31 mar 2025

I ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA

O xoves 27 de marzo tivemos o I Encontro dos Clubs de Lectura do Ceip Alfonso D. Rodríguez Castelao de Navia e do Ceip Plurilingüe Seis do Nadal.

Nesta primeira ocasión, cos nosos clubs de lectura de 5º e 6º, acercámonos ao Ceip Castelao para ter un encontro literario co escritor Pere Tobaruela e poder conversar sobre o libro que lemos, “Formig4s. Misión Entroido”.

Pere levounos ao seu mundo de imaxinación e creatividade a través das súas verbas explicándonos que o obxectivo das súas historias é que o lector/lectora desfrute e tamén  que aprenda.

Este enfoque didáctico permitiunos coñecer mellor o noso entroido tradicional no que a narrativa e a banda deseñada danse a man.

Chegado o momento o alumnado puido preguntarlle todo o que querían saber sobre os personaxes, temática, inspiración... e tamén que un novo título, “Formig4s. Misión Samaín”, estará en breve nas librarías para poder desfrutar dunha nova aventura destes fantásticos personaxes.

Rematamos a xornada cun pasapalabra sobre o libro.

Como agasallo entregamos á rapazada dos clubs de lectura unha chapa e un marcapáxinas como recordo desta marabillosa xornada !!!

Moitas grazas a Pere por acompañarnos e compartir o teu tempo con nós!!

30 mar 2025

30 ANIVERSARIO DE PONTE...NAS ONDAS!

O noso centro participou na celebración do 30 aniversario da Asociación Ponte...nas ondas! asistindo o 26 de  marzo á Universidade de Vigo para interpretar o novo himno da asociación que foi composto pola compositora Ana Senlle e o músico Pancho Álvarez.

Os protagonistas desta xornada foron a música popular, o patrimonio inmaterial e a radio escolar.

No seguinte vídeo podedes ver e escoitar o himno.

27 mar 2025

ARTESANÍA NAS MOCHILAS VIAXEIRAS

Este curso o Seis convértese nunha Feira Artesanal, por iso,  nas mochilas viaxeiras ían propostas para facer en familia, empregando diferentes materiais de refugallo, pezas de madeira, elementos da natureza...

Compartimos uns exemplos das producións das familias que están expostas no vestíbulo do centro: cara de lixo reciclada, paxaros de madeira, punto de cruz con material reutilizable...

Grazas pola vosa colaboración!!

Mochilas Viaxeiras de Biblioteca Seis do Nadal

26 mar 2025

FAMILIAS LECTORAS

Familias que nos acompañaron neste mes de marzo e contaron un conto:

Juan Carlos, pai de Nora, 4º de Edº Infantil, “Los tres osos”, un conto popular inglés no que os osos reciben unha visita que altera a tranquilidade do seu fogar.

Elina, nai de Lucas, 5º de Edº Primaria, contounos “As pescadoras”, unha adaptación dun conto tradicional da India, que destaca polo seu poder evocador dos sentidos a través da decrición de lugares, sons, aromas… así como unha minuciosa escenografía con pequenas figuras, personaxes, obxectos e adornos alaborados con madeira, cartón, aramios ou elementos textiles.

Carlos, avó de Antón, 5º de Edº Infantil, contounos a historia de “A máscara do león”.

Cintia, nai de Erea, 5º de Edº Infantil, falounos de Tuco e Tico, dous monos que teñen en común a árbore na que viven e os seus veciños. Tuco é tranquilo e Tico é inquieto. Poderá a amizade superar as súas diferencias?. “Déixame en paz”.

Jose, pai de Luis, 1º Edº Primaria, unha fermosa historia para darse conta de todo o que pode perderse se deixas que os teus medos te deteñan,“E se me come unha balea?”.

Na clase da súa filla Noa de 2º Primaria, contoulles “Daniela pirata e a bruxa Sofronisa”. Á bruxa non lle gusta que a xente sexa feliz e quere que Daniela e os piratas do Caimán  deixen de sorrir.

Nati, nai de Alicia, 5º Edº Infantil, un fermoso álbum sobre o nacemento do arco da vella, “Sete dentes de león”. Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo.

Sonia, nai de Xoel, 5º de Edº Infantil. Unha divertida historia contada en verso, “Conejo y sombrero”, na que acompañado do seu outro fillo Diego fixo varios trucos de maxia.

Ana Paula, nai de Eneko, 6º de Edº Infantil, ”A canción do cambio”, un himno ilustrado que a autora adica aos nenos e nenas que desexan alzar a súa voz para conseguir un mundo mellor.

Alejandro, pai de Nora, 4º de Edº Infantil, “Lola busca el arcoíris”. A lola gústanlle os arcos da vella máis que nada no mundo. Busca as cores por todas partes e comenza a súa aventura. Lola non se rinde, quere un arco da vella para ela soa.

Grazas por compartir con nós o voso tempo!!!

25 mar 2025

CHARLA CO LUTHIER ALBERTO DÁVILA

Co gallo do "Día do artesán/artesá", o 19 de marzo, tivemos a visita do Luthier Alberto Dávila, que deu unha charla sobre o seu traballo como artesán de instrumentos de corda e percusión.

Trouxo mostras de laude, viola de gamba, zanfoña... feitos no seu taller así como diferentes materiais e madeiras que emprega para construir os instrumentos musicais.

Todo o alumnado do centro desfruto da oportunidade de coñecer este oficio artesanal. Moitas grazas!!!

24 mar 2025

CINE NA BIBLIO EN MARZO

Polo mes de marzo no Cine da Biblio proxectamos un ciclo de curtametraxes protagonizadas por nenas e mulleres, historias extraordinarias, cheas de imaxinación.

Así o alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria puideron desfrutar de “Soar”, a historia de Mara, unha nena de 13 anos que soña con deseñar avións. Coñeceron a Anya, unha nena orfa que vive nun orfanato en Rusia. E que trata de superarse cada día para conseguir ter a súa propia familia. E puideron facer voar a imaxinación con 3 mulleres fantásticas capaces de dominar unha onda do mar cos seus cantes e bailes ou emocionarse coa filla do queixeiro que axuda e anima ao seu pai para que non se rinda.

O alumnado de Infantil e 1º ciclo de Primaria pola súa banda descubriron a Alice con un don para debuxar e facer sorrir a quen a rodea. E a nenas cunha gran empatía dispostas a salvar animais ou revoltosas con facilidade para facer amizades sen importar a idade.

23 mar 2025

FAMILIAS COLABORADORAS

Continuamos co noso proxecto documental e contando coa colaboración das familias. Nesta ocasión, foi o pai de Vera, de 4º de primaria, o que nos explicou o proceso para deseñar cabaliños de madeira.

Lixamos as diferentes pezas e ata fixemos buracos co taladro. Agora toca empregar a nosa imaxinación e creatividade para decoralos e pintalos e posteriormente expoñelos no corredor de carpintería.

22 mar 2025

SALÓN DO LIBRO 2025

O XXVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, desenvolverase no Pazo da Cultura do 21 de marzo ao 6 de abril.

Coincidindo co aniversario dos 130 anos de nacemento do cine, cando os irmáns Lumière realizaron a primeira proxección, este ano o tema do Salón é o CINE e a súa relación coa literatura.

O país convidado é Francia e a Bretaña, e compartirán con nós as súas linguas, literaturas e cultura, con actividades creadas para o Salón por persoas francesas afincadas en Galicia.

Un programa con máis de 300 actividades: música, narración oral, maxia, poesía, teatro, baile, gastronomía e, por suposto, cinema.

Festexará cunha programación especial o Día da Narración Oral, do Teatro, das Artes Galegas, a chegada da primavera ou o eclipse.

Un evento máis accesible e inclusivo e implementará entre outras medidas a lingua de signos nos espectáculos de inauguración e clausura do auditorio do Pazo da Cultura onde atoparemos novos espazos destinados a persoas en cadeiras de rodas e acompañantes. Haberá información e libros en braille, pictogramas, auriculares de redución de ruído…

Máis información en 

https://www.salondolibro.gal/

19 mar 2025

ENCONTROS PLAMBE 2024-2025

O xoves 20  de marzo asistiremos aos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, correspondentes ao curso 2024/2025,  nos que haberá intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura de non ficción a intelixencia artificial, a competencia lectora, a alfabetización mediática e informacional, o fotoálbum.

Ademais, presentaranse un total de 19 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, ALFIN, lecturas compartidas, radio, biblioteca LIA. 3 e outros...).

Un espazo de encontro das máis de 860 persoas coordinadoras no que as bibliotecas escolares de Galicia saen a escena, un ano máis!

PROGRAMA

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

18 mar 2025

8M E DÍA DA ARTESANÍA NA RADIO DO SEIS

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

A clase de 3ºB preparou un programa adicado ao 8M, Día Internacional da Muller, no que explicarán a importancia desta data e o Día da Artesanía para reivindicar o traballo dos artesáns e das artesás.

Desfrutade desta nova entrega!!!

17 mar 2025

DÍA DO CÓMIC E O TEBEO

O Día do Cómic e do Tebeo é unha celebración  que pretende recoñecer o valor do cómic e do tebeo, o peso da súa historia e a súa importancia no contexto actual, a súa diversidade, creatividade e calidade.

A autora do cartel deste ano é a ilustradora Bea Lema, Premio Nacional do Cómic 2024. Creadora do cartel "Xeografías lectoras na biblioteca escolar" , lema das bibliotecas escolares de Galicia no curso 2020/2021, no que nos  ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír. 

Grupo de Traballo "Comictecas" do Consello de Cooperación Bibliotecaria, do que forman parte as bibliotecas escolares de Galicia, vén de presentar unha publicación para celebrar esta data: "Cómic. 50 recomendacións para bibliotecas".

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

Unha pequena mostra dos cómics que temos na nosa biblioteca e as novidades en banda deseñada deste mes de marzo.

13 mar 2025

XOGOS DE MADEIRA

O mércores 12 de marzo, todo o alumnado desfrutou dunha xornada de xogos de madeira artesáns: esquis, balanzas, zancos, xenga, ra, catro en liña, construcións, labirintos, rampla...

Con estos xogos foméntase a aprendizaxe e o desenvolvemento de habilidades esenciais nos nenos e nenas.

Aprendemos a valorar os xogos tradicionais e a importancia de coidar o noso planeta xa que os materiais empregados son naturais e duradeiros.

Moitas grazas a nosa Anpa pola súa colaboración!!!


12 mar 2025

TEATRO DE SOMBRAS

O martes 11 de marzo recibimos a visita dun grupo de rapazas e rapaces do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona que fixeron unha adaptación do libro “Feliz Feroz. O lobiño riquiño” de El Hematocrítico en teatro de sombras.

O alumnado de 6º de Edº Infantil desfrutou con esta actividade e tamén experimentaron coas marionetas. Entregáronlles como agasallo un marcapáxinas. Moitas grazas pola vosa visita!!!

10 mar 2025

O ENTROIDO NA RADIO DO SEIS

O Entroido é o protagonista desta nova entrega da Radio do Seis.

A clase de 4ºA preparou un programa con información e curiosidades sobre esta festa tradicional e a súa celebración nas diferentes zonas de Galicia, as carautas, vestimentas e comidas típicas destas datas.

Agardamos que o desfrutedes!!

9 mar 2025

AS PALILLEIRAS DO SEIS

Para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, contamos coa presenza de tres mulleres, “As palilleiras do Seis” que nos amosaron as súas creacións: pulseiras, colares, pendentes, broches, e tamén un vestido con fermosos encaixes...

Poidemos observar como facían o seu traballo e tamén explicaron o proceso de realización dos encaixes, empregar patróns e facer un punto para palillar.

As ferramentas fundamentais que empregan son a almofada e os palillos. Grazas pola vosa visita!!!

8 mar 2025

OS FORMIGAS NO CLUB DE LECTURA DE 5º

Os Formig4s, son os protagonistas das conversas nunha nova xuntanza do Club de Lectura de 5º que se reuniu o venres 7 de marzo.

Durante a sesión, mergullámonos nesta historia e un taboleiro con máscaras así como un mapa permitiunos ubicar os diferentes entroidos de Galicia dos que se fala nesta nova aventura na que Paumao tenta acabar con esta festa.

Coma sempre acompañamos as nosas reunións cun doce mentras aportamos as nosas opinións sobre esta lectura coa que tanto desfrutamos!!!

7 mar 2025

BIBLIOLAB: XOIERÍA

No mes de Febreiro, as actividades que se desenvolveron na BiblioLab tiveron como eixo temático a Xoiería.

SOMOS XOIEIROS E XOIEIRAS

Fixemos pulseiras e colares empregando diferentes abalorios.

SOPAS DE LETRAS

Buscamos palabras relacionadas coa xoiería (coroa, ouro, prata, colar, pulseira...

XOGO DE MEMORIA

Atopamos as parellas de xoias.

ROBÓTICA

Xogamos a relacionar as imaxes de xoias coas partes do corpo onde se colocan.

MANDALAS

Decoramos libremente diferentes mandalas con símbolos celtas.

XOGA COAS XOIAS

Xogos de mesa relacionados coa xoiería (Unicornio Destello, Fiestas des perles, la morada maldita).

ESPÍAS DE XOIAS

Desciframos o código secreto para coñecer cales eran os símbolos das xoias celtas, o seu significado e que materiais empregaban para fabricar as súas xoias.