, a biblioteca consolidouse como un espazo vivo, dinámico e aberto á cultura, onde o cinema, a literatura e a aprendizaxe se dan a man. 

O espírito do Nadal estivo moi presente, enchendo cada recuncho de ilusión e lembrando que, máis alá dos agasallos, o verdadeiro valor destas datas está nas emocións compartidas e nos momentos vividos en comunidade.

15 dic 2025

LIBROS SOBRE O PDI: O CIRCO

Como xa sabedes, este curso o noso Proxecto Documental Integrado (PDI) xira en torno ao fascinante mundo do Circo!

Para apoiar e enriquecer este tema, dende a biblioteca adquirimos unha selección de fondos bibliográficos relacionados co circo. Atoparedes libros, contos e outros materiais que exploran a historia, os personaxes, as técnicas e a cultura circense.

Todos estes materiais están expostos nun recanto dedicado ao circo. Este espazo está decorado cun mural temático para que vos sintades inmersos na maxia do circo desde o primeiro momento!

14 dic 2025

COLABORACIÓN E CREATIVIDADE CON KAPLA

A biblioteca converteuse nun auténtico circo de ideas grazas aos Retos Kapla. Durante os recreos, o alumnado transformou bloques de madeira en espectaculares estruturas, demostrando unha enorme creatividade e un espírito de colaboración. A participación foi masiva.

Os retos, inspirados no mundo do circo, puxeron a proba a imaxinación do alumnado.

Os Retos Kapla circenses non só foron unha actividade divertida, senón que tamén tiveron un impacto positivo na convivencia e na creatividade do alumnado. A través do xogo e da colaboración, aprenderon a resolver problemas xuntos, a respectar as ideas dos demais e a desenvolver o seu potencial creativo. A biblioteca converteuse nun espazo de aprendizaxe dinámico e enriquecedor.

12 dic 2025

2ª XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA DE 5º

O xoves 9 de decembro, o Club de Lectura de 5º de Primaria reuniuse para comentar o seu segundo libro: "A Señorita Bubble. Baixo cero". A xuntanza estivo chea de risas, participación e boas lecturas. Realizáronse diversas actividades para dinamizar e explorar a historia e os seus personaxes.

Compartimos as nosas opinións sobre a trama, os lugares máis emocionantes e os personaxes máis memorables. Debatimos sobre as motivacións da Señorita Bubble e os desafíos que enfrentou na súa aventura. Cada membro do club expresou a súa perspectiva, enriquecendo a comprensión colectiva da obra. 

Un dos momentos máis divertidos foi o xogo de preguntas. Cada resposta correcta achegábanos unha peza do puzzle da portada do libro. A medida que avanzábamos, a imaxe ía tomando forma, creando un ambiente de colaboración e entusiasmo. 

A reunión do club de lectura foi un éxito rotundo. Reforzamos o noso amor pola lectura, compartimos ideas e experiencias, e pasámolo xenial. Agardamos con ilusión a nosa próxima aventura literaria!

11 dic 2025

UN NADAL DE CONTOS

O Equipo de Biblioteca preparou unha selección de fondos bibliográficos para estas datas. Coñece historias, contos e personaxes máxicos do Nadal. Descubre as aventuras do Apalpador, a maxestuosidade dos Reis Magos, a ledicia de Papa Noel e a ilusión dos agasallos. 

Non perdas esta exposición chea de maxia! Ven á Biblioteca e déixate envolver pola atmosfera máxica do Nadal!

10 dic 2025

A RADIO DO SEIS: DISCAPACIDADE E NADAL

A Radio do Seis volve aos vosos oídos cun novo e emocionante programa preparado pola clase de 5ºB.

Neste programa, viaxaremos a través da música e da información para conmemorar dúas datas moi importantes: 


-O Día Internacional das Persoas con DisCAPACIDADE, unha xornada para reflexionar e promover a inclusión e o respecto. 


- O Nadal, un tempo máxico cheo de ilusión, con propostas para desfrutalo en Vigo.

Desfrutade desta nova entrega!!!

4 dic 2025

VISITA POLO DÍA MUNDIAL DA DISCAPACIDADE

Con motivo do Día Mundial da Discapacidade, o alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu a visita de Lucía, mestra da Escola Oficial de Idiomas e persoa con discapacidade visual, que compartiu connosco a súa experiencia e a súa maneira de entender o mundo. Comezou explicando que, ao longo dos anos, os termos foron cambiando e que actualmente a palabra correcta e respectuosa a empregar é discapacidade. Tamén falou dos distintos tipos de cegueira —total ou baixa visión— e lembrou que o Braille é un sistema de escritura, non un idioma.

Compartiu as barreiras que atopa a diario: o uso dun mando para activar os semáforos acústicos, as terrazas con cadeiras polo medio da rúa que dificultan o paso, as motos pegadas ás paredes, as dificultades nos supermercados a pesar dos programas que len prezos e, por último, as webs que non sempre son accesibles.

Para rematar, propuxo unha dinámica de empatía colocando un anteface, que permitiu ao alumnado poñerse por un intre na súa pel e comprender mellor os retos que afronta cada día.

A visita de Lucía resultou unha experiencia enriquecedora que nos axudou a mirar a realidade con máis respecto e sensibilidade.

2 dic 2025

LECTURA E DIVERSIDADE

O 3 de decembro conmemoramos o Día Internacional das Persoas con disCAPACIDADE. A biblioteca únese a esta celebración fomentando a inclusión e o respecto pola diversidade.

Preparamos unha selección de lecturas que exploran temas de empatía, convivencia, diversidade e o respecto polas diferenzas. Xunt@s, podemos construir un mundo máis xusto, respectuoso e inclusivo.

Lecturas e diversidade de Biblioteca Seis do Nadal

1 dic 2025

RETO KAPLA DECEMBRO

Este decembro, a biblioteca transfórmase nun circo máxico onde as pezas de Kapla son as verdadeiras estrelas. No gran circo do Nadal, as pezas fan piruetas e equilibrios imposibles, ata converterse nunha espectacular árbore de Nadal! 

Únete á diversión durante os recreos de decembro. Achega a túa creatividade e habilidade para construír a árbore de Nadal máis orixinal. Traballa en equipo, comparte as túas ideas e... que comece o espectáculo!!!

 

Recolle a túa folla de retos na biblioteca. É o teu pasaporte á aventura! Se superas o reto do mes, recibirás unha fantástica pegatina para a túa folla. Se consigues as sete pegatinas ao longo do curso, recibirás unha pequena recompensa como premio ao teu esforzo e dedicación.


Non perdas esta oportunidade de ser parte do circo máis creativo da biblioteca!