19 mar 2022

DÍA MUNDIAL DA NARRACIÓN ORAL 2022

O DÍA INTERNACIONAL DA NARRACIÓN ORAL conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. 

Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. 

Unha enquisa entre os integrantes do colectivo NOGA (Narradores Orais de Galicia) así o deixa claro: non hai día no que nalgún lugar da xeografía non estea un/unha narrador/narradora contando historias.

O 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.


Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo.


Entre os artistas participantes figuran Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Anxo Moure, Servando Barreiro, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

Nesta edición, o escritor, investigador e creador da web Galicia EncantadaAntonio Reigosa é o autor do Manifesto, un texto que chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

No hay comentarios:

Publicar un comentario