22 sept 2025

ARANTZA PORTABALES INAUGURA O CLUB DE LECTURA

O xoves 18 de setembro, o Club de Lectura de Adultas "Ás seis no Seis" abriu as súas portas a unha nova tempada chea de misterio e lecturas. 

A escritora Arantza Portabales acompañounos nunha tarde especial, na que nos mergullamos nas páxinas do seu último libro, ”Asasinato na casa rosa”.

Vestidas de rosa, acompañamos á inspectora Iria Santaclara e a César Araujo na intrincada tarefa de desvelar os segredos da familia Villamor. Unha viaxe a través de mentiras, intrigas e a atmosfera enigmática dunha casa que garda máis do que amosa e que atrapa ao lector/lectora desde a primeira páxina.

Arantza compartiu con nós a esencia da súa obra: a súa inspiración, o proceso de creación da novela, a historia que se esconde detrás de cada personaxe e detalles. A súa proximidade e simpatía crearon un ambiente cálido e acolledor.

A novela "Asasinato na casa rosa", cos seus capítulos curtos e a súa linguaxe fluida, invita a mergullarnos nunha trama intricada onde nada é o que parece. 


Os personaxes, tanto principais como secundarios, están construidos con gran profundidade, explorando a súa psicoloxía e as súas motivacións. A autora amosa a complexidade das relacións humanas e a capacidade que teñen as persoas para ocultar a súa verdadeira identidade.

Ademais, a ambientación xoga un papel fundamental na novela. O pobo costeiro galego, co seu ambiente misterioso e as súas paisaxes evocadoras, convértese nun personaxe máis, contribuindo a crear unha atmósfera de suspense e intriga. Esta obra é só o comezo da serie "Os crimes de Loeiro" prometendo máis misterios por resolver.


O encontro rematou coa sinatura de libros, un momento máxico de conexión entre a autora e as lectoras. Compartimos doces, froita e unha infusión de xenxibre e limón que endulzaron a xornada.


Grazas, Arantza, por unha tarde inesquecible!

18 sept 2025

BUSCAMOS AXUDANTES

A biblioteca é un espazo para soñar, para aprender, para compartir, onde cada man pode axudar, cada ollada pode descubrir e cada voz pode contar. Cada persoa que participa fai que medre e se encha de vida.

Se estás en 6º de Primaria e queres formar parte deste equipo agardámoste no recreo do luns 22 de setembro no que explicaremos o seu funcionamento.

Animádevos!!!

17 sept 2025

PROXECTO DOCUMENTAL ANUAL

Este curso o Seis convértese nun gran CIRCO abrindo as portas da nosa gran carpa mergullándonos na maxia que envolve este espectáculo.

Convidamos ás crianzas a explorar o mundo como verdadeiros/as artistas de circo: facendo malabares coas ideas, buscando equilibrio nas emocións, descubrindo a música da aprendizaxe e deixando que a súa creatividade se eleve como acrobacias no aire.

Un proxecto no que seguiremos a traballar por un futuro sostible, colaborando conxuntamente para acadar os Obxectivos ODS da Axenda 2030.

Agardamos contar coa vosa colaboración nas distintas actividades de investigación e creación propostas dende o cole!!!

15 sept 2025

A BIBLIOTECA POLAS TARDES

Co inicio das actividades extraescolares procedemos á apertura da Biblioteca polas tardes informando dos horarios, as normas e as actividades que se desenvolven.

14 sept 2025

CLUBS DE LECTURA

Voltan os Clubs de Lectura do Seis!

Se che gustan os libros e as historias, este é o teu lugar. No Club de Lectura poderás compartir lecturas, falaremos dos nosos personaxes favoritos, recomendaremos libros e descubriremos novas aventuras xuntos.

Se estás en 5º ou 6º de Primaria e queres formar parte desta experiencia, agardámoste o martes 16 de setembro no recreo. Alí explicaremos  como funciona o Club e como podes participar.